DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 22 de decembro de 2004 Páx. 17.848

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de decembro de 2004 pola que se desenvolve o Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 99, do 25 de maio), establécese que é a consellería competente en materia de educación a que exercerá a inspección sobre todos os centros docentes, servizos, programas e actividades que integran o sistema educativo de Galicia, tanto de titularidade pública como privada, atribuíndose este labor á Inspección Educativa.

Para desenvolver o citado decreto e en uso da competencia que este lle confire á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Funcións da Inspección Educativa.

Ademais das funcións asignadas no artigo 3º do Decreto 99/2004, do 21 de maio, os inspectores promoverán o intercambio de experiencias educativas e favorecerán calquera aspecto tendente á mellora da calidade da ensinanza.

Artigo 2º.-Atribucións dos inspectores de educación.

Ademais das sinaladas no artigo 6º do Decreto 99/2004, do 21 de maio, terán as seguintes:

a) Remitirlle aos órganos competentes da Administración educativa, por iniciativa propia ou por petición dos ditos órganos, informes, actas, propostas e ditames sobre o estado real da actividade educativa e a súa posible mellora.

b) Realizar os ditames e estudos técnicos que en materia da súa competencia lles sexan requiridos polos órganos da Administración educativa.

c) Observar o desenvolvemento da actividade docente para comprobar, por medio dos instrumentos de avaliación axeitados, a eficacia dos procesos e resultados educativos.

Artigo 3º.-Actuacións dos inspectores de Educación.

Realizaranse no marco do Plan xeral da inspección educativa e do correspondente Plan provincial de actuación da inspección, establecidos nos artigos

9º e 10º do Decreto 99/2004, do 21 de maio. Concretaranse en informes, propostas, actas e ditames, e, especificamente, en visitas aos centros educativos, instalacións e/ou outros lugares, nos que se desenvolva algún servizo, programa ou actividade.

Artigo 4º.-Plan xeral da inspección educativa.

1. O Plan xeral é o documento no que se recollen as liñas e criterios de actuación da Inspección Educativa, no marco das funcións que ten encomendadas e de acordo coas prioridades establecidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de coordinar globalmente as actividades dos inspectores de Educación.

2. Para a elaboración do Plan xeral teranse en conta as memorias anuais e as propostas recibidas dos distintos órganos da consellería. A súa aprobación terá lugar antes do 31 de xullo.

3. Por situacións sobrevidas ou non previstas inicialmente, en calquera momento poderán incorporarse aquelas actuacións ou modificacións que se xulguen necesarias.

4. Son obxectivos do Plan xeral os seguintes:

a) Concretar as actividades de supervisión, asesoramento e avaliación que todos os inspectores de Educación teñen encomendadas.

b) Priorizar as actuacións da Inspección en función das necesidades detectadas, así como dos obxectivos na mellora da calidade programados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

c) Establecer os criterios necesarios que propicien unha actuación coordinada da Inspección no exercicio das súas funcións.

5. A memoria anual do Plan xeral da inspección educativa será elaborada nos primeiros días do mes de xullo. As conclusións da devandita memoria servirán para introducir as oportunas modificacións no Plan xeral.

Artigo 5º.-Plan provincial de actuación da inspección.

1. O Plan xeral da inspección educativa desenvolverase e concretarase, para o ámbito de cada provincia, a través do Plan provincial, que se elaborará durante o mes de setembro. Para a súa elaboración teranse en conta as suxestións da Xunta Provincial de Inspección recollidas na memoria do curso anterior.

2. Durante os primeiros días do mes de xullo os equipos de cada sector avaliarán o desenvolvemento do plan. Os coordinadores de sector elevarán as conclusións ao xefe do servizo que será o responsable de recoller na memoria anual as conclusións máis relevantes. A devandita memoria remitirase, antes do quince de xullo, ao subdirector xeral de Inspección Educativa.

Artigo 6º.-A visita de inspección.

1. A visita é o procedemento de actuación habitual da inspección para desenvolver as súas funcións nos centros educativos. A través desta o inspector coñecerá directamente o funcionamento do centro, órganos colexiados, equipos docentes, servizos e programas, o profesorado e a función directiva.

Así mesmo, permitirá o asesoramento á Comunidade Educativa.

2. Tipos de visita:

a) Xerais: son aquelas visitas nas que se realiza unha análise e valoración da actividade educativa de acordo coa programación do Plan provincial.

b) Específicas: son aquelas visitas que se realizan para dar resposta a unha necesidade concreta e determinada.

c) Incidentais: son aquelas que deben realizarse de xeito urxente e puntual cando as circunstancias así o demanden.

3. Calendario de visitas: no Plan xeral da inspección educativa fixarase a periodicidade das visitas, regulándose os documentos que se deben utilizar mediante resolución da dirección xeral competente. O Plan provincial recollerá a programación e concreción dos aspectos anteriores.

Artigo 7º.-Estrutura e organización da Inspección Educativa.

De conformidade co establecido no artigo 7º do Decreto 99/2004, do 21 de maio, a estrutura da Inspección Educativa organízase en Subdirección Xeral de Inspección Educativa e servizos provinciais, integrados nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 8º.-A Subdirección Xeral de Inspección Educativa.

Para o desenvolvemento das súas funcións a Subdirección Xeral de Inspección Educativa, ademais do previsto no Decreto 99/2004, do 21 de maio, poderá incorporar asesores técnicos no número que se determine en función das necesidades, baixo a dirección e coordinación do subdirector xeral e, con carácter xeral, a través do Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa e do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

Artigo 9º.-Os servizos provinciais de Inspección Educativa.

1. O Servizo Provincial de Inspección Educativa, en cada unha das súas sedes, organízase en sectores e subsectores, de acordo coa seguinte distribución:

a) Servizo Provincial de Inspección Educativa da Coruña, integrado por 34 inspectores e estruturado do seguinte xeito:

Sede da Coruña: 1 sector e 18 subsectores.

Sede de Santiago de Compostela: 1 sector e 10 subsectores.

Sede de Ferrol: 1 sector e 5 subsectores.

b) Servizo Provincial de Inspección Educativa de Lugo, integrado por 15 inspectores e estruturado do seguinte xeito:

Sede de Lugo: 1 sector e 14 subsectores.

c) Servizo Provincial de Inspección Educativa de Ourense, integrado por 15 inspectores e estruturado do seguinte xeito:

Sede de Ourense: 1 sector e 14 subsectores.

d) Servizo Provincial de Inspección Educativa de Pontevedra, integrado por 31 inspectores e estruturado do seguinte xeito:

Sede de Pontevedra: 1 sector e 15 subsectores.

Sede de Vigo: 1 sector e 15 subsectores.

2. O titular da xefatura do Servizo Provincial de Inspección Educativa, para formular ao delegado provincial a proposta prevista no punto 2º do artigo 22 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, terá en conta os criterios enumerados no punto 4º do anteriormente citado artigo 22, coa seguinte prelación:

Antigüidade na provincia como funcionario de carreira dun dos corpos de Inspección Educativa, antigüidade nun dos corpos de Inspección Educativa e antigüidade como funcionario docente.

Contra a resolución do delegado provincial poderase interpor recurso de alzada nos termos e prazos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo do cumprimento desta, mentres non se resolva o recurso presentado.

3. A adscrición dos inspectores aos subsectores realizarase cada cinco anos no mes de decembro, facéndose efectiva no mes de xaneiro seguinte. Os inspectores que, no momento de realizarse a adscrición, se atopen na situación administrativa de servizos especiais ou de servizos noutras administracións públicas poderán participar no proceso de adscrición aos equipos de sector e, se é o caso, aos subsectores. Cando se reincorporen á función inspectora adscribiranse ás áreas específicas de traballo.

4. Cando un subsector non estea ocupado polo correspondente inspector, o xefe do Servizo Provincial, oída a Xunta Provincial de Inspección, proporá ao delegado provincial a asignación dos centros entre os inspectores do sector que se xulguen necesarios co fin de manter unha distribución o máis equilibrada posible da carga de traballo.

5. Por razóns debidamente xustificadas, por iniciativa propia ou por proposta do xefe do Servizo Provincial de Inspección Educativa, oída a Xunta Provincial, o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá modificar a adscrición aos sectores e/ou subsectores antes do período de cinco anos sinalado.

6. Nos catro sectores nos que a súa sede coincide coa do servizo provincial, as tarefas de coordinación do sector serán realizadas polo xefe do Servizo Provincial de Inspección Educativa.

Artigo 10º.-Áreas específicas de traballo.

1. As áreas específicas de traballo, ás que se refire o artigo 24 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, serán ao menos as seguintes:

a) Áreas específicas de traballo estruturais de: avaliación e calidade, control administrativo, organización escolar e escolarización, planificación dos recursos e normalización lingüística.

b) Áreas específicas de traballo curriculares de: educación preescolar, infantil e primaria, lingua galega, lingua, humanidades, linguas estranxeiras e ensinanzas de idiomas, matemáticas, ciencias, tecnoloxía e formación profesional, educación física e deportes, educación artística, e pedagoxía e psicoloxía.

2. A adscrición prevista no punto 4º do artigo 24 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, realizarase ao mesmo tempo que a adscrición aos subsectores e por un período de cinco anos renovables.

3. A devandita adscrición levarase a cabo no marco dunha reunión da Xunta Provincial de Inspección, tendo en conta o seguinte:

a) Áreas específicas de traballo estruturais: experiencia profesional, formación específica dos inspectores e necesidades de funcionamento da Inspección Educativa.

b) Áreas específicas de traballo curriculares: especialidade á que está adscrito o inspector.

c) A elección realizarase con criterios de equidade e na procura do mutuo acordo. Nos casos de discrepancia a elección realizarase tendo en conta a seguinte prelación:

Antigüidade na provincia como funcionario de carreira dun dos corpos de Inspección Educativa, antigüidade nun dos corpos de Inspección Educativa e antigüidade como funcionario docente.

4. O xefe do Servizo Provincial de Inspección Educativa dará traslado do proceso ao delegado provincial, que resolverá.

Contra a resolución do delegado provincial poderase interpor recurso de alzada nos termos e prazos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo do cumprimento desta, mentres non se resolva o recurso presentado.

5. Os inspectores adscritos a unha área específica de traballo constituiranse en equipos provinciais e/ou autonómico, nas condicións que se determinen.

Artigo 11º.-Órganos de coordinación e asesoramento da Inspección Educativa.

1. A xunta de xefes de servizo, establecida no artigo 25 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, reunirase preceptivamente con carácter ordinario unha vez ao mes, na Subdirección Xeral de Inspección Educativa, e sempre que a convoque o seu presidente. Das reunións levantará a correspondente acta o xefe do Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa que será o seu secretario, podendo, na súa ausencia, realizar dita función o xefe do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo ou, de ser o caso, o funcionario da Subdirección Xeral de Inspección Educativa que o subdirector xeral designe, con voz, pero sen voto.

2. A Xunta Provincial de Coordinación, establecida no artigo 26 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, reunirase preceptivamente con carácter ordinario unha vez ao mes, na sede do Servizo Provincial de Inspección Educativa, e sempre que a convoque o seu presidente, quen levantará acta da mesma.

3. A Xunta Provincial de Inspección, establecida no artigo 27 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, reunirase preceptivamente con carácter ordinario unha vez ao mes, na sede do Servizo Provincial de Inspección Educativa, e sempre que a convoque o seu presidente, quen levantará acta da mesma.

4. As reunións do equipo de inspectores de sector, ás que se refire o artigo 23 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, celebraranse ordinariamente unha vez á semana e sempre que as convoque o seu presidente, quen levantará acta delas.

Artigo 12º.-A formación e actualización dos inspectores de educación.

O Plan de perfeccionamento e actualización dos inspectores de Educación, previsto no artigo 56 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, será elaborado polo Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa, baixo a supervisión e dirección do subdirector xeral de Inspección Educativa, tendo en conta as propostas formuladas polos servizos provinciais de Inspección, para ser elevado, para a súa aprobación, ao director xeral de Centros e Ordenación Educativa, antes do 31 de maio.

Disposición adicional

No prazo de seis meses, contados desde o día da entrada en vigor desta orde, procederase á adscrición dos inspectores aos equipos de sector, se é o caso, e aos subsectores, e á adscrición ás áreas específicas de traballo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar cantas normas e disposicións sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria