DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 23 de decembro de 2004 Páx. 17.993

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 297/2004, do 9 de decembro, polo que se resolve o expediente de deslinde entre os termos municipais dos concellos de Covelo e A Cañiza (Pontevedra).

Logo da citación levada a efecto polo Instituto Xeográfico Nacional, por instancia do Concello de Covelo, o día 24 de febreiro de 2000, co obxecto de efectuar un replanteo na liña límite xurisdicional entre o citado concello e o da Cañiza, e non chegando as comisións de ambos os concellos a un acordo en canto ao trazado da citada liña límite, iníciase o expediente de deslinde.

Tramitado o dito expediente de acordo co procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo,

de Administración local de Galicia e no Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais, o Instituto Xeográfico Nacional emitiu informe do 3 de febreiro de 2003, no cal propón como liña límite xurisdicional definitiva entre os termos municipais da Cañiza e Covelo a que se describe na acta de deslinde de 1889, manifestando a desconformidade a este o Concello da Cañiza, dentro do prazo concedido aos concellos para presentaren alegacións.

Visto o disposto nos artigos 41.1º e 44.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, segundo os cales os conflitos que se poidan suscitar entre municipios en relación co deslinde dos seus termos serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da Deputación Provincial, da Comisión Galega de Delimitación Territorial e logo do ditame do Consello Consultivo de Galicia.

Por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Primeiro.-Resolver a cuestión suscitada entre os concellos de Covelo e A Cañiza, sobre o deslinde dos seus termos municipais, no sentido de considerar válida e vixente a liña límite xurisdicional establecida de conformidade coa acta de deslinde do 23 de novembro de 1889, tal e como propón e representa o Instituto Xeográfico Nacional no mapa de situación gráfica a escala 1:25.000 que acompaña o seu informe do 3 de febreiro de 2003 e que figura como anexo deste decreto.

Segundo.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou calquera outro recurso que coiden oportuno.

Santiago de Compostela, nove de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Xesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local