DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 24 de decembro de 2004 Páx. 18.070

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2004 pola que se convoca un curso de capacitación para a escala técnica (oficiais) de policía local.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de capacitación para a escala técnica (oficiais) de policía local, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Mellorar o compromiso profesional de servizo público aos cidadáns, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

-Facilitarlles aos alumnos unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lles permita un mellor exercicio da súa función profesional.

-Dotalos das ferramentas técnicas e estratéxicas que lles permitan unha organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

-Implicar os alumnos nos procedementos e filosofías de xestión adecuados para acadar habilidades sociais e organizativas para unha calidade de servizo e unha eficacia progresivas.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros dos corpos de policía local que recentemente superaran o proceso selectivo para a categoría de oficial, tanto por oposición libre como por promoción interna, dos distintos concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 14 de xaneiro de 2005 para efectuar a correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición ou a fase de concurso e cubrir o anexo con todos os datos nel reflectidos, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 14 de xaneiro de 2005.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Previamente remitiranse por fax para axilizar os correspondentes trámites.

Contido e duración.

O deseño deste curso inclúe as seguintes áreas e módulos:

* Área operativa profesional.

Módulo I. Policía de tráfico e transporte.

Módulo II. Policía de protección e seguridade.

Módulo III. Policía xudicial e de investigación.

* Área xurídica.

Módulo IV. Aplicación policial do dereito penal e procesual.

Módulo V. Aplicación policial do dereito administrativo.

* Área de xestión e dirección.

Módulo VI. Organización de servizos e recursos.

Módulo VII. Comunicación e liderado.

* Traballo ou tese individual.

Que será escollido polo alumno e que consistirá na elaboración dun proxecto de investigación, organización ou dirección, que debe estar referido á súa actividade profesional, tendo como obxectivo xeral a mellora do contorno de traballo ou da organización xeral nos que o alumno vai desempeñar os seus cometidos profesionais.

O curso terá unha duración de tres meses (250 horas lectivas).

Estrutura do curso.

Este curso tén dúas partes ben diferenciadas, que se complementan necesariamente: unha delas é de tipo presencial, e outra que responde ao modelo de formación a distancia, coas necesarias titorías e facilitación de material para os propios alumnos desta fase.

Para aqueles alumnos de novo ingreso nos corpos de policía local, esta segunda fase completa tamén o período de prácticas no seu posto de traballo.

Datas.

O curso principiará o vindeiro día 17 de xaneiro de 2005.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade, durante o seu período de permanencia na academia, rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG nº 144, do 28 de xullo de 1995.

Certificado.

Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable superar todas as materias que figuren no programa.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 16 de decembro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade