DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 23 de decembro de 2004 Páx. 17.991

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 30 de novembro de 2004 pola que se acorda a cesión en propiedade dun ben moble patrimonial adscrito á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, á Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, no seu artigo 1, define estas

como corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar, para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles estan encomendadas, atribuíndolles. segundo o artigo 3.3º c) da citada norma legal, a función de xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos polas administracións públicas.

Por outra banda, e tendo en conta a suxeicción das confrarías de pescadores á tutela da Administración pública galega, exercida a través desta con

sellería, cómpre cederlle a propiedade dun ben moble adscrito a este organismo, para ser destinado por esta corporación con fins de utilidade pública ou interese social.

Con este fin a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión da citada embarcación, de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo (DOG nº 156, do 13 de agosto).

Por todo o exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade da embarcación de motor, coas características que se especifican no anexo desta orde, á Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido, tal como establecen os artigos 35 bis da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, destinarase a fins de utilidade pública e interese social da confraría cesionaria, concretamente destinarase a labores de control, vixilancia, apoio e asistencia aos confrares dentro do ámbito territorial da Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa.

b) A cesión, en propiedade, outórgase con carácter definitivo, sen prexuízo do previsto nos parágrafos seguintes.

c) Coa cesión, outorgaráselle á Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa a propiedade da embarcación de motor das características reflectidas no anexo a esta orde, comprometéndose esta a realizar perante as administracións competentes os trámites precisos para o seu cambio de titularidade.

d) Se o ben cedido non se aplicase co fin sinalado, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que experimentase.

e) Serán por conta da cesionaria, os gastos de aseguramento da embarcación así como os derivados da súa conservación e mantemento necesarios para o bo funcionamento do ben moble cedido. Así mesmo, serán tamén pola súa conta todas as taxas, arbitrios

e impostos que se devenguen pola súa nova titularidade.

f) A cesionaria deberá eliminar da embarcación todos os sinais e elementos descritivos da súa antiga titularidade pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou funcionario no que delegue, e o órgano competente da Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da súa delegación territorial realizará os trámites necesarios para a efectividade da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO

Ficha técnica do ben moble que lle cederá a Xunta de Galicia á Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa.

Cesionario: Confraría San Xulián da Illa de Arousa (Pontevedra).

Obxecto da cesión: embarcación de motor.

Nome da embarcación: Capelada.

Matrícula: Vigo.

Lista: 8ª.

Folio: 9/91.

Tonelaxe: 10,45 trb.

Ano construción: 1991.

Eslora: 11 m.

Manga: 3,90 m.

Puntal: 1,58 m.

Casco: poliéster reforzado con fibra de vidro.

Máquina propulsora: dous motores diésel marca: Man.

Modelo: D-0826.

Potencia: 240 CV cada un.

Nº serie: 105281/005 e 105281/030.