DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 24 de decembro de 2004 Páx. 18.072

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2004 pola que se convoca un curso básico de capacitación para gardas de policía local.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso básico de capacitación para gardas de policía local, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dotar os policías dunha formación teórico-práctica que complemente os coñecementos adquiridos na súa preparación das correspondentes probas de oposición, para que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron recentemente as correspondentes probas de acceso á categoría de garda da policía local dos diferentes concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 14 de xaneiro de 2005 para efectuar a correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade no que soliciten a participación no curso, no que figure a listaxe de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de garda da policía local e cubrir o anexo con todos os datos nel reflectidos, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 14 de xaneiro de 2005.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Previamente remitiranse por fax para axilizar os correspondentes trámites.

Contido e duración.

O curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade en sesións de mañá e tarde, de luns a

venres, e nel trataranse entre outros os seguintes módulos:

-Misión e funcións policiais.

-Policía de protección e seguridade.

-Policía de tráfico e transporte.

-Policía xudicial e de investigación.

-Policía administrativa.

-Módulo transversal.

-Módulo profesional: formación en centros de traballo (concellos).

O curso terá unha duración de nove meses, seis de formación teórica na Academia Galega de Seguridade e tres de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Datas.

O curso principiará o vindeiro día 17 de xaneiro de 2005.

O horario será de 9.00 a 20.00 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade durante o seu período de permanencia nesta rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado.

Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable completar tanto a fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar todas as materias que figuren no programa, como a fase de prácticas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 16 de decembro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA