DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 23 de decembro de 2004 Páx. 17.986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 16 de decembro de 2004 pola que se convocan subvencións a concellos do litoral para o acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño para o ano 2005.

Galicia como destino turístico conta cunha rica e variada oferta de recursos (patrimoniais, culturais, paisaxísticos...) que a posicionan, cada vez máis, como un dos principais destinos elixidos polo turismo.

No marco desta ampla gama turística que ofrece a Comunidade galega debe destacarse o medio natural que conforma o amplo litoral costeiro galego (1.300 km de litoral), no cal se reparten 708 praias, cada vez máis demandado polos turistas como espazo de ocio especialmente na época estival, co consecuente impacto económico que o seu aproveitamento turístico supón. Mellorar e acreditar a dita mellora e a salubridade e o respecto ao ambiente no medio do litoral e as súas praias convértese, polo tanto,

nun elemento esencial para captar e consolidar visitantes.

Revalorizar a franxa costeira, aproveitando basicamente os seus valores paisaxísticos, naturais, culturais e a súa potencialidade para o uso turístico da costa, con obxecto, por un lado, de darlle resposta á nova demanda de zonas de ocio e desfrute en enclaves de maior calidade ambiental e, por outro, potenciar o turismo, tanto foráneo como local que opta por lugares que ofrecen posibilidades diferentes ás habituais do turismo de masas, debe ser obxectivo principal das actuacións que se levarán a cabo en toda a nosa franxa costeira.

Trátase de realizar unha explotación organizada e racional do litoral, baseada nas premisas do desenvolvemento sustentable, todo mediante actuacións que impliquen a preservación e restauración dos distintos enclaves costeiros que permitan a súa explotación turística de forma que se integren co mínimo impacto ambiental.

O fomento e a mellora das praias e zonas de paseo marítimo nos concellos costeiros da Comunidade galega suporá non só a mellora da oferta turística xa existente senón tamén a posibilidade de contar con zonas de praia axeitadas e en óptimas condicións de hixiene e accesibilidade que favorezan e faciliten a súa utilización para o ocio e o recreo conformando espazos turísticos accesibles para todos.

Con todo isto preténdese avanzar no proceso de consecución do máis alto grao de calidade nas praias, tanto desde o punto de vista ambiental, hixiénico sanitario, de servizos, etc., como, e en consecuencia, económico, e incentivar a implantación e posterior certificación de calidade e/ou xestión das praias da costa galega.

No desenvolvemento das actuacións que se expoñen nesta orde sobre implantación da calidade e mellora dos servizos das praias e zonas marítimas de ocio e desfrute da zona costeira galega, teñen especial relevancia, pola súa importancia e amplas competencias neste tema, os municipios e demais entidades locais onde están situadas as praias por seren estas entidades as que asumen maior participación no proxecto e execución deste en cada praia concreta. É por isto que a Dirección Xeral de Turismo, pretende, a través desta orde, prestar a súa colaboración co fin de acadar os obxectivos nela sinalados.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da Dirección Xeral de Turismo, quere optimizar os recursos dispoñibles, tanto de infraestrutura como humanos e económicos para ofrecer un mellor servizo e conseguir, cun maior coidado do hábitat natural, o obxectivo primordial de potenciación do turismo en Galicia a través dunha oferta turística de calidade dentro do marco das normas comunitarias europeas sobre implantación de xestión de calidade nas praias.

En consecuencia e con cargo aos créditos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade, e seguindo as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de

2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, así como os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, e todo isto conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei e tendo en conta o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas ao acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño para o ano 2005,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, segundo o establecido nesta orde, aqueles investimentos, que respecten en todo caso os requisitos exixidos polo ICTE (Instituto para a Calidade Turística Española) para a obtención do sistema de xestión do uso público das praias, dirixidas ao acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño, a través das seguintes actuacións:

1. Proxectos que teñan como obxectivo a mellora dos espazos de uso turístico ou dos servizos destinados á mellora do produto «praia», tales como construción, mellora e acondicionamento de acceso a praias; construción, mellora e acondicionamento dos servizos ofertados, embelecemento e limpeza de praias e zonas costeiras...

2. Proxectos destinados á conservación dos recursos turísticos de tipo ecolóxico e ambiental.

3. Proxectos de actuacións extraordinarias en materia de limpeza viaria e do mobiliario urbano.

4. Proxectos que teñan como finalidade comunicar a imaxe dunha oferta de calidade destinada a satisfacer as exixencias da demanda respecto aos aspectos e equipamentos urbanos e ambientais que persigan, ademais, a viabilidade e sustentabilidade do desenvolvemento turístico.

5. Proxectos que teñan como finalidade actuacións consistentes en obras ou reparacións destinadas a desenvolver programas de implantación de xestión que conduzan á obtención da certificación correspondente de calidade ou de xestión ambiental das praias turísticas da Comunidade galega.

6. Proxectos que teñan como finalidade actuacións consistentes na implantación de infraestruturas adaptadas, así como equipamentos, actividades e servizos que conformen un espazo turístico accesible.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo concederá estas subvencións con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.651-760.1 dos seus créditos orzamentarios previstos para o ano 2005, destinándose a estas axudas un crédito por importe de 600.000 A.

Os proxectos que se recollen nesta orde como actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% cun máximo de 60.000 A do orzamento do investimento subvencionable.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención, e solicitar a axuda regulada conforme o sinalado nesta orde, os concellos do litoral galego situados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que conten con zonas de praia ou baño utilizadas por residentes e foráneos.

Artigo 4º.-Obrigas dos solicitantes.

Os solicitantes da subvención para o acondicionamento e mellora das zonas de costa onde se practique asiduamente o baño adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

a) Executar o proxecto de total conformidade co presentado ao concurso da subvención ou, de ser o caso, o modificado coa autorización da administración turística galega.

b) Asumir todas as responsabilidades que puidesen derivar das actuacións obxecto da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

e) Manter e conservar adecuadamente as actuacións obxecto de subvención.

f) Xustificar a subvención concedida nos prazos e termos previstos nesta orde.

g) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora percibidos desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Ter conseguida a subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

-Superar a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención e a documentación que a continuación se especifica, presentaranse por duplicado exemplar, na Delegación da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, correspondente á localización do investimento ou en cal

quera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I, subscrita polos alcaldes ou presidentes das entidades locais de que se trate.

b) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

c) Certificación do secretario da entidade sobre o acordo adoptado por ela de solicitar a subvención e compromiso de incluír no orzamento o importe do custo da actuación para levar a cabo, asumindo a parte dela non subvencionada pola Dirección Xeral de Turismo ou certificado de existencia de crédito necesario para afrontar os gastos asumidos por parte do concello ou entidade local correspondente.

d) Copia cotexada do DNI do representante do concello ou entidade local, así como acreditación da súa representación.

e) Copia cotexada do CIF do concello ou entidade local.

f) Autorización da Administración estatal ou autonómica que proceda segundo establece a Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e o Decreto 199/2004, do 29 de xullo, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

g) Memoria descritiva da actuación que se vai subvencionar con inclusión de:

1º Achega de datos, se se dispón deles, de caracterización turística: frecuentación de turistas, número e situación de hoteis ou outro tipo de aloxamentos, etc.

2º Situación con respecto á lexislación en materia de costas e portos do lugar onde se pretenda levar a cabo a actuación sobre a que se solicita a subvención, así como descrición do lugar de actuación e os seus parámetros físicos.

3º Orzamento e prazo de execución da actuación que se vai levar a cabo.

4º Obxectivos da actuación dirixidos ás melloras e acondicionamento do lugar de que se trate.

5º Autorizacións pertinentes respecto á actuación que se vai subvencionar de acordo co disposto na Lei 22/1988, de costas, e o seu Regulamento 1471/1989, Lei 62/1997, de portos, modificada pola Lei 43/2003 e Decreto 199/2004, do 29 de xullo, sobre competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público terrestre.

6º Cando sexa preciso, deberase presentar unha maqueta ou a solución máis completa do proxecto obxecto de subvención.

2. Os interesados emendarán os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non facelo, teráselles por desistidos na súa petición logo de resolución ditada para o efecto.

A Dirección Xeral de Turismo reserva para si a facultade de solicitar a información complementaria que estime conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación do proxecto presentado.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes de subvención serán estudadas por unha comisión técnica constituída pola titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vogais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servizos provinciais de Turismo e os xefes do Servizo de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo e o xefe da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o mencionado xefe do Servizo de Fomento e Promoción.

As delegacións provinciais emitirán informe no cal se deberá indicar se o proxecto para o que se solicita subvención cumpre a normativa de ordenación turística.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta en orde decrecente os seguintes criterios:

1º Que no concello solicitante exista un plan de dinamización ou excelencia turística.

2º Criterios de calidade da actuación presentada.

3º Estar catalogado o concello solicitante como turístico.

4º Dotación existente nas praias e necesidades formuladas para o bo funcionamento delas.

5º Grao de investimento efectuado pola entidade local de que se trate nos últimos exercicios.

6º Actividades de recreo, ocio, esparexemento, educativas ou doutra índole relacionadas co mar que o concello solicitante leve a cabo na zona onde se vai intervir.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e informes emitidos pola Delegación Provincial de Turismo, así como dos informes que considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevaralle á directora xeral de Turismo a valoración adoptada. Desta valoración redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo ditará as resolucións de concesión ou se é o caso de denegación de subvencións. Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes ante o titular desta consellería ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados ambos os prazos desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución. A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida,

con cargo ás disposicións orzamentarias para o ano 2005.

4. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, vistos os acordos da comisión técnica e a proposta formulada pola directora xeral de Turismo, poderanse conceder subvencións aos expedientes que non a recibisen ou ben, de ser posible, poderanse incrementar os importes das xa concedidas ao abeiro desta orde, sempre que non alcanzasen a porcentaxe máxima do 40% determinada anteriormente.

5. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

Os beneficiarios da subvención deberán:

1. Cumprir o obxectivo e realizar a actuación que fundamenta a subvención.

2. Comezar a posta en marcha da actuación subvencionada durante o ano 2005 e estar finalizada con tempo suficiente para xustificar o investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionadas aquelas actuacións xa iniciadas ou executadas con anterioridade á publicación, iniciadas no 2005, sempre e cando os solicitantes acrediten o investimento realizado.

3. Achegar á subvención concedida o crédito necesario para afrontar os gastos asumidos por parte do concello ou entidade local correspondente para a realización da actuación subvencionada.

4. Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. O pagamento das subvencións realizarase logo de xustificación do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

2. Os beneficiarios das subvencións concedidas en virtude desta orde terán como data límite para a xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co orzamento presentado, a data do 1 de novembro de 2005.

3. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución da concesión da subvención ou coas modificacións ou prórrogas autorizadas. Se o investimento xustificado for menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento xustificado.

4. Para percibir a subvención, os beneficiarios remitiranlle á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo II.

b) Facturas orixinais ou copia cotexada destas xustificativas dos gastos subvencionados realizados en función do orzamento e/ou factura pro forma aceptados para a concesión da subvención.

c) Certificacións de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Memoria que detalle as actividades levadas a cabo derivadas dos investimentos subvencionados.

e) Declaración daquelas axudas solicitadas ou concedidas para a actividade obxecto desta orde das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos ou sociedades.

f) Certificación acreditativa da entidade bancaria do número de conta e CIF do beneficiario.

g) Acta de manifestacións onde se recollan os compromisos a que se fai referencia no artigo 4º desta orde.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cubrilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no seu dereito os interesados que non cumpran o disposto neste artigo logo de resolución ditada para o efecto.

5. Poderá dar lugar á modificación da resolución de subvención toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposición transitoria

Todos os actos ditados nos expedientes de gasto regulados ao abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Disposición derradeira

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento, así como no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo