DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 24 de decembro de 2004 Páx. 18.046

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de decembro de 2004 pola que se regula o concurso público para a concesión de subvencións a asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega.

De acordo co disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, a Xunta de Galicia promove o uso do galego, lingua propia de Galicia. Por isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, fai pública a presente convocatoria, mediante a cal pretende animar as asociacións e institucións privadas sen fin de lucro a que realicen actividades encamiñadas a aumentar o uso social da lingua galega a partir do seu emprego no ámbito asociativo. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente convocatoria ten por obxecto regular, para o exercicio do ano 2005, a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a

asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega, a través da confección de documentación permanente e creativa, a elaboración de actuacións directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega e a realización de actividades publicitarias e portais e páxinas web.

Os proxectos realizaranse desde o día 1 de xaneiro ata o 30 de setembro do ano 2005.

Artigo 2º.-Suxeitos.

Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta orde todas as institucións privadas sen fin de lucro legalmente constituídas e mais as entidades análogas.

Quedan excluídas as seguintes:

a) As dependentes ou relacionadas con entidades locais. Para os efectos da presente orde terán a condición de entidades locais as que gocen de tal carácter no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local.

b) As asociacións de pais de alumnos.

c) Os movementos de renovación pedagóxica que posúan tal cualificación.

d) As diferentes agrupacións das recollidas nos puntos anteriores.

Cada entidade/ CIF solicitante poderá presentar un único proxecto, que poderá englobar unha ou varias das actividades especificadas no artigo 5º desta convocatoria. Quedarán eliminadas automaticamente as peticións que excedan este número.

Excepcionalmente, cando o peso específico das entidades e das súas propostas así o aconsellen, admitirase máis de unha solicitude no caso das organizacións sindicais, as non gobernamentais, as relixiosas e as de características similares ás citadas.

Artigo 3º.-Orzamento.

As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.480.0 por unha contía total máxima de 755.000 euros. En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e ao disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Artigo 4º.-Órgano competente para a xestión das axudas.

Corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, a realización das tare

fas de xestión da presente convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias. Para isto crearase unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou persoa en quen delegue, e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-A xefa do Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

-A xefa de sección ou un xefe de Negociado ou de Grupo.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Artigo 5º.-Actividades subvencionables.

Terán a consideración de subvencionables as seguintes accións:

a) Confección de documentación: o obxecto das subvencións é a elaboración de documentación creativa como programas informáticos para a xestión realizados integramente en galego, publicacións formato libro, banda deseñada, voceiros, folletos informativos, revistas e boletíns non publicitarios, actividades de creación audiovisual e na internet, realización de programas de radio e TV non publicitarios, etc.

A documentación permanente e a papelaría só serán susceptibles de recibir subvención cando supoñan a creación ou renovación e o desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade e, en calquera caso, para seren avaliadas deberán incluír un texto significativo en lingua galega (textos informativos, lemas publicitarios, etc.).

b) Realización de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega: engloba a realización de todo tipo de accións directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega, como actividades de animación sociocultural, elaboración de material lúdico, realización de certames, congresos, xornadas, premios, cursos (agás os de galego que sexan obxecto doutra convocatoria), Campañas divulgativas, exposicións, etc., se ben só percibirán subvencións as propostas que teñan unha compoñente escrita destacada.

Priorizaranse as actuacións que desenvolvan temas sociolingüísticos, educativos e literarios.

c) Elaboración de actividades publicitarias: as subvencións refírense á publicidade da entidade en calquera soporte ou medio (mass media, folletos, cartelaría, boletíns publicitarios, guías, calendarios, adhesivos, etc.) e, en especial, a realización de actividades audiovisuais total ou parcialmente publicitarias (por exemplo, a través da radio, a televisión,

Internet, vídeos, etc.). Dentro desta alínea inclúese a rotulación, interior e/ou exterior, de locais, vehículos, etc, se ben só se considerarán subvencionables as rotulacións que conteñan un texto significativo en galego normativo correcto.

d) Desenvolvemento de portais e páxinas web: os proxectos deberán presentar unha estimación do número de conexións que se prevén. Se se trata dunha páxina en varios idiomas, a lingua galega deberá ter carácter preferente.

Artigo 6º.-Requisitos.

Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ao abeiro da presente orde deberán cumprir as seguintes especificacións:

-Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro), e non poderán coincidir literalmente con outra lingua. En todo caso, e para estes efectos, a Dirección Xeral de Política Lingüística pon ao dispor dos adxudicatarios os seus servizos técnicos.

-Os proxectos achegados deberán ter un investimento mínimo de 800 A (IVE incluído), se inclúen unha única acción, e de 1.500 A (IVE incluído) cando conteñan dúas ou máis actividades diferenciadas. Estas cifras deberán respectarse para os efectos da xustificación das axudas concedidas, se estas fosen inferiores á contía mencionada. Desestimaranse automaticamente os que non acaden o mínimo citado.

Artigo 7º.-Criterios de concesión.

Os criterios preferentes de concesión serán:

a) O carácter permanente da acción.

b) O ámbito de actuación da actividade que se pretende realizar, entendéndose como tal tanto o sector xeográfico a que afecta coma a súa incidencia no tecido socioeconómico. Isto será directamente proporcional á contía da subvención que se conceda (a maior raio de acción e importancia socioeconómica corresponderalle unha axuda máis elevada), sempre dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

c) O grao de elaboración, a creatividade e a anovación da actividade susceptible de percibir unha axuda.

d) A utilización das novas tecnoloxías e os recursos achegados pola propia entidade.

e) O número de asociados, agás no caso das fundacións e entidades similares, e das institucións e agrupacións relixiosas.

f) O orzamento previsto, sempre que se adecue aos valores medios reais de mercado.

Artigo 8º.-Valoración.

As propostas valoraranse de acordo cos criterios de concesión e a seguinte táboa, con suxeición estrita ás dispoñibilidades orzamentarias da presente convocatoria:

Tipoloxía das actividades

Incidencia grande ATAInciedencia media ATAIncidencia pequena ATA

Publicidade1.6001.080760

Documentación e papelaría1.5601.200790

Audiovisuais1.6251.025810

Xornadas, congresos...3.0001.200900

Campañas2.5001.5001.080

Certames, premios, cursos, obradoiros, campionatos...3.000965790

Actuacións, festas, exposicións, rotas...1.900900600

Publicacións menores (folletos, revistas, boletíns)1.800965790

Publicacións formato libro2.4001.8001.500

Webs1.6251.025760

As web só se subvencionarán cando aseguren unha proxección que supere o ámbito dos asociados e cando sexan desenvolvidas por agrupacións de especial relevancia e sensibilización social (organizacións non gobernamentais, grupos de risco, minusvalideces, etc.).

Así mesmo, tendo en conta a dotación económica desta convocatoria, se o volume de solicitudes recibidas for moi elevado, segundo o teor do sucedido en exercicios anteriores e para os efectos de evitar posibles duplicidades na concesión das axudas, optarase por primar os proxectos de entidades tales como federacións, confederacións e análogas, desestimando as propostas para a realización de actividades iguais ou similares cursadas polas asociacións de menor ámbito xeográfico que se encontren englobadas naquelas (locais, comarcais e provinciais).

En calquera caso, a subvención máxima que se conceda a cada solicitante non superará a cifra de 6.000 euros.

Artigo 9º.-Documentación.

O modelo de solicitude e o texto da presente convocatoria poderán obterse no portal web da consellaría, no enderezo www.edu.xunta.es

As solicitudes, no anexo oficial, xunto coa documentación correspondente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os interesados presentarán a seguinte documentación na orde que se cita:

1. Solicitude debidamente cuberta e asinada, utilizando o anexo I da presente convocatoria. Nela especificaranse claramente as características dos proxectos, sendo estritamente obrigatorio que todas as epígrafes aparezan cubertas, coa finalidade de poder ser valorada pola comisión que se recolle no artigo 4º.

2. Fotocopia compulsada dos estatutos.

3. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación legal, mediante fotocopia compulsada da acta en que se recolle o nomeamento que corresponda ou, se for o caso, mediante resolución do órgano competente en que se lle concede ou delega o poder de representación.

4. Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

5. Certificado orixinal actualizado en que consten os datos bancarios completos, selado e asinado pola entidade financeira.

6. Declaración responsable do número de socios a 1 de decembro de 2004.

7. Memoria explicativa en que se detallen as actividades que integran o proxecto para que se solicita a subvención, achegando a temporalización e a cuantificación das accións que se van desenvolver.

8. No caso da rotulación permanente e da rotulación ou impresión que teña fins publicitarios, así como na documentación permanente e papelaría, deberá xuntarse o texto en galego que se pretende imprimir. O citado texto deberá vir corrixido por algún especialista en lingua galega; para isto a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pon ao dispor dos interesados os seus servizos técnicos e o persoal dos gabinetes de normalización lingüística situados nas delegacións provinciais da consellaría.

9. Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

As fundacións e entidades análogas, así como as institucións e agrupacións relixiosas, están exentas de presentar a declaración recollida no punto 6.

Artigo 10º.-Procedemento.

Recibida cada solicitude de subvención e a súa documentación, será analizada e, se é o caso, requirirase aos solicitantes para que nun prazo de dez días hábiles emenden os posibles erros ou ausencias de documentación, preferentemente por correo certificado dirixido á Consellería de Educación e Orde

nación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística. San Caetano, s/n. 15781 Santiago de Compostela. Se transcorrido este prazo, non se eliminasen as deficiencias observadas, os expedientes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán valoradas pola comisión segundo os criterios establecidos nos artigos 7 e 8. O director xeral de Política Lingüística elevaralle a correspondente proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e poralle fin á vía administrativa.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Entenderanse desestimadas as solicitudes, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención e compromisos.

No prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución, as entidades seleccionadas terán que lle comunicar por escrito á Dirección Xeral de Política Lingüística a súa aceptación da subvención concedida e dos compromisos que isto supón.

Tamén por escrito e no mesmo prazo de dez días, deberán comunicarse á Dirección Xeral de Política Lingüística as renuncias ás subvencións concedidas, expresando as circunstancias por que se producen.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a remitir a xustificación correspondente, segundo se recolle no artigo 12 desta convocatoria, e a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para que foron concedidos e non poderán solicitar o cambio para outro proxecto. Tamén teñen a obriga de lles facilitar aos servizos competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información que se lles requira. A Dirección Xeral de Política Lingüística poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Nas publicacións en soporte papel, audiovisual ou na rede, e unicamente nestes casos, constará, coa mesma técnica que os créditos da entidade promotora, o patrocinio da Xunta de Galicia, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa. O texto deberá ser: subvencionado pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística. A utilización indebida e/ou incorrecta deste texto será motivo de perda da subvención.

Artigo 12º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións recollidas na presente orde, ábrese a partir da publicación da concesión das axudas e rematará o día 30 de setembro do ano 2005.

Ata esa data as entidades deberán remitir a seguinte documentación á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito en que se cite o número de expediente e os documentos presentados:

1. Xustificantes orixinais ou fotocopia compulsada dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ao da axuda outorgada, excluído o IVE e, en calquera caso, a xustificación non poderá ser menor que o investimento mínimo exixido para a obtención das axudas. Unicamente se cursarán requirimentos no caso da existencia de facturas que presenten defectos de forma.

2. Só se admitirán xustificantes relativos a gastos de material e servizos necesarios para a realización da actividade subvencionada, consonte o expresado na memoria descritiva e no orzamento presentados xunto coa solicitude. Non terán a consideración de subvencionables, para cada unha das actuacións realizadas, os conceptos que a seguir se relacionan:

a) Adquisición de material inventariable (ordenadores, cámaras, etc.); consumibles (cartuchos de tinta, disquetes, rolos de fotografías, fitas, etc.); material de oficina (bolígrafos, arquivadores, etc.).

b) Compra de libros, material didáctico ou vestiario, con distintos fins dentro das accións que se propoñan. Só se aceptará este tipo de gasto cando xustifique a concesión de premios ou o desenvolvemento de obradoiros, contacontos, representacións ou actividades similares sempre que no concepto das facturas que se presenten conste a mencionada actividade.

c) Gastos de desprazamento, manutención e aloxamento, axudas de custo e quilometraxe.

d) Alugueres dos locais da entidade e gastos correntes de funcionamento.

e) Gastos relativos á celebración de cocktails e actos análogos.

f) O imposto sobre o valor engadido (IVE). Si será subvencionable cando a entidade acredite que non está dada de alta no imposto sobre o valor engadido, mediante certificación expedida pola correspondente axencia tributaria ou delegación do Ministerio de Economía e Facenda.

Admitiranse as nóminas de persoal da entidade sempre que se xunte unha certificación en que se especifique a parte proporcional dedicada á realización das accións subvencionadas.

Na elaboración de revistas, voceiros, boletíns, folletos e similares o gasto xustificarase preferentemente con facturas expedidas por imprentas e coas relativas á súa distribución, se é o caso.

Para os efectos da distribución non serán válidas as facturas expedidas polo organismo oficial de correos e telégrafos, unicamente se aceptará a facturación emitida por outras empresas dedicadas á distribución.

As datas dos xustificantes estarán comprendidas entre o día 1 de xaneiro e o 30 de setembro do ano 2005.

3. Relación numerada dos xustificantes mencionados no punto anterior, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma total da relación.

4. Mostras materiais da realización do proxecto subvencionado (dossier de prensa, disquetes, publicacións, fotografías lexibles, vídeos, gravacións magnetofónicas, etc.) e do correcto emprego do galego nos termos do artigo 6º da presente orde. Cando se trate de actividades de dinamización sociocultural, achegarase un dossier completo que acredite a realización de todas as actuacións previstas.

5. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. En caso afirmativo, deberá expresar os importes e a súa procedencia, e xuntar facturas ou xustificantes de gasto por unha contía equivalente á suma do total das subvencións para idéntico obxecto.

Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal

de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

O incumprimento de todo o anterior por parte dos interesados, dará lugar ao arquivo do expediente sen máis trámite.

Artigo 13º.-Libramento dos fondos.

Cumpridas correctamente as obrigas recollidas no artigo 12º, a Dirección Xeral de Política Lingüística proporá o libramento dos fondos de acordo coa normativa orzamentaria vixente. O pagamento da axuda poderá minorarse cando se teña xustificado, candomenos, o investimento mínimo exixido para a súa concesión.

Artigo 14º.-Perda da subvención.

Calquera alteración da actividade verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas na presente orde terá como consecuencia a revogación da axuda. A entidade interesada terá que reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, e mailos xuros de mora producidos desde o momento do seu pagamento.

No caso de que se lle conceda outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia da presente orde, a entidade terá que llo comunicar á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo o cal o importe da subvención minorarase cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100% do investimento da actividade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta convocatoria adáptase ao carácter básico do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro, de aplicación xeral de subvencións, e ao seu desenvolvemento.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria