DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 24 de decembro de 2004 Páx. 18.084

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2004, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 30 de novembro de 2004, relativa ao proxecto de trazado da nova estrada de conexión N-640 coa N-550. Treito: variante de Vilagarcía de Arousa. Clave PO/01/003.00.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, faise pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 30 de novembro de 2004, relativa ao proxecto de trazado da nova estrada de conexión N-640 coa N-550. Treito: variante de Vilagarcía de Arousa, clave PO/01/003.00, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas e que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2004.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 30 de novembro de 2004, relativa ao proxecto de trazado da nova estrada de conexión N-640 coa N-550. Treito: variante de Vilagarcía de Arousa (PO/01/003.00), nos concellos de Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. (clave: 2004/0273).

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa resolución do 18 de xuño de 2004, aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da nova estrada de conexión N-640 coa N-550; treito: variante de Vilagarcía de Arousa (PO/01/003.00), nos concellos de Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa (Pontevedra).

O obxecto do proxecto é a definición da variante de Vilagarcía de Arousa ou nova estrada de conexión da N-640 coa N-550, cunha lonxitude duns 8,5 quilómetros.

No anexo I resúmese o contido do proxecto de trazado e no anexo II as medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental.

Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data 1 de xullo de 2004 publícase no DOG (nº 126) a Resolución do 23 de xuño de 2004, da Subdirección Xeral de Estradas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da nova estrada de conexión N-640 coa N-550; treito: variante de Vilagarcía de Arousa, constando durante o período de información pública a presentación de alegacións por parte dos concellos afectados, diversos particulares e comunidades de augas e de montes veciñais. Destas alegacións, as que teñen carácter ambiental foron tidas en conta, no que procede, ao longo do condicionado da DIA.

Con data 8 de novembro de 2004 recíbese na Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, no que se inclúen os certificados de exposición ao público nas distintas dependencias e os informes dos concellos afectados, copia das alegacións presentadas no dito período e os informes das direccións xerais de Saúde Pública, de Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza, do organismo autónomo Augas de Galicia e da Deputación Provincial de Pontevedra.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio, formula para os sos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado da nova estrada de conexión N-640 coa N-550; treito: variante de Vilagarcía de Arousa, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das citadas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -a ini

ciativa propia ou a proposta do órgano substantivo-, poderá ditar para os sos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A) Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese ás obras definidas no proxecto de trazado e E.I.A. da obra: variante de Vilagarcía de Arousa (ou nova estrada de conexión entre a N-640 e a N-550), de acordo coa configuración reflectida no plano nº 3 planta de trazado, do tomo II do antedito documento.

B) Condicións xerais

B.1) Fase de redacción do proxecto constructivo.

1. Definirase a localización das zonas destinadas a instalacións auxiliares, parque de maquinaria, amoreamentos de materiais, almacenamento de residuos, etcétera, primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

Así mesmo, no caso de que se produzan sobrantes dos movementos de terras, a selección das zonas onde se efectuará o seu depósito realizarase con criterios ecolóxicos, tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primara o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno.

2. Ademais de nas zonas establecidas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, proxectarase para as zonas de formigonado un sistema de recollida, condución e sedimentación da auga mesturada co formigón, evitando que se produza algunha vertedura destas augas cara a correntes de auga.

3. Definiranse as vías auxiliares a utilizar no proceso construtivo, primando o uso da traza fronte a camiños locais preexistentes e, de ambos, fronte á apertura de novas vías.

4. Evitarase modificar as redes de escorrega para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionaranse adecuadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

5. Procurarase que a configuración final dos noiros e terrapléns sexa o máis tendida posible, evitando as formas angulosas e rectilíneas co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación co seu contorno.

6. Incluirase o proxecto de restauración e integración paisaxística achegado no estudo de impacto ambiental.

7. Incluirase o programa de vixilancia ambiental proposto no estudo de impacto ambiental, adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos da presente declaración.

O obxecto deste programa será garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación), a periodicidade dos controis, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso.

Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:

-As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas, polo tanto, faranse naqueles momentos nos que poida existir unha afección sobre os aspectos que se vaian controlar.

-A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas, e deberán ir acompañadas de informe firmado polo técnico competente.

-O cronograma será actualizado para cada informe, e sempre deberá prever os labores de integración paisaxística.

B.2) Fase de replanteo.

Procederase ao balizamento ou, se é o caso, á sinalización das zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas. O balizamento deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas rematen. Queda expresamente prohibida a ocupación de terreos más alá do previsto.

Ademais, tamén se procederá ao balizamento ou, se é o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto, basi

camente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles.

B.3) Fase de obras e explotación.

1. Co fin de evitar posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de obras debido á acción da maquinaria e aos movementos de terra, aplicaranse medidas correctoras e minimizadoras consistentes na realización de regas de camiños e zonas de obra. Así mesmo, procederase ao recubrimento cun toldo impermeable dos camións que transporten material e ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así coma co estipulado, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

3. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.

4. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción. Asemade, evitarase a disposición de residuos ou produtos sólidos en zonas onde as escorregas puideran producir arrastres cara aos cursos fluviais coa conseguinte contaminación das augas continentais.

5. Estremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras precisas para a súa preservación.

6. Ao rematar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etcétera, deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se encontren situadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser utilizadas posteriormente ao remate daquelas.

7. Ao non estar definida, no estudo presentado, a reserva dunha zona para a fabricación de formigón ou aglomerado asfáltico, estes materiais deberán proceder de planta ou plantas alleas á obra e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión desta declaración coa inclusión da planta ou plantas.

8. Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo por esta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etcétera) sexan reciclados co fin de utilizalos na propia obra. No caso de que esto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.

9. No caso de que se precise material procedente de canteira para o desenvolvemento das obras, este deberá proceder de canteiras autorizadas.

Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais a utilizar para a construcción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos xeotecnicamente pouco exixentes, etcétera) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

10. A xestión da terra vexetal para utilizar na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao proceso de movemento de terras, realizarase do xeito indicado no estudo ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado conforme as prácticas habituais.

No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6 % de materia orgánica.

11. Todos os residuos que se xeren como consecuencia da execución e explotación da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou a reutilización fronte á vertedura.

Estes residuos almacenaranse en colectores ata a súa entrega a xestor autorizado, que estarán situados na zona de instalacións auxiliares ás obras, atendendo aos criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa situación.

Ao rematar as obras e antes do inicio da fase de explotación, deberanse ter retirado e xestionado adecuadamente a totalidade dos residuos de obra.

12. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non resulte afectada directamente pola execución da obra. Se tecnicamente resulta posible, non se eliminarán os tocos, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais. Así, a corta de vexetación cinguirase á estrictamente necesaria para a execución da obra.

Para a realización de cortas de especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, debendo realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

13. Os restos vexetais que se xeren deberán ser xestionados adecuadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos sobre o terreo, deberán ser triturados e esparexidos homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

14. Desenvolveranse os labores de restauración e integración paisaxística aos que se fai referencia no punto B.1.6 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación e procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puideran aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.

15. Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fora preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

16. No caso de afectar a fontes e/ou captacións de auga existentes no ámbito da traza, estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais.

17. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan utilizadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.

18. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos.

19. No caso de que como resultado de levar a cabo o programa de vixilancia ambiental indicado no punto B.1.7 desta DIA, se detecten impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C) Condicións específicas.

C.1) Fase previa á de redacción do proxecto construtivo.

1. Desenvolveranse as medidas sinaladas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para os elementos do patrimonio arquitectónico Muíño do Rego da Aldea, Pazo de Rubiáns, Pinar do Pazo e os do patrimonio arqueolóxico Pinar do Pazo (GA36060025), Túmulo de Santa Catalina (GA36005026) e Pinar do Pazo (GA36005025).

Estas medidas desenvolveranse nun documento que se remitirá á citada dirección xeral para o seu informe. En calquera caso, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, estarase ao disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

C.2) Fase de redacción do proxecto construtivo.

1. Redactarase un programa de actuacións sobre o patrimonio cultural conforme os informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en relación co sinalado no punto C.1.1. da DIA. En calquera caso, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural estarase ao disposto pola citada dirección xeral.

2. Dada a existencia de entidades de poboación no contorno do proxecto (Os Ánxeles, Guillán, Sta. Catalina...) e co obxecto de minimizar as afeccións sobre a poboación, teranse en conta as seguintes medidas:

-No deseño das voaduras, así como na planificación dos métodos de execución destas, incluiranse as medidas protectoras e correctoras precisas para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos. Estas actuacións serán obxecto de especial seguimento.

-Incorporaranse ao proxecto definitivo as pantallas vexetais propostas para minimizar a afección sonora que se deduce do estudo de ruídos incluído no estudo ambiental, co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais dos concellos de Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

3. As obras de drenaxe transversal serán, na medida do posible, de tipo pórtico, evitando adoptar pasos tipo marco ou tubo; se ben no caso de adoptar estas últimas tipoloxías (marco e/ou tubos), estas deseñaranse atendendo ás seguintes prescricións:

-Adoptaranse estruturas sobredimensionadas, cuxa soleira deberá dispoñerse, cando menos, 0,50 cm por debaixo da cota do leito natural.

-No caso específico dos marcos, ademais, dotaranse de plataformas por ambos lados para permitir o paso de fauna terrestre, anfibia e dos pescadores.

-O deseño destas infraestruturas debe garantir que non se xeran, no punto de paso, láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, ademais de que se minimiza a lonxitude do paso o máximo posible.

4. Ademais de cumprir os condicionados indicados no punto B.1.7, o programa de vixilancia ambiental a incluír no proxecto constructivo deberá contemplar especificamente os seguintes aspectos:

-Respecto ao plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras indicado no estudo ambiental, completarase a lista de parámetros a analizar cos seguintes: temperatura, condutividade e aceites e produtos lubricantes.

-Ampliar o plan de seguimento dos ruídos ao que se fai mención no estudo ambiental, tanto para a fase de obras como durante a explotación da vía, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía,

periodicidade e límites a impoñer, elixindo para a realización das medicións os puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, de 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. Asemade, contemplaranse as medidas correctoras adicionais necesarias para o suposto de que durante o seguimento do nivel de ruído se comprobe que os niveis superan os límites establecidos na normativa vixente.

-Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación do sistema, de maneira que cumpra a súa función dun modo efectivo.

En todos os casos situaranse os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou maior detalle.

C.3) Fase de replanteo.

1. Previamente a calquera actuación sobre o ámbito do proxecto correspondente ao dominio público hidráulico, deberá dispoñerse da autorización oportuna outorgada polo organismo autónomo Augas de Galicia.

2. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestructuras e instalacións proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo que se procederá ao balizado ou sinalización adecuada dos treitos da totalidade dos cursos fluviais afectados (ríos do Con, Ramallal, Guillán, Funcín, regos de Cadorra, Carballido...), co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espazos (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñer a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.

C.4) Fase de obras.

1. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación asociada ás ribeiras dos cursos fluviais afectados pola traza (río do Con, Ramallal, Funcín...) rexerá o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.

2. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto B.1.1, deberase contar cos correspondentes permisos.

3. Tal como se propón no estudo ambiental, ademais da construción dun paso específico para fauna, as obras de drenaxe transversal deberán poder ser utilizadas como pasos por parte da microfauna (herpetofauna e micromamíferos), polo que deberán implementarse de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes, así como dotarse do tratamento que direccione a fauna cara a eles. Ademais, consideraranse como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistos de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, previndo que todas as especies que caian poidan saír.

4. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, en todas aquelas que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos e desprendementos. Esta medida cumprirase especialmente nos terrapléns e noiros de desmonte de maior tamaño identificados no estudo ambiental. No caso de ser precisas, adoptaranse medidas protectoras adicionais para previr a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.

5. A Dirección Xeral de Obras Públicas, levará a cabo o programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto constructivo segundo o indicado nos puntos B.1.7 e C.2.4 desta DIA. Para esta fase se elaborarán os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:

a) Trimestralmente:

-Cronograma actualizado das obras.

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental que cumpra cos condicionantes da presente DIA. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse as medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas continentais.

-Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman.

b) Antes da emisión da acta de recepción: memoria resumo da aplicación do programa de vixilancia ambiental que reflicta o cumprimento de todas as medidas protectoras e correctoras contempladas no estudo ambiental así como as impostas nesta DIA, en concreto:

-Informe no que se reflicta o estado da vía e dos traballos de integración paisaxística levados a cabo, indicando, se é o caso, un resumo das variacións producidas ao longo das obras respecto do proxectado, que deberán vir reflectidas nos informes do

punto anterior. Incluirá unha reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano coa súa localización.

-Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

C.5) Fase de explotación.

A Dirección Xeral de Obras Públicas elaborará anualmente un informe, incluíndo o seguinte:

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto construtivo segundo o solicitado nos puntos B.1.7 e C.2.4 desta DIA.

-Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data e a hora da toma, así como a localización dos puntos de toma das fotografías nun plano.

-Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2004

José Manuel Álvarez-Campana Gallo

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto consiste na construción da variante ao concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), conectando ao norte coa estrada PO-548 (antiga C-550) á altura de Carril e ao sur coas estradas N-640 e PO-531 (antiga C-531). Preténdese desviar así o tráfico que atravesa o núcleo de Vilagarcía de Arousa sen que este sexa o seu destino. A lonxitude total do tronco é duns 8.500 m.

Nun primeiro treito, a estrada discorre cara ao sur mediante unha sucesión de aliñacións curvas de raio mínimo 470 m ata o p.k. 2+160. Neste treito atravésanse catro camiños que se repoñen coa construción de dous pasos inferiores e dous superiores para posibilitar a comunicación leste-oeste. Do p.k. 1+500 ao 1+800 aproximadamente discorre paralelamente ao núcleo de Guillán.

A partir deste p.k. 2+160 ata o 5+040, punto quilométrico do segundo enlace proxectado, sucédense aliñacións rectas e curvas de raio mínimo 650 m. Neste treito atravésanse de novo varios camiños que se repoñen mediante a construción de pasos inferiores ou superiores á variante, sendo de certa importancia o camiño que se repón no p.k. 4+280, posto que comunica o núcleo urbano de Vilagarcía de Arousa e outros núcleos dispersos de poboación co núcleo de Castrogudín ao leste. Tamén neste treito, á altura do p.k. 3+720, atravésase o río do Con

polo que se discorre en terraplén e para o que se proxecta unha obra de drenaxe tipo marco de dimensións 3,5x3,5 m, que tamén serve para paso de fauna.

No p.k. 5+040 localízase o enlace coa estrada autonómica PO-305. Aquí comeza o treito que discorre ata o terceiro enlace da variante, no p.k. 7+550. Neste treito sucédense aliñacións rectas e curvas de raio mínimo 600 m e atravésanse de novo varios camiños que se repoñen mediante a construción de pasos inferiores ou superiores á variante. No p.k. 5+360 atravésase o regato de Ramallal, polo que se discorre en terraplén e para o que se proxecta unha obra de drenaxe tipo cano de 1,8 m de diámetro, que tamén serve para paso de fauna. Entre os p.k. 7+080 e 7+180 crúzase en viaduto sobre o FFCC no p.k. 7+120 e sobre a estrada nacional N-640 no p.k. 7+170.

No p.k. 7+550 faise a conexión co futuro enlace coa N-640 ao norte e ao leste, coa PO-531 (antiga C-531) ao sur e co novo vial de acceso ao porto de Vilagarcía de Arousa ao oeste (en fase de proxecto actualmente polo Ministerio de Fomento).

Desde este enlace continúase polo leste da estrada PO-351 (antiga C-531) en terraplén ata o p.k. 8+500, onde remata a variante e continúa a PO-531. Neste treito atravésase un camiño de certa entidade que comunica a estrada PO-531 co núcleo de Fonsín, que se repón mediante un paso inferior, e o regato de Funcín, ao que se lle da saída pola estrada mediante unha obra de drenaxe tipo cano de 1,8 m de diámetro. Á altura deste p.k. discorre o regato de Cadora lindante coa estrada, proxectando para iso un canal de desvío ao que se une o caudal do regato Funcín para reconducilos cara ao río Umia ao sur.

A variante remata na conexión coa PO-531, onde se proxecta o cuarto enlace, que da continuidade á mencionada estrada cara a Pontevedra e viceversa. Este enlace proxéctase para permitir o movemento de Pontevedra cara a Vilagarcía de Arousa ou cara ao porto (sur-norte) e viceversa dado que no enlace 3 estes movementos non están permitidos.

No que se refire aos incumprimentos do trazado en planta, soamente se incumpre na lonxitude do carril de cambio de velocidade (aceleración) para o ramal do enlace que dá continuidade á estrada PO-531 cara ao sur (eixe 10). No entronque deste ramal de enlace co tronco principal da variante soamente se dispón dunha cuña para a entrada posto que a edificación situada no p.k. 8+400 impide a ampliación da calzada nese punto.

A continuación descríbese o trazado en planta dos 4 enlaces que se prevén na variante. A definición dos eixes dos ramais foi realizada no sentido de avance no ramal, coincidindo o eixe de definición xeométrica coa liña branca da beiravía interior, agás nas glorietas, onde o eixe coincide coa liña branca da beiravía exterior e o sentido de avance é o contrario ao de circulación por ela.

Enlace 1: PO-548 ao norte e ao sur.

Trátase dun enlace mediante glorieta a nivel con tres entradas/saídas: a propia variante, a PO-548 desde cara a/desde o sur e a PO-548 cara a/desde o norte.

Enlace 2: PO-305 leste e ao oeste.

A tipoloxía de enlace é a de diamante con glorieta a distinto nivel con dúas obras de paso. Neste caso a glorieta pasa por encima da vía principal, conectando con ela os dous treitos en que se ve dividida a estrada PO-305 coa que pretende enlazar e os ramais de subida desde a vía principal e de baixada desde a glorieta cara á vía principal. A glorieta superior proxéctase descentrada respecto da vía principal previndo o futuro desdobramento desta cara ao oeste. Así mesmo, os ramais de subida á glorieta e baixada desde a glorieta proxéctanse desprazados, localizándose as entradas á glorieta na situación definitiva tras o desdobramento da vía.

Enlace 3: N-640 ao norte e este, PO-531, e novo vial de acceso ao porto.

A tipoloxía de enlace é a de diamante con glorieta a distinto nivel baixo a vía principal. A actuación prevista neste enlace é a conexión coa glorieta inferior a través de dous ramais desde a vía principal, un de saída en sentido norte-sur e outro de entrada no sentido contrario; ademais si foi contemplado un ramal tipo bypass desde o tronco cara ao novo vial de acceso ao porto e non se contemplaron os ramais de subida desde a glorieta cara ao sur da variante e de baixada cara á glorieta en sentido oposto, posto que estes movementos se realizan desde o último enlace proxectado (enlace 4) a través da propia PO-531 e da glorieta deste enlace que describimos. O tronco da vía principal discorre en viaduto sobre a glorieta inferior desde o p.k. 7+410 ao p.k. 7+660. Así mesmo, a estrada N-640 ao leste conecta nun primeiro nivel co novo vial de acceso ao porto cara a o oeste. Nun segundo nivel sitúanse a glorieta e as vías que chegan a ela (eixes 3 e 4 obxecto deste proxecto, a N-640 ao

norte, a PO-531 e os ramais do novo vial de acceso ao porto e da N-640 ao este). O terceiro nivel está constituído polo tronco da variante.

Enlace 4: estrada PO-531.

A variante finaliza no p.k. 8+500 na conexión coa PO-531, proxectándose arredor do p.k. 8+000 o cuarto enlace, que da continuidade á mencionada estrada cara a Pontevedra e viceversa. Trátase dun semienlace tipo trompeta e proxéctase para permitir o movemento de Pontevedra cara a Vilagarcía de Arousa ou cara ao porto (sur-norte) e viceversa dado que no enlace 3 estes movementos non están permitidos.

ANEXO II

Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental

Atmosfera.

-Limitar as operacións de carga/descarga de materiais, execución de escavacións, e en xeral todas

aquelas actividades que poidan dar lugar á emisión/mobilización de po ou partículas, a períodos nos que o rango de velocidade do vento sexa inferior a 10 km/h ou a última hora da tarde. Evitar obras os días nos que se prevé a entrada de frontes.

-Durante as obras, especialmente en períodos secos, controlarase a emisión de po xerado polo movemento de maquinaria pesada, mediante regas periódicas das zonas de obra.

-Para o control das emisións de gases e partículas contaminantes procedentes dos motores de combustión interna das máquinas aplicarase a Directiva 97/68/CE, do 16 de decembro.

Sistema hidrolóxico.

-O parque de maquinaria e as instalacións auxiliares situaranse nunha zona onde as augas superficiais non se vaian ver afectadas.

-Control do movemento de terras cando este se realice nas inmediacións dos leitos, para evitar así que cheguen sedimentos ás augas superficiais. Cumprirase co Real decreto 849/1986, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e o Real decreto 1315/1992, de modificación parcial do anterior.

-A escavación que se realice na zona de préstamos e vertedoiro non afectará o nivel freático.

-Non se realizará o lavado de maquinaria ou o seu mantemento e repostaxe en zonas distintas á que está designada para o efecto para realizar este tipo de operacións. Na zona de instalacións de obra disporase un lavadoiro de maquinaria cunha balsa de sedimentación asociada.

-Todos os residuos producidos na obra serán clasificados e segregados na súa orixe.

-Recoméndase utilizar as infraestruturas existentes nas vilas máis achegadas ás obras para instalar as oficinas, os vestiarios e as duchas.

-Realizarase un control da rede de drenaxes executadas.

Solo.

-Limitar a ocupación do solo situado en lugares de interese especial.

-Xestionar e conservar a capa de solo fértil situada na zona a ocupar polas obras.

-Previr a posibilidade de que se produzan verteduras contaminantes nos solos próximos ao trazado durante a execución dos traballos.

Vexetación e control da erosión.

-Utilizaranse, no caso de ser preciso, especies autóctonas nas plantacións que se realicen no contorno das obras ou, no seu defecto, procederase a unha hidrosementeira da zona afectada.

-Para a localización da zona de préstamo e vertedoiro deberanse evitar as zonas excluídas pola súa riqueza en elementos vexetais.

-Teranse en conta as especificacións realizadas para a conservación e utilización dos acopios de terra vexetal que se utilizarán na revexetación de terrapléns e outras zonas que se van restaurar.

-Nas zonas con maior probabilidade de erosión a revexetación realizarase o antes posible.

-Instalaranse foxos de garda na cabeceira de desmonte para evitar a erosión da auga de escorrega.

-Á saída das obras de drenaxe con certa pendente construiranse revestimentos de escollos para evitar a erosión das soleiras.

-Plan de restauración e revexetación.

Fauna.

-Adecuación das obras de drenaxe para pasos de fauna e construción dun paso específico noutro punto. Mantemento destes pasos na fase de explotación.

-Control exhaustivo das posibles verteduras na zona de obras próxima aos ríos para evitar afectar a fauna piscícola.

-Evitarase realizar voaduras no período de reprodución de aves a unha distancia inferior a 2,5 quilómetros.

Paisaxe.

-Os vertedoiros e/ou zonas de préstamo situaranse en lugares sen vexetación de interese.

-Minimizar o impacto visual ocasionado por movementos de terras, almacenamento de materiais, presenza de vehículos, máquinas e edificios provisionais, etc., mediante establecemento de barreiras visuais.

-Ordenamento das zonas de aparcadoiro nocturno da maquinaria e vehículos de xeito que permanezan dentro de áreas valadas.

-Respecto do modo de vertedura, non se deberán verter indiscriminadamente materiais con diferentes granulometrías. Incorporarase unha capa de 20 cm de terra vexetal ao finalizar os traballos ademais da mestura de especies herbáceas e arbustivas.

-Revexetaranse as zonas ocupadas polos vertedoiros con especies autóctonas.

-Repoñerase a calidade ambiental das áreas colindantes ao trazado afectadas pola fase de construción.

-Realizarase unha limpeza xeral da zona afectada á finalización das obras.

-Prohibición de queimar os restos de obras.

-Redondearanse as cabeceiras dos noiros.

-A utilización de sobrantes para recheo e a revexetación deberán facerse de tal modo que colabore á integración paisaxística da estrada.

-Complementaranse as estruturas do trazado co contorno colindante, considerando factores como o ton cromático delas.

Ruído.

-Aumentar o máximo posible a fluidez do tráfico, tanto na zona de obra coma nos posibles servizos intersectados, onde se poden ocasionar retencións e aumento de niveis acústicos considerables.

-Minimizar na maior medida posible o tempo de funcionamento da maquinaria pesada e resto de vehículos e máquinas que supoñan un aumento nos niveis acústicos.

Control da erosión e a estabilidade.

-Realizaranse plantacións selectivas naquelas zonas que requiran nova actuación non prevista no plan de revexetación e aquelas que presenten marras.

-Dispoñeranse os oportunos órganos de desaugamento, que minimizarán a escorreita superficial sobre os noiros e a implantación dunha cuberta vexetal que fixe o substrato.

-Durante a execución do noiro farase un control minucioso mediante persoal especializado en xeoloxía-xeotecnia.

-Prestarase especial atención á correcta revexetación dos noiros

Patrimonio cultural.

-Muíño do rego da Aldea: levarase a cabo unha limpeza do muíño e con posterioridade procederase á desmontaxe e traslado do muíño baixo control arqueolóxico.

-Pedra de Meadelo: non foi localizada durante a prospección arqueolóxica así que no momento da localización estableceranse medidas correctoras que deberán ser aprobadas pola Dirección Xeral de Patrimonio cultural.

-Realizarase un seguimento e control arqueolóxico continuo, logo de balizamento e sinalización, dos seguintes elementos:

-Torre de Meadelos.

-Muíño do rego do Carballido.

-Pedra do encanto.

-Túmulo de Santa Catalina.

-Túmulo do Piñeiral do Pazo.

-Xacemento do Piñeiral do Pazo e Xacemento de Sobreira.

Medio socioeconómico.

-As operacións de información durante o período de traballo mediante paneis, sinais indicativos e publicidade nos medios locais.

-Organización da zona de obra.

-Sinalización de rutas automobilísticas alternativas.

-Axuste do cronograma dos traballos, especialmente ao sector industrial, evitando molestias durante as horas de entrada e saída nas empresas do contorno.