DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 24 de decembro de 2004 Páx. 18.052

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 3 de decembro de 2004 pola que se declara de interese galego a Fundación Santiago Centro, Área Comercial, e se ordena a súa inscrición na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego desta consellería.

Con data do 26 de novembro de 2004, publicouse no Diario Oficial de Galicia número 231, a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 17 de novembro de 2004, pola que se clasifica como de interese social á Fundación Santiago Centro, Área Comercial, ads

cribíndose á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, que terá que exercer o protectorado plenamente sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo seis dos seus estatutos, ten por finalidade:

«A dinamización socioeconómica e cultural do espazo urbano de Santiago de Compostela coñecido como ensanche, a través da promoción da actividade comercial, cultural, científica, etc., e mediante a realización de todas aquelas actividades que conveñan ao establecemento, promoción e xestión dun centro comercial aberto, incluíndo, se é o caso, as actividades económicas, culturais, sociais, de formación e calquera outras análogas que favorezan a consecución dos devanditos fins».

Por todo isto, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, (modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro), reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, (modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro), e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase de interese galego a Fundación Santiago Centro, Área Comercial, ao cumprir os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Disposición adicional

Inscribirase a Fundación Santiago Centro, Área Comercial, na sección do Rexistro de Fundacións da Consellería de Innovación, Industria e Comercio. Esta inscrición producirá os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, do réxime das fundacións de interese galego, (modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2004.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro da Consellería de Innovación,

Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL