DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Martes, 21 de decembro de 2004 Páx. 17.701

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 293/2004, do 2 de decembro, polo que se modifican os estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI Galicia) constitúese o día 31 de marzo de 1997, despois de acordada a súa creación polo Decreto 56/1997, do 6 de marzo, ao amparo da disposición adicional décimo segunda da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997. No devandito Decreto 56/1997 tamén se aproban os estatutos da sociedade.

O Decreto 260/2002, do 30 de xullo, modifica os artigos 2, 9 e 11 dos estatutos, coa finalidade de delimitar por unha parte o seu obxecto social, no relativo á totalidade dos conceptos en que pode actuar a sociedade en relación coa Xunta de Galicia e os terceiros, e por outra para adaptar a composición do consello de administración da sociedade á modificación parcial da estrutura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro.

Co obxecto de separar a figura de secretario letrado asesor en dous cargos diferentes, secretario e letrado asesor, é preciso modificar os estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. aprobados polo Decreto 56/1997, do 6 de marzo, e modificados polo Decreto 260/2002, do 30 de xullo.

Por todo o anterior, e de conformidade co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 10º dos estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 10º.-Presidencia do Consello.

O presidente do Consello será designado pola Xunta Xeral por proposta da Consellería de Economía e Facenda, e o vicepresidente por proposta da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Ao Consello, por proposta do presidente, correspóndelle a designación do secretario e do letrado asesor, podendo recaer, en ambos os casos, a designación en quen non reúna a condición de conselleiro, tendo dereito, neste caso, a participar nas sesións do Consello con voz pero sen voto.

O vicepresidente substituirá o presidente en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Os conselleiros que desempeñen estes cargos poderán ser retribuídos pola cantidade fixa que determine a Xunta Xeral, con excepción dos que sexan altos cargos ou funcionarios da Xunta, de acordo co disposto na Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, e a Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda