DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Luns, 20 de decembro de 2004 Páx. 17.573

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, transfire a competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, sen prexuízo da competencia estatal sobre seguridade pública, de acordo co artigo 149 da Constitución.

O Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, recolle o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de espectáculos públicos.

Por Decreto 336/1996, do 13 de setembro, a comunidade autónoma asume as funcións e servizos transferidos en materia de espectáculos públicos, e procede asignarlle as ditas funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

A Lei orgánica 1/1992, do 21 de febreiro, de protección da seguridade cidadá, constitúe a norma básica aplicable aos espectáculos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, que se ocupa dos espectáculos públicos na medida en que afectan a temas de orde pública. Anterior no tempo, continúa vixente o Real decreto 2816/1982, do 27 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas.

En relación co Regulamento xeral de policía de espectáculos, o paso do tempo e a evolución da sociedade no que fai ás formas de desfrutar o ocio, teñen dado lugar a aparición de novos locais e actividades recreativas que non foron recollidas, por inexistentes, na normativa do ano 82.

Por todo isto faise necesario elaborar un Catálogo de espectáculos e actividades recreativas que recolla as novidades, que defina as actividades e que, en definitiva, permita aos concellos e aos titulares de establecementos públicos dispor dun marco normativo estable que asegure os dereitos dos empresarios e dos usuarios de establecementos públicos e actividades recreativas.

A numerosa casuística de licenzas e autorizacións que están outorgando as administracións públicas competentes en materia de espectáculos, dá lugar a situacións de confusión e superposición de actividades recreativas ou de espectáculos públicos.

Cómpre, polo tanto, recoller unha definición do espectáculo, da actividade e do establecemento público que permita que no futuro os outorgamentos de licenzas e autorizacións se axusten e encaixen nos tipos establecidos no catálogo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de novembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Apróbase o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos públicos de Galicia, que se insire como anexo ao presente decreto.

2. Este decreto será de aplicación aos espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos públicos dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade.

1. Todas as licenzas e autorizacións que sexan outorgadas polas administracións locais e autonómica para a celebración de espectáculos públicos, desenvolvemento de actividades recreativas ou de apertura de establecementos públicos dedicados a esta materia, deberán axustarse, en canto á súa denominación e definición, ás recollidas neste catálogo. Os números identificativos da actividade ou espectáculo recollidos nesta norma deberán figurar nas licenzas outorgadas polos concellos.

2. Nas licenzas que concedan os concellos deberán constar con exactitude os espectáculos ou actividades a que se dedique o establecemento ou recinto. Consideraranse espectáculos non regulamentados aqueles de carácter singular ou excepcional que polas súas características e natureza non se poidan acoller á normativa de espectáculos vixente en cada momento.

3. Cando un espectáculo, actividade recreativa ou establecemento público non puidese incardinarse nalgunha das categorías enumeradas expresamente neste catálogo, a delegación provincial da consellaría competente en materia de espectáculos públicos resolverá, de modo provisorio, a súa asimilación dentro dunha das categorías xa existentes, para os sós efectos de definir as súas obrigas e dereitos como establecemento público que desenvolve un espectáculo ou actividade recreativa. A situación provisoria durará ata a modificación do catálogo para incorporar a nova categoría.

Capítulo II

Réxime dos espectáculos e actividades

do catálogo e das autorizacións

Artigo 3º.-Tipoloxía.

1. Os espectáculos públicos e as actividades recreativas comprendidas no catálogo deberán cele

brarse ou desenvolverse de conformidade coas condicións técnicas que legal e regulamentariamente sexan exixibles para cada un deles.

2. Para os efectos deste decreto, os espectáculos públicos e as actividades recreativas poderán ser:

a) Permanentes: aqueles que, debidamente autorizados, se celebren ou desenvolvan de forma habitual e ininterrompidamente en establecementos fixos.

b) De tempada: aqueles que, debidamente autorizados, se celebren ou desenvolvan en establecementos fixos ou eventuais durante períodos de tempo superiores a tres meses e inferiores a un ano.

c) Ocasionais: aqueles que, debidamente autorizados, se celebren ou se desenvolvan en establecementos fixos ou eventuais, así como en vías e zonas de dominio público, durante períodos de tempo inferiores a tres meses. Nestes casos as autorizacións ou licenzas outorgaranse de forma específica para cada período de exercicio da actividade ou programación dos espectáculos.

d) Extraordinarios: aqueles que, debidamente autorizados, se celebren ou desenvolvan específica e excepcionalmente en establecementos autorizados para outros espectáculos ou actividades recreativas diferentes aos que se pretende celebrar ou desenvolver de forma extraordinaria.

e) Conmemorativos e de efemérides: aqueles que, debidamente autorizados, se celebren ou se desenvolvan en establecementos fixos ou eventuais, así como en vías e zonas de dominio público. A autorización farase polo período de tempo necesario para o desenvolvememto da conmemoración ou efemérides. Nestes casos as autorizacións ou licenzas outorgaranse de forma específica para a conmemoración ou efemérides de que se trate.

Artigo 4º.-Clases de establecementos.

Para os efectos deste decreto, os establecementos públicos poderán ser:

a) Fixos: os que conten con edificacións e recintos independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, sexan inseparables do chan sobre o que se constrúa. Son independentes aqueles aos que se accede directamente desde a vía pública e agrupados os que, formando parte dun conxunto de locais, se accede a eles por espazos edificados comúns a todos eles.

b) Eventuais: aqueles conformados por estruturas desmontables ou portátiles no seu conxunto, constituídas por módulos ou elementos metálicos, de madeira ou de calquera material que permita operacións de montaxe e desmontaxe sen necesidade de construír ou demoler obra de fábrica ningunha.

Artigo 5º.-Contenido das lizenzas e autorizacións.

1. Nas autorizacións e licenzas dos establecementos públicos sometidos á normativa de espectáculos

e actividades recreativas, así como nos supostos das súas modificacións e adaptacións, farase constar, ademais dos datos do seu titular e da denominación establecida no catálogo para a actividade que corresponda, o período de vixencia da autorización ou licenza e a capacidade de persoas permitida.

2. Nos supostos de establecementos públicos dedicados á celebración de máis dun tipo de espectáculo ou ao desenvolvemento de varias actividades recreativas compatibles entre si, faranse constar estas circunstancias na autorización ou na licenza de acordo coas denominacións e definicións establecidas no catálogo que se aproba.

Non obstante o anterior, se o establecemento contase para estes fins con varios espazos de usos diferenciados entre si, deberase expresar na autorización ou licenza para cada un deles os extremos sinalados no punto 1 deste artigo.

Artigo 6º.-Sesións con menores.

Sesións destinadas a menores. Os locais que teñan prohibida a entrada aos menores de 18 años poderán realizar sesións destinadas ao público en idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, trala autorización previa na licenza, condicionada á prohibición de venda e consumo de bebidas alcólicas, tabaco, e á entrada de maiores de idade durante as sesións para menores.

Artigo 7º.-Autorizacións de carácter extraordinario.

1. Ningún local poderá ofrecer espectáculos ou actividades recreativas distintos dos que figuren na licenza.

2. Os delegados provinciais da consellería competente por razón da materia de espectáculos públicos, e sempre que se respecten as condicións esenciais da licenza, poderán autorizar con carácter extraordinario, a celebración doutros espectáculos ou actividades. A autorización darase para un único espectáculo ou para sesións puntuais dunha actividade determinada.

3. Para a concesión desta autorización será preceptivo e determinante o informe do concello respectivo.

4. A solicitude para a celebración destas actividades e espectáculos extraordinarios presentarase no rexistro da consellería competente en materia de espectáculos públicos, cunha antelación mínima de 30 días da data prevista de celebración do espectáculo ou actividade.

Disposición adicional

Os horarios de apertura e peche dos espectáculos e establecementos públicos serán os previstos na orde da consellería competente en materia de espectáculos públicos vixente en cada momento. Nas actividades e espectáculos non previstos na orde vixente,

establécese con carácter transitorio o seguinte horario de peche:

Espectáculos taurinos: os horarios tradicionais da praza fixa de touros de Pontevedra.

Actividades deportivas: 1.00 horas.

Actividades de exhibicións especiais: 1.00 horas.

Disposicións transitorias

Primeira.

Adaptación de autorizacións e licenzas.

A partir da entrada en vigor do presente decreto, e durante o prazo de dous anos, os concellos da comunidade autónoma deberán proceder de oficio á actualización das licenzas outorgadas con anterioridade para o só obxecto de adaptar a denominación de cada espectáculo, actividade e o tipo de establecemento, ás denominacións e definicións contidas no catálogo que mediante esta norma se aproba.

Segunda.

Este decreto será de aplicación aos procedementos de concesión de licenzas e autorizacións iniciados con anterioridade á súa entrada en vigor.

Terceira.

Este decreto será revisado anualmente para os efectos de establecemento das novas categorías nos termos do artigo 3.3º deste decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto no presente decreto.

Deixa de ser de aplicación no ámbito dos espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia o anexo do Real decreto 2816/1982, do 27 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral de policía de espectáculos e actividades recreativas.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

Catálogo de espectáculos públicos, actividades

recreativas e establecementos públicos

1. Espectáculos públicos.

Os espectáculos públicos clasifícanse en:

1.1. Espectáculos cinematográficos.

Teñen por obxecto a exhibición e proxección pública nunha pantalla de películas cinematográficas.

Enténdese por película cinematográfica a obra audiovisual consistente en creacións expresadas mediante unha serie de imaxes consecutivamente asociadas, con ou sen sonorización incorporada, independentemente do seu soporte material, que se proxecta sobre unha pantalla nun establecemento público.

As exhibicións realizaranse en:

-1.1.1. Cines tradicionais: establecementos públicos fixos e independentes que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente á celebración de espectáculos cinematográficos e conten cunha soa sala de exhibicións de películas cinematográficas.

-1.1.2. Multicines: establecementos públicos fixos que, independentemente ou agrupados con outros e debidamente autorizados, conten con máis dunha sala de exhibicións de películas e se destinan con carácter permanente á celebración de espectáculos cinematográficos.

-1.1.3. Cines de verán ou ao aire libre: establecementos públicos, fixos e independentes ou eventuais que, con carácter de tempada ou ocasional e, debidamente autorizados, se destinan á celebración de espectáculos cinematográficos ao aire libre nunha ou en varias salas de exhibición.

-1.1.4. Autocines: establecementos públicos fixos ou eventuais en recintos pechados e descubertos que, con carácter permanente ou de tempada, se destinan á celebración de espectáculos cinematográficos, e nos que os espectadores están en automóbiles adecuadamente estacionados e distribuídos dentro do recinto.

1.2. Espectáculos teatrais e musicais.

Espectáculos teatrais: son espectáculos que implican a representación pública de obras escénicas ou de variedades, mediante a utilización, illada ou conxuntamente, da linguaxe, a mímica ou a música, así como títeres e monicreques, a cargo de actores ou executantes, sexan ou non profesionais, en locais pechados ou ao aire libre, debidamente acondicionados e autorizados para isto.

Espectáculo musical: aquel en que se produce a execución ou representación en público de obras ou composicións musicais, operísticas ou de danza, mediante a utilización, illada ou conxuntamente, de instrumentos musicais ou da voz humana a cargo de músicos, cantantes ou artistas, profesionais ou afeccionados, en locais pechados ou ao aire libre, debidamente acondicionados e autorizados para isto.

Os espectáculos teatrais e musicais poden desenvolverse en:

-1.2.1. Teatros: establecementos públicos fixos e independentes que, debidamente autorizados, se

destinan con carácter permanente á celebración de espectáculos teatrais ou musicais sobre un escenario nunha ou en máis salas. Estarán dotados de escenario e camerinos.

-1.2.2. Teatros ao aire libre ou eventuais: establecementos públicos fixos ou eventuais que, independentes ou agrupados con outros e, debidamente autorizados, se destinan, con carácter de tempada ou ocasional, á celebración de espectáculos teatrais ou musicais sobre un escenario.

-1.2.3. Auditorios: establecementos públicos, fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente, de tempada ou ocasional, á celebración de espectáculos musicais ou ao desenvolvemento de actividades recreativas culturais ou sociais.

-1.2.4. Auditorios ao aire libre e eventuais: establecementos públicos fixos ou eventuais, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con carácter de tempada ou ocasional á celebración de espectáculos musicais ou ao desenvolvemento de actividades recreativas culturais ou sociais ao aire libre.

-1.2.5. Salas de actuacións: establecementos públicos fixos, con servizo de bar, con actuacións musicais e/ou de variedades en directo.

1.3. Espectáculos taurinos.

Son aqueles en que interveñen reses de gando bovino bravo para seren lidadas en prazas de touros con público, por profesionais ou afeccionados, de acordo coa normativa específica. A clasificación e características dos recintos serán os establecidos na normativa que rexe este tipo de espectáculos.

1.4. Espectáculos circenses.

Son espectáculos que se desenvolven en establecementos públicos fixos ou eventuais, con bancadas para espectadores, en que se realizan exercicios físicos de acrobacia que implican habilidade e risco, actuación de pallasos, malabaristas, prestidixitadores, e outras similares, e nos que poden intervir animais domesticados. No caso de que participen animais débense cumprir as normas de protección de especies e as ambientais vixentes no momento das actuacións. No caso da participación de profesionais menores de idade, débense cumprir os requisitos establecidos pola normativa laboral de menores vixente no momento da actuación. Desenvólvense en:

1.4.1. Circos: establecementos públicos fixos ou eventuais, con bancadas para os espectadores, en que se realizan os espectáculos circenses. Contarán con, polo menos, unha pista para a celebración das actividades circenses.

1.5. Espectáculos feirais.

Son espectáculos que se desenvolven en establecementos públicos fixos debidamente autorizados, con grandes espazos para a presentación de produtos naturais ou artificiais, derivados das plantas, ani

mais ou da natureza, que poden dedicarse á celebración de eventos relacionados coa prestación de servizos, e en que as actividades realizadas están destinadas á difusión comercial e ao ocio dos visitantes. Desenvólvense en :

1.5.1. Recintos feirais: establecementos públicos fixos en que realizan os espectáculos feirais.

2. Actividades recreativas

As actividades recreativas clasifícanse en:

2.1. Actividades culturais e sociais.

Son aquelas que se desenvolven en:

-2.1.1. Museos: establecementos públicos fixos e independentes que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente a recoller, adquirir, ordenar e conservar, co fin de estudo e exhibición de forma científica, didáctica e estética, un conxunto de bens mobles de valor cultural, que sexan testemuño da humanidade e do contorno natural, dirixido á investigación, educación, lecer e promoción científica e cultural.

-2.1.2. Bibliotecas: establecementos públicos fixos e independentes que, debidamente autorizados, se destinen con carácter permanente a poñer á disposición dos cidadáns, de maneira presencial ou a través de acceso remoto, un conxunto organizado de libros, publicacións, rexistros sonoros e outros rexistros culturais e da información, con fins de educación, investigación e, en xeral, enriquecemento do ocio.

-2.1.3. Bibliotecas móbiles: vehículos móbiles que, debidamente autorizados, dependendo ou non dunha biblioteca con establecemento fixo, se destinan con carácter permanente a poñer á disposición dos cidadáns, de maneira presencial, un conxunto organizado de libros, publicacións, rexistros culturais e da información con fins de educación, investigación e, en xeral, enriquecemento do ocio.

-2.1.4. Ludotecas: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente á poboación infantil en idades comprendidas entre os dous e os doce anos e ás súas familias, co obxecto e fins establecidos na normativa que regula este tipo de establecementos como centros de servizos sociais.

-2.1.5. Videotecas: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con caracter permanente a proporcionar ou ofrecer ao público asistente a proxección de películas mediante magnetoscopios, en soporte de cintas videográficas ou de reprodutores de DVD.

-2.1.6. Hemerotecas: establecementos públicos fixos, independentes que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente a poñer á disposición dos cidadáns, de maneira presencial ou a través de acceso remoto, un conxunto organizado

de publicacións de prensa escrita mediante calquera soporte.

-2.1.7. Salas de conferencias: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente, de tempada ou ocasional, a lle ofrecer ao público a exposición oral de relatorios e debates mediante a utilización, se é o caso, de sistemas de megafonía, vídeo conferencia ou calquera outro sistema de comunicación falada a tempo real, dispoñendo de asentos fixos.

-2.1.8. Salas de exposicións: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan a expoñer ao publico, obras artísticas ou de calquera outra índole e contido de interese cultural, mercantil ou social.

-2.1.9. Salas polivalentes e multiusos: establecementos públicos fixos onde se poden realizar actividades de características distintas pero cun fundamento común como son as reunións sociais, culturais, deportivas ou festivas.

-2.1.10. Salas dedicadas á celebración de cineclubs: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan á celebración de espectáculos cinematográficos encadrados en ciclos de autor ou a manifestacións artísticas de cine, así como a celebración de debates durante a mesma sesión unha vez sexa proxectada a película de que se trate.

-2.1.11. Pazos de exposicións e congresos: establecementos públicos fixos e independentes que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente á celebración, conxunta ou illadamente, dentro das súas instalacións, dunha ou máis exposicións de contido mercantil, cultural ou social, así como á celebración de congresos de índole cultural, social ou mercantil, en diferentes salas situadas no seu interior.

2.2. Actividades recreativas destinadas aos menores de idade.

O seu obxecto é a posta á disposición dos responsables dos menores de espazos dedicados á integración, relacións e desenvolvemento sociais, así como o divertimento en ambientes adecuados ás necesidades físicas. Realízanse en:

-2.2.1. Centros de ocio infantil: establecementos públicos fixos e permanentes, cubertos ou non, que dispoñen dun espazo para menores entre dous e doce anos, destinado a xogos de tipo físico realizados con pelotas xigantes, esvaradoiros de varios tamaños e formas, redes de corda, túneles, pasos con rolos e calquera xogo de aventura e acción que conte coa debida homologación, e na que o xogo e actividades estean dirixidos por responsables adultos con titulación en materia de actividades de tempo libre. Disporán dun servizo de restauración independente, con ofertas axeitadas aos menores e aos seus acompañantes. O servizo de restauración contará con per

soal diferenciado dos técnicos con titulación de tempo libre que se ocupan de organizar o xogo dos menores e de atendelos para evitar incidentes que afecten á súa integridade física. Todos os servizos se producirán a cambio dun prezo concertado por cada menor.

-2.2.2. Áreas de xogo en centros comerciais: son espazos fisicamente delimitados dentro dos centros comerciais que dispoñen de xogos destinados a menores de ata doce anos para actividades físicas e de rol como bambáns, casiñas, esvaradoiros e calquera xogo de actividade que non requira mecanismos para a súa posta en funcionamento, en que o adulto que acompaña o menor se fai responsable de realizar o uso correcto segundo as indicacións dos elementos de xogo.

-2.2.3. Áreas de xogo con aparellos de uso infantil que imiten movementos de animais, vehículos e similares a cambio dun prezo certo, en que o adulto que acompaña o menor se fai responsable de realizar o uso correcto segundo as indicacións que se achegan coa propia máquina.

2.3. Actividades deportivas.

Consistentes na realización de probas, competicións e a práctica de calquera deporte, ben sexan realizadas por deportistas profesionais, afeccionados, con carácter público ou privado. Realízanse en:

-2.3.1. Estadios deportivos: establecementos públicos fixos, con bancadas para o público, non cubertos ou cubertos parcialmente que, debidamente autorizados, se destinan á práctica dun ou máis deportes.

-2.3.2. Pavillóns deportivos: establecementos públicos fixos e cubertos que, debidamente autorizados, se destinan a actividades físico-deportivas que impliquen a práctica dalgún deporte.

-2.3.3. Recintos deportivos: establecementos públicos fixos e descubertos, acondicionados para realizar prácticas deportivas, sen que a asistencia de público sexa a súa finalidade principal.

-2.3.4. Pistas de patinaxe: establecementos públicos fixos ou eventuais, cunha pista central destinada á práctica de patinaxe sobre xeo ou patíns.

-2.3.5. Ximnasios: establecementos públicos fixos provistos de aparellos axeitados para practicar ximnasia, que conta con salas independentes para a realización de exercicio físico.

-2.3.6. Piscinas de competición: establecementos públicos fixos, con bancadas para o público, que contan cunha ou máis pías de auga para a práctica deportiva.

-2.3.7. Piscinas recreativas: establecementos públicos fixos, que poden ser utilizadas polo público en xeral ou por comunidades privadas que superen as vinte vivendas.

-2.3.8. Vías públicas usadas para probas deportivas: A utilización de vías públicas nas probas deportivas está suxeita a autorización administrativa ben do concello, da comunidade autónoma ou do Estado, segundo o seu itinerario.

2.4. Parques de atraccións e atraccións recreativas

Actividades de ocio en espazos delimitados en que, a cambio dun prezo certo, se pode acceder a calquera tipo de actividade de tempo libre. Realízanse en:

-2.4.1. Parques de atraccións e temáticos: establecementos públicos fixos e independentes ao aire libre que, debidamente autorizados, se destinan ao desenvolvemento de atraccións recreativas de índole diversa e, se é o caso, conxuntamente con estas e en áreas diferenciadas dentro do mesmo recinto, á celebración de espectáculos cinematográficos, teatrais, musicais ou circenses.

-2.4.2. Parques acuáticos: establecementos públicos fixos que, debidamente autorizados, utilizan a auga como elemento activo baixo a forma de saltos, ondas, correntes, fervenzas ou outros elementos de similares características, en que se permita a participación simultánea ou correlativa de máis de 100 persoas/hora, no seu período de rendemento máximo.

2.5. Actividades recreativas e de azar.

Son aquelas en que se arriscan cantidades de cartos ou obxectos avaliables economicamente en función do resultado dun acontecemento futuro e incerto, e sometidos á normativa vixente en materia de xogo e ao disposto neste catálogo. Realízanse, segundo a súa modalidade, en:

2.5.1. Casinos de xogo.

2.5.2. Salas de bingo

2.5.3. Salóns de xogo de máquinas de azar, tipo A, A especial e tipo B.

2.5.4. Salóns recreativos de máquinas de azar, tipo A.

2.5.5. Hipódromos.

2.5.6. Tómbolas e similares.

2.5.7. Locais de apostas.

2.5.8. Puntos de venda de lotaría.

2.6. Actividades de ocio e entretemento.

Consistentes na realización de celebracións, desfrute do tempo libre, e a práctica de calquera acción que teña como fin o entretemento das persoas. Realízanse en:

-2.6.1. Salas de festas: establecementos públicos fixos e independentes especialmente preparados para ofrecer desde un escenario actuacións de variedades ou musicais fundamentalmente en directo. Disporán de pistas de baile para o público e este seguirá as actuacións desde lugares distribuídos ao

redor da pista de baile ou do escenario, podendo ofrecerlles servizo de bar. Dispoñen de roupeiro e camerinos.

-2.6.2. Discotecas: establecementos públicos fixos e independentes especialmente preparados en que, ademais de serviren bebidas, dispoñen dunha ou máis pistas de baile para o público, sen ofreceren actuacións en directo. Dispoñen de roupeiro.

-2.6.3. Salas de baile: establecementos públicos fixos que dispoñen dunha pista de baile e que están dirixidos ao ensino do baile como actividade de lecer.

Considérase pista de baile, para os efectos deste catálogo, o espazo especialmente delimitado e destinado para tal fin, desprovisto de obstáculos construtivos ou de mobiliario e de dimensións suficientes para circunscribir un círculo de diámetro mínimo de sete metros.

-2.6.4. Pubs: establecementos públicos fixos e independentes dedicados exclusivamente ao servizo de bebidas. Poden dispoñer de ambientación musical por medios técnicos, pero sen pista de baile.

-2.6.5. Karaoke: establecementos fixos dedicados exclusivamente ao servizo de bebidas que ofrecen a posibilidade de saír a un escenario a cantar e contan cos medios técnicos apropiados para o desenvolvemento da actividade, pero sen pista de baile.

-2.6.6. Cibercafé, salóns ciber e similares: establecementos públicos fixos, independentes ou agrupados con outros que, debidamente autorizados, se destinan con carácter permanente a proporcionar aos asistentes, de forma gratuíta ou mediante o aboamento de cantidades monetarias, un tempo de uso de ordenadores para o acceso á internet ou a calquera das súas funcións, así como, se é o caso, servizo de bar aos usuarios dentro das instalacións. Queda prohibida a entrada aos menores de 18 anos se neles se serven bebidas alcólicas durante o tempo en que exista o devandito servizo. Estará tamén prohibida a entrada a menores de idade a estes locais durante o tempo en que as conexións ás redes informáticas da internet non teñan ningún tipo de limitación referida á idade do usuario.

-2.6.7. De exhibicións especiais: establecementos públicos fixos especialmente preparados para exhibir películas en vídeo ou para realizar actuacións en directo, onde o espectador se sitúa en cabinas individuais ou sistema similar. Queda prohibida a entrada a menores de 18 anos nos casos de actuacións en directo, ou con exhibición de películas de vídeo, que sexan de carácter sexual ou de extrema violencia.

2.7. Actividades de restauración.

Sen prexuízo do establecido noutras normas sectoriais que regulen outros aspectos, defínense como actividades de restauración, para os efectos deste catálogo, as que teñen por obxecto a prestación de

servizo de bebidas e comida elaborada para o seu consumo no interior dos locais. Realízanse en:

-2.7.1. Restaurantes: son os establecementos definidos como tales na normativa de turismo. Dispón da seguinte subcategoría:

-2.7.1.1. Salóns de banquetes: restaurantes destinados a servir comidas e bebidas a un público agrupado, mediante prezo concertado, para seren consumidas en data e hora predeterminadas en servizo de mesas no mesmo local. Poden realizar actividades de baile posterior á comida, sempre que reúnan as debidas condicións de seguridade e insonorización.

-2.7.2. Bar, café-bar: son os establecementos definidos como tales na normativa de turismo. Consta da seguinte subcategoría:

-2.7.2.1. Tablaos flamencos: establecementos públicos fixos en que se desenvolven actuacións de danza e música flamenca en directo, debendo dispor dun escenario de madeira elevado a unha altura suficiente para que poida ser observado polo público que se atopa nas mesas nas que se ofrece servizo de bar, café bar segundo conste na preceptiva autorización turística. O local debe dispor de tablao e mesas para as consumicións do público, debendo existir entre o tablao e as mesas do público unha distancia de polo menos tres metros e sempre suficiente para garantir a seguridade dos actores e dos usuarios do local. Carecendo de pista de baile, o tablao ou escenario debe ter unhas medidas mínimas de 20 m de superficie. O local debe contar, cando menos, cun camerino. O horario coincidirá co da actividade principal que é a de restauración.

-2.7.3. Cafetaría: son os establecementos definidos así pola normativa de turismo. Consta das seguintes subcategorías:

-2.7.3.1. Cafés-teatro, cafés-concerto, cafés-cantante: establecementos en que se desenvolve a actividade de cafetaría nos termos previstos neste catálogo xunto con actuacións teatrais, de variedades ou musicais en directo, sen pista de baile para o público, podendo ou non dispor de escenario e camerinos, e en que se ofrece servizo de bebidas. Está prohibido que nestes locais se celebren bailes. O horario neste establecemento será o da actividade principal que é a de restauración.

-2.7.3.2. Locais de restauración con horario especial en función do persoal ao que van dedicados: son aqueles centros de restauración situados en aeroportos, portos, hoteis, polígonos industriais e, en xeral, en zonas delimitadas territorialmente que estean dedicados a satisfacer as necesidades dos usuarios e profesionais das actividades e empresas situadas nese territorio delimitado, sempre que neles se ofreza exclusivamente bebidas e alimentos para o consumo inmediato, sen que en ningún caso poidan dispoñer de espazos para a celebración de bailes, medios de reprodución de música de ningún tipo, ou acceso de outras persoas alleas á actividade principal.

2.8. Exhibición de animais.

Atraccións recreativas desenvolvidas en lugares apropiados para o coidado e conservación de especies animais de especial interese por motivos culturais, educativos, e de protección do ambiente. Realízanse en:

-2.8.1. Zoolóxicos: establecementos públicos fixos e permanentes en que se manteñen animais vivos de especies silvestres para a súa exposición ao público.

-2.8.2. Acuarios: establecementos públicos fixos ou eventuais onde se exhiben réptiles e fauna acuática, que dispoñen de instalacións con auga.

-2.8.3. Recintos de exhibición cabalar e outras especies: establecementos fixos ou eventuais en que se celebran actuacións de cabalos e outras especies animais para o lecer do público que o contempla.

2.9. Festexos e celebracións populares.

Actividades recreativas tradicionais, de carácter popular:

-2.9.1. Solta de novelos: son festexos taurinos tradicionais consistentes na solta, en zonas pechadas ou na vía pública, de reses para fomento do recreo sen levar aparellada a súa lida.

-2.9.2. Verbenas e festas populares: actividades que se celebran, con motivo das festas patronais ou populares, con actuacións musicais, bailes, fogos de artificio ou actividades de restauración. Inclúe as actividades desenvolvidas en establecementos ou instalacións eventuais, portátiles ou desmontables que, debidamente autorizados, se destinan con carácter ocasional, durante a celebración de festas patronais ou tradicionais da localidade, a lles proporcionar aos usuarios, mediante prezo, a utilización de estruturas con dispositivos mecánicos ou electrónicos, ou a participación nos xogos de barracas para a obtención de bens mobles de moi escaso valor económico.

-2.9.3. Carrilanas: actividades realizadas con vehículos artesanais sen motor para exhibicións e a competición popular.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA