DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 23 de decembro de 2004 Páx. 17.967

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de decembro de 2004 pola que se convocan axudas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos, que participen en estadías e intercambios con centros educativos doutros países para favorecer a aprendizaxe activa de linguas.

A aprendizaxe das linguas estranxeiras é unha das necesidades que máis se manifesta desde todos os ámbitos sociais. Esta necesidade vai profundamente ligada ao progreso científico e tecnolóxico. As industrias e os especialistas constitúen redes de comunicación que ignoran as fronteiras lingüísticas e nacionais. Así, o aumento das relacións internacionais, a mobilidade laboral e a circulación das ideas e da información están provocando unha forte demanda social en favor da aprendizaxe das linguas estranxeiras, de tal xeito que o número de linguas que os cidadáns dun determinado país dominan constitúe un indicador importante do seu grao de desenvolvemento. Por outra parte, a mellor protección contra todas as formas de racismo e de xenofobia lógrase mediante o coñecemento e a experiencia directa da realidade doutros países e mediante a mellora das capacidades de comunicación.

Por todo isto, o Comité de Ministros do Consello de Europa advirte dos perigos que poden derivar da marxinación das persoas que non posúan as competencias necesarias para comunicarse nunha Europa interactiva.

En consecuencia, a necesidade de mobilidade laboral e de acceso á información, así como a importancia da tolerancia e da compresión mutuas fan das capacidades reais de comunicarse sen fronteiras lingüísticas un elemento indispensable da formación de todo cidadán. Por iso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria iniciou no curso 1999/2000 un plan de potenciación da aprendizaxe das linguas estranxeiras nos colexios de educación infantil e primaria e nos institutos de educación secundaria.

A experiencia demostra que a estadía nos países dos que se estuda a lingua constitúe un medio moi eficaz de progreso na adquisición desa lingua e da súa cultura.

Dado que a colaboración con centros educativos doutros países resulta fundamental para facilitar o desenvolvemento de capacidades do alumnado a nivel lingüístico e profesional e que as axudas económicas procedentes de programas da Unión Europea resultan insuficientes para atender a forte demanda dos centros da nosa Comunidade Autónoma, a Consellería de Educación convoca axudas para a realización de intercambios e estadías co fin de posibilitar que, tanto os centros de educación primaria como os de educación secundaria e os que imparten ensinanzas de réxime especial, poidan organizar programas de inmersión, máis breves no caso da educación primaria, para que ao longo da súa escolaridade o alumnado chegue a alcanzar un

nivel de competencia comunicativa adecuado en varias linguas.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convócanse axudas dirixidas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, que participen en estadías e intercambios de alumnos con centros educativos doutros países, para a aprendizaxe activa de linguas durante o ano 2005.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.04.322T.480.0 por un importe total máximo de 420.000 euros. O gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2005, en trámite parlamentario.

Esta orde tramítase ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Segundo.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar estas axudas os alumnos, agás os de educación infantil, e profesores dos centros que se indican a continuación, agás os de educación infantil: colexios de educación infantil e primaria; colexios de educación primaria; centros públicos integrados; institutos de educación secundaria; escolas oficiais de idiomas; conservatorios de música e danza; escolas de artes, centros privados concertados e centros de educación permanente de adultos.

2. Os solicitantes das axudas de intercambios de profesores reguladas no punto terceiro do artigo 3º desta orde, deberán estar en situación de servizo activo en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na actualidade e durante o curso para o que se solicita a actividade así como ter tres anos de antigüidade como funcionario de carreira nos corpos de primaria, de secundaria, de escolas oficiais de idiomas, de profesores de música e artes escénicas, de catedráticos de música e artes escénicas, de profesores de artes plásticas e deseño, de catedráticos de artes plásticas e deseño ou profesores técnicos de formación profesional.

Terceiro.-Modalidades das axudas.

1. Visitas preparatorias do profesorado responsable da estadía de alumnos no centro receptor doutro país, co obxecto de facilitar os acordos de colaboración entre os centros e a preparación axeitada do proxecto.

2. Visitas de estudo do profesorado responsable de proxectos co fin de garantir a continuidade deste.

3. Intercambios de profesores co obxecto de mellorar o coñecemento dunha lingua estranxeira impartindo a materia da súa especialidade. Os solicitantes galegos compartirán, de xeito consecutivo, o seu posto cun docente estranxeiro.

4. Proxectos de aprendizaxe activa de linguas a través de estadías de alumnos en centros educativos estranxeiros, intercambios bilaterais centro a centro ou encontros multilaterais de distintos grupos de alumnos nun país estranxeiro, que teñan como obxec

tivo o aumento da motivación dos estudantes no que respecta á aprendizaxe dunha lingua estranxeira e á súa utilización como medio de comunicación.

Cuarto.-Requisitos.

1. Estas actividades deberán estar integradas na programación anual do curso. O seu obxectivo básico será o intercambio cultural, o achegamento lingüístico e, de ser o caso, o perfeccionamento profesional e poderanse solicitar sempre que o centro non teña ningunha axuda concedida para o mesmo proxecto de aprendizaxe de linguas, na acción Comenius 1.2 (proxectos lingüísticos) ou noutras convocatorias similares. No caso de obter dúas axudas para o mesmo proxecto deberase renunciar a unha delas.

2. As visitas preparatorias e de estudo contarán cunha axuda variable en función do país, e serán realizadas por un só profesor de cada centro educativo. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá autorizar a participación doutro profesor en casos excepcionais e que estean debidamente xustificados.

3. Os proxectos de aprendizaxe activa de linguas comprenderán as actividades realizadas ao longo do curso, que culminarán na viaxe dos alumnos. As viaxes deberán ter unha duración non inferior a dez días.

4. As axudas máximas por alumno/profesor en concepto de reintegro de gastos de transporte, mantenza e aloxamento en función de se é un intercambio, unha visita preparatoria ou un intercambio de profesores concederanse de acordo cos baremos que figuran no anexo II.

5. Os proxectos de aprendizaxe activa de linguas deberán contar cun número mínimo de dez alumnos, que estarán acompañados durante a viaxe e a estadía por un ou dous profesores do centro, podendo chegar a tres se o número de alumnos supera os trinta. Non obstante, a devandita dirección xeral poderá autorizar, en casos excepcionais e debidamente xustificados, un número inferior de alumnos.

Quinto.

1. O prazo de presentación de solicitudes comeza ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 18 de febreiro de 2005.

2. As solicitudes axustaranse ao modelo establecido no anexo I desta orde e irán acompañadas da documentación que se indica a continuación:

2.1. Axudas para visitas preparatorias e de estudos:

-Orzamento da viaxe e estandía.

-Proposta de proxecto do centro galego, co visto e prace do director.

-Documento de aceptación do centro de acollida.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

2.2. Axudas para intercambios de profesores:

-Orzamento do intercambio.

-Proposta de proxecto do centro galego, cun certificado do director de que a actividade está recollida na programación do centro, que incluirá as actividades que se desenvolverán no propio centro, así como as que se realizarán no centro receptor.

-Autorización da Inspección Educativa.

-Calendario dos intercambios. Os intercambios deberán realizarse no centro receptor, por parte dos solicitantes, durante períodos non lectivos en Galicia.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Compromiso de subscribir unha póliza de seguros.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

2.3. Axudas para viaxes de alumnos para a aprendizaxe de lingua estranxeira:

-Proxecto pedagóxico da viaxe, que incluirá os obxectivos e as actividades de aprendizaxe realizadas durante o curso no propio centro, así como as actividades que se realicen no centro receptor. Estas deberán estar relacionadas co traballo desenvolto polos alumnos durante o curso escolar, das que se achegarán mostras acompañando a documentación. As ditas mostras poderanse presentar en soporte fotográfico ou vídeo.

-Certificado do director de que a actividade está recollida na programación anual do centro.

-Declaración xurada do director na que se fará constar a contratación dunha póliza de seguros que cubra o desprazamento e a estadía dos alumnos no estranxeiro.

-Autorización do pai, nai ou titor legal para a participación do alumno nesta actividade. A autorización será solicitada polo director e quedará en poder do centro.

-Modalidade de aloxamento e tipo de transporte que se utilizará.

-Calendario da viaxe indicando as datas de saída e chegada do grupo.

-Nome dos profesores acompañantes á viaxe, materias que imparten e situación administrativa que teñan no centro con indicación de ser ou non coordinador do proxecto.

-Listaxes dos alumnos participantes no intercambio, con indicación do seu curso.

-Orzamento detallado dos gastos por conceptos con indicación dos derivados do aloxamento, segundo as modalidades de acollida, do transporte ao país que se visita, así como doutros gastos previstos. Deberase indicar o custo global por alumno e o custo global por grupo.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

Sexto.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes asinadas polo director do centro dirixiranse á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (San Caetano s/n, 15771 Santiago de Compostela), presentándose a través do rexistro xeral. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992,

do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de que optasen por presentar a súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

De acordo co establecido no artigo 71 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, naquelas solicitudes que non achegen os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou xunte os documentos preceptivos; de non o facer considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Sétimo.-Comisión de selección e criterios de valoración dos proxectos.

As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Formación Permanente e Ensinanzas Especiais ou persoa na que delegue.

Vogais: o xefe de Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos, o xefe de Servizo de Formación do Profesorado, o xefe de Servizo de Ordenación e Innovación Educativa, o xefe de Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e un inspector educativo.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da subdirección xeral de Formación Permanente e Ensinanzas Especiais.

A comisión reunirase nunha ocasión durante o ano e seleccionará os proxectos tendo en conta os seguintes criterios:

a) Non ter recibido esta axuda, para a mesma modalidade, en anteriores convocatorias.

b) A calidade do proxecto pedagóxico: se inclúe a realización ou non de actividades lectivas conxuntas durante o desenvolvemento do proxecto, se hai ou non actividades específicas de aprendizaxe da lingua do país que se visita, a metodoloxía empregada, así como a súa realización co máximo de aproveitamento.

c) A participación no plan experimental de potenciación de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria, no plan da anticipación da primeira lingua estranxeira en educación infantil e primaria, no plan experimental de «Seccións Europeas», no Programa «That's English!», nas accións Comenius 1 e Grundtvig 2 do programa Sócrates así como no programa Leonardo.

d) Centros situados en zonas rurais ou desfavorecidas.

e) Non ter concedida axuda Comenius 1.2 (proxectos lingüísticos), ou Leonardo para a mesma actividade.

f) A acollida familiar como modalidade de aloxamento, no caso dos intercambios de alumnos.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos no

artigo 7º. Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos de locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación de subvencións e elevaraa ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Oitavo.-Comunicación.

A concesión ou denegación da axuda resolverase por orde do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, os centros docentes sostidos con fondos públicos considéranse entidades colaboradoras para a entrega e distribución das axudas concedidas aos beneficiarios, debendo someterse ás obrigas recollidas no citado artigo.

As solicitudes entenderanse denegadas de non ditarse resolución expresa no prazo de seis meses contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Noveno.-Prazos dos pagamentos.

Para as axudas que non superen o importe de 6.000 euros, no momento da concesión poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80%, logo de aceptación da subvención. O 20% restante librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade. Nas axudas que superen esta cantidade, o pagamento realizarase integramente unha vez rematada a actividade.

Décimo.-Xustificación da actividade.

Logo de efectuada a viaxe, o centro docente, como entidade colaboradora da xestión de axudas públicas, deberá, de acordo co establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, tramitar a seguinte documentación, no prazo máximo dun mes:

1. Certificación do director do centro na que conste que o consello escolar aprobou os gastos efectuados.

2. Xustificación da totalidade do custo da viaxe de acordo cos datos indicados no orzamento inicial e desagregada por conceptos, asinada e selada polo director do centro. As facturas orixinais dos referidos gastos arquivaranse no centro docente para a súa custodia e para a posta en disposición, de ser o caso, dos órganos de control que teñan atribuídas as funcións de comprobación e control da aplicación deses fondos.

3. Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente da calquera outra Administración ou ente público. O importe da subvención nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade desenvolvida polo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza. No caso de que o custo final sexa inferior á axuda concedida deberase devolver a cantidade proporcional da axuda concedida, en relación coa minoración resultante do orzamento.

4. Certificación do director do centro no que se faga constar o centro de acollida, as datas exactas da duración da actividade, o nome e curso dos alumnos, se é o caso, e do profesor/es que realizaron a viaxe.

5. Memoria do traballo realizado durante a estadía no país de acollida en formato papel ou informático. Incluirá os seguintes datos:

5.1. Visitas preparatorias e de estudo: obxectivos acadados de cara á realización do proxecto incluíndo un breve resumo deste: descrición, datas de realización, etc...

5.2. Intercambios de profesores: programación e avaliación das actividades realizadas no intercambio con descrición das actividades desenvolvidas, métodos utilizados, posibilidade de realización doutras actividades transnacionais e aspectos positivos e negativos que hai que considerar.

5.3. Proxectos de aprendizaxe de linguas, intercambios bilaterais e encontros multilaterais a través de estadías de alumnos en centros educativos estranxeiros:

a) Programación e avaliación das actividades realizadas no intercambio con descrición das actividades desenvolvidas e métodos utilizados.

b) Descrición ou achega do traballo elaborado.

c) Incidencia do proxecto na mellora das capacidades lingüísticas dos alumnos na lingua estranxeira utilizada.

d) Valoración da estadía: aspectos positivos e negativos que se deben mellorar.

Os proxectos e traballos realizados polos centros seleccionados quedarán en poder da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, reservándose o dereito de difundir os traballos realizados en función da súa orixinalidade e pasando a formar parte dos fondos documentais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo primeiro.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

A non xustificación da axuda percibida conforme o disposto nesta orde, levará consigo o reintegro das cantidades non xustificadas de acordo co establecido nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de

axudas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Décimo segundo.-Recoñecemento das actividades realizadas.

1. As actividades de intercambio terán a consideración de actividade de formación permanente ao abeiro do punto 28.1º da Orde do 3 de outubro de 2001 (DOG do 10 de setembro) pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigacións e das titulacións. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais expedirá a certificación correspondente ao profesorado participante unha vez presentada a memoria correspondente e recibido o informe favorable.

2. Será preciso presentar, acompañada da memoria pedagóxica, unha acta asinada polo director do centro escolar, especificando o nome do proxecto, país, data da viaxe, listaxe dos profesores, así como fotocopia dos seus DNI e o papel desenvolvido nel, co obxecto de expedir a certificación especificada no artigo 12º. O modelo desta atópase na seguinte páxina web: http://www.edu.xunta.es.

3. A valoración en horas de formación será a seguinte:

Funcións de coordinación do intercambio: ata 50 horas.

Funcións de colaboración no intercambio: ata 35 horas.

Décimo terceiro.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comuniade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ao carácter básico do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro, de aplicación xeral de subvencións e o seu desenvolvemento.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO II

Baremos económicos

Intercambios lingüísticos

Distancia en kmPaísesImporte máximo

por alumno

Importe máximo

por profesor

Ata 1.000 kmPortugal140 euros400 euros

De 1.000 a 3.000 kmFrancia, Marrocos250 euros435 euros

De 3.000 a 6.000 km

Italia, Reino Unido, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Holanda, e países de ámbito similar325 euros505 euros

Dinamarca, Irlanda, Hungría, Austria, R. Checa, Eslovaquia, Eslovenia.380 euros560 euros

De 6.000 a 8.000 kmGrecia, Romanía, Suecia, Finlandia, Noruega, Estonia, Letonia, Lituania, Malta, Chipre400 euros580 euros

Máis de 10.000 kmEEUU, Canadá470 euros650 euros

Intercambios de profesores

Distancia en kmPaísesImporte máximo

Menos de 500Portugal550 euros

De 500 a 3.000Francia775 euros

De 3.000 a 6.000Italia, Reino Unido, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Holanda, e países de ámbito similar925 euros

Dinamarca, R. Checa, Irlanda, Hungría975 euros

De 6.000 a 8.000Suecia, Finlandia, Noruega, Estonia, Letonia, Lituania1.075 euros

Grecia, Europa Oriental, Romanía, Malta, Chipre1.025 euros

Máis de 8.000USA, Canadá, etc.1.375 euros

Visitas preparatorias/visitas de estudo

PaísesImporte máximo

Portugal450 euros

Francia750 euros

Reino Unido, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Holanda e países de ámbito similar900 euros

Dinamarca, R. Checa, Irlanda, Hungría, Austria, Eslovaquia, Eslovenia e países de ámbito similar950 euros

Suecia, Noruega, Finlandia, Grecia, Romanía, Malta1.050 euros

Outros países1.350 euros