DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 23 de decembro de 2004 Páx. 17.980

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de decembro de 2004 pola que se establecen axudas para a realización de actividades de alfabetización e formación de adultos na Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2005, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, establece no seu artigo 52.1º que a educación permanente ten como obxectivo ofrecerlles a todos os cidadáns a posibilidade de formarse ao longo de toda a vida, coa finalidade de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades e coñecementos para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Así mesmo, no seu artigo 52.3º considera que as administracións públicas atenderán preferentemente aquelas persoas que, por diferentes razóns, non puidesen completar o ensino básico.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos, establece no seu artigo 5, entre outras actuacións e programas de acción, a de promover a colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, empresariais e universitarias.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no artigo 21 que a Administración educativa promoverá a colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, entidades e empresas públicas e privadas que leven actividades paralelas ou estean dispostas a emprendelas co fin de potenciar aquelas accións conducentes a un mellor desenvolvemento persoal e profesional das persoas adultas e moi especialmente das máis desfavorecidas ou carentes de titulación básica, sobre todo daquelas que por razóns de traballo ou de residencia non poden continuar nos centros ordinarios.

Á vista dos resultados das convocatorias anteriores, procede continuar co apoio a este tipo de accións, así como iniciar novos proxectos que lles proporcionen aos cidadáns unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida

activa, promocionarse profesionalmente ou continuar os seus estudos.

As accións de formación que teñen por finalidade alcanzar unha cualificación acorde coas necesidades tecnolóxicas e coa evolución do mercado de traballo encádranse dentro das accións de formación profesional para o período 2000/2006, susceptibles de seren cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Entre as accións que se van desenvolver inclúense as actividades orientadas aos programas de garantía social para alumnos que non conseguisen os obxectivos básicos unha vez rematado o ensino obrigatorio e que lles permitan incorporarse á vida activa, ou outras ofertas educativas para a obtención do título de graduado en educación secundaria.

Por todo isto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Establécense axudas para o desenvolvemento de actividades que teñan como obxectivo alfabetizar ou elevar o nivel de formación básica e cualificación profesional da poboación adulta, que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2005, e cuxa duración non sexa inferior a seis meses e 240 horas. Ademais, a cantidade máxima solicitada por actividade de 360 horas e 9 meses non excederá de 6.000 euros.

Segundo.-A esta convocatoria poderán concorrer as corporacións locais e as institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo aos conceptos orzamentarios 07.04.322S.460.0 e 07.04.322S.480.0 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, ata un total de 452.316 euros. Deste importe un 65% corresponde a fondos da Unión Europea (FSE) e o 35% restante a fondos da Comunidade Autónoma.

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia do crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2005, en trámite parlamentario. Esta orde tramítase ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19 de febreiro), pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

O importe das axudas concedidas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Cuarto.-Para a concesión da axuda será requisito indispensable contar cun mínimo de 15 alumnos por actividade no momento do inicio e da realización delas. Non obstante, cando existan razóns que o xustifiquen, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá autorizar excepcionalmente mínimos lixeiramente máis baixos do sina

lado anteriormente naquelas localidades con pouca poboación e que non teñan oferta educativa dirixida ás persoas adultas.

Quinto.-As solicitudes serán presentadas polo titular ou representante legal da entidade solicitante, por duplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, no prazo de corenta días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-As solicitudes axustaranse ao modelo establecido no anexo I e irán acompañadas dun proxecto e orzamento de cada actividade, tamén por duplicado, conforme o anexo II.

Así mesmo, xuntarán á documentación sinalada:

-Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para este mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

-Certificación bancaria da conta corrente a nome da entidade local, e, se é o caso, do titular ou representante legal da institución privada solicitante, na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención.

-Listaxe de alumnos para as entidades que teñan comezado a actividade e proposta de alumnado para as que non a teñan comezado.

Sétimo.-Os datos que se presenten coa solicitude serán tidos en conta para a súa valoración e pagamento das axudas, e polo tanto, exixirase o seu cumprimento sempre e cando non haxa comunicación da súa variación á dirección xeral.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude deberá ser comunicada polo solicitante á devandita dirección xeral para que se resolva o que proceda.

A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente, e tamén poderá dispoñer que se leven a efecto as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Oitavo.-Baixo a presidencia da directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais constituirase unha comisión de selección encargada de valorar as solicitudes presentadas.

A dita comisión estará integrada por:

-O subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente.

-Catro inspectores correspondentes aos servizos provinciais da Inspección Educativa.

-Dous funcionarios da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, un deles actuará como secretario con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos proxectos presentados.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos e locomoción por concorreren ás sesións conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Noveno.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaralla ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

Contra esta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse denegadas de non ditarse resolución expresa no prazo de catro meses contados desde a publicación da presente orde.

A selección e contía das axudas estableceranse de acordo coas seguintes prioridades:

a) Con carácter xeral terán prioridade as actividades que:

* Se realicen en concellos ou comarcas en que non exista unha oferta formativa de educación de persoas adultas.

* Sexan continuidade de actividades que xa se viñan realizando en cursos pasados, sempre que a dita continuidade se xustifique.

b) Con carácter particular:

* Actividades dirixidas a persoas adultas que non dominan as técnicas instrumentais elementais, sendo o seu obxectivo dotalos dos coñecementos, destrezas, habilidades e técnicas imprescindibles que lles faciliten a súa promoción persoal, social e laboral, así como a continuidade noutros procesos formativos. Estas ensinanzas estrutúranse en dous niveis (nivel I e II) en función das características e necesidades das persoas que as cursarán e están reguladas na Orde do 26 de maio de 1997 (DOG do 15 de xullo).

* Preparación para a obtención do título de graduado en educación secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias que convoca anualmente a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais nos meses de xuño e setembro.

* Programas de iniciación profesional como parte integrante da estrutura dun programa de garantía social.

* Preparación de probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.

Sen prexuízo do anterior, terase en conta, ademais dos obxectivos dos proxectos e os orzamentos dispoñibles, a rendibilidade das accións.

Décimo.-Unha vez aprobada a axuda, enviaráselle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a programación das actividades que se pretenden realizar en que se reflictan: obxectivos, contidos, actividades, metodoloxía, avaliación, etc., para a súa posterior supervisión.

Undécimo.-As axudas concedidas en cada caso irán destinadas fundamentalmente a sufragar os gastos de persoal, que como mínimo alcanzarán o 75% do importe total da axuda concedida, e os gastos de funcionamento xerados polo proxecto, que non superarán o 25% do importe total da subvención. Deste 25% permitido para gastos de funcionamento, arbitrarase a distribución de gastos de forma que un 20% teña a finalidade de gastos de materiais didácticos (textos e materiais dun só uso e materiais funxibles) e un 5% para outros gastos.

As axudas serán aboadas, unha vez finalizada a actividade, no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que foi concedida, de acordo co establecido no artigo 15.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Xuntarase certificación de percibir ou non outras axudas e subvencións para a finalidade subvencionada, segundo o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e certificación de que se cumpriron as actividades e se realizaron os investimentos para as que se concedeu a axuda. A devandita xustificación farase de acordo coas instrucións que para o efecto dite a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados na mesma data en que se lles

comunique a concesión delas. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Para aquelas que non superen o importe de 6.000 euros poderá acordarse, no momento da concesión, un anticipo de pagamento de ata un 80%, e aquelas que superen os 6.000 euros poderán percibir ata un 10%, logo de aceptación da subvención e certificación por parte da entidade de ter comezadas todas as actividades. Así mesmo, xuntarase por parte das entidades solicitantes copia da convocatoria das

actividades mediante algún dos seguintes sistemas: a través de medios de comunicación, folletos informativos, carteis, bandos, etc., e relación nominal dos alumnos matriculados co seu DNI.

O 20% ou 90% restante, segundo o caso, librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade.

Décimo segundo.-As entidades que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense a:

-Facer publicidade da convocatoria mediante cartel, bando, medio de comunicación, etc. Nela deberá figurar o anagrama da Unión Europea e da Xunta de Galicia.

-Informar os asistentes ás actividades de que están financiadas nun 65% pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo.

-Gratuidade das actividades.

-Xestión directa do proxecto subvencionado (non se admitirán convenios ou subcontratas do profesorado, nin cesión da xestión a axencias).

-Facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

-Facilitar toda a información que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

-Cesión de cantos documentos e materiais se deriven do proxecto para a súa publicación.

-Establecer un rexistro de solicitudes de alumnos que queren facer o curso.

-Remitir, xunto coa memoria final, unha fotocopia do DNI e unha relación nominal de asistentes onde figure nome e apelidos, número do DNI, data de nacemento, enderezo, teléfono e estudos cursados.

-Establecer un rexistro de asistencia.

-Comunicar o número real de participantes e as baixas e as altas que se produzan.

-Realizar unha ficha de avaliación inicial de cada alumno.

-Abrir un rexistro de avaliación de cada alumno conservando as probas escritas e os traballos realizados.

-Comunicarlle ao interesado os resultados das avaliacións realizadas mediante un boletín de cualificacións, en que deberá figurar o anagrama da Unión Europea-Fondo Social Europeo.

-Solicitar a programación de aula do profesor.

-Xuntar copia dos contratos do persoal laboral contratado pola entidade para impartir as ensinanzas obxecto da subvención. O contrato ha de estar visado pola oficina pública de emprego.

-En xeral, ao cumprimento do que establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Décimo terceiro.-Como remate de todo o proceso, as entidades subvencionadas quedan obrigadas a presentar, no transcurso dos quince días posteriores á finalización da execución do proxecto, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate. En todo caso deberán organizarse as actividades co obxecto de poder presentar no seu momento e, sempre antes do 15 de outubro de 2005, a memoria e a xustificación de gastos. A non presentación da memoria no prazo establecido poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda.

Décimo cuarto.-Na publicidade e propaganda de todas as accións formativas que se soliciten ao abeiro desta orde, así como na súa convocatoria pública e nos lugares onde se realicen as referidas accións, deberá figurar que estas están cofinanciadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Fondo Social Europeo, ambas denominacións cos seus respectivos logotipos.

Décimo quinto.-A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais realizará o seguimento dos proxectos subvencionados a través dos servizos provinciais da Inspección Educativa. Para facer o seguimento a Inspección Educativa realizará as visitas que considere necesarias (sendo preceptivo realizar dúas como mínimo). Nas visitas comprobarase que o desenvolvemento das actividades se axusta á programación subvencionada e unha vez finalizado o seguimento elaborarase un informe que servirá para a posterior avaliación de todas e cada unha das actividades.

Décimo sexto.-Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención percibida e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos casos a que fai referencia o artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. O procedemento de reintegro farase de acordo co artigo 20 do mencionado decreto.

Décimo sétimo.-Facúltase expresamente a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo oitavo.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), de aplicación xeral de subvencións, e ás do seu desenvolvemento.

Décimo noveno.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL