DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 17 de decembro de 2004 Páx. 17.549

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2004 pola que se crea o Ficheiro automatizado de mulleres expertas de Galicia no Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

A Constitución española, no seu artigo 18.4º, dispón que a lei limitará o uso da informática para garantir o honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Neste sentido a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro (BOE nº 298, do 14 de decembro), de protección de datos de carácter persoal, regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soporte físico, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. Neste marco, a finalidade desta regulación é garantir e protexer os dereitos fundamentais e as liberdades públicas das persoas físicas, e especialmente o seu honor e intimidade, tanto persoal como familiar.

O artigo 20.1º da devandita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no BOE ou no diario oficial correspondente.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta resolución, o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller crea o ficheiro automatizado de datos de carácter persoal que se relaciona no anexo.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación de ficheiros, está contida no anexo desta resolución.

Artigo 3º.-Finalidade e uso do ficheiro.

Configúrase como instrumento no cal se recollan os datos persoais e profesionais de mulleres galegas expertas nas diferentes materias. Estes datos só serán utilizados para os fins expresamente previstos no anexo.

A finalidade é conseguir a utilización desa capacidade experta tanto polos medios de comunicación como por calquera persoa, entidade ou institución que precise de opinións autorizadas en diferentes temas co obxectivo de conseguir unha maior visualización, prioritariamente nos medios de comunicación, da actividade real e diversificada das mulleres na nosa sociedade.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos na normativa vixente.

Artigo 5º.-Órgano responsable.

A responsabilidade sobre o ficheiro automatizado creado por esta resolución correspóndelle ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo adscrito á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Os dereitos de alta, cancelación e oposición de datos que constan no ficheiro poderán exercerse, se é o caso, ante o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. A rectificación dos datos poderaa facer directamente cada unha das interesadas que figuren no ficheiro.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

O ficheiro creado por esta resolución foi clasificado como de nivel básico, atendendo ao disposto no artigo 4 do Real decreto 994/1999, do 11 de xuño.

O titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade, e os dereitos e obrigas recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2004.

Marta González Vázquez

Directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller

ANEXO

Directorio de Mulleres Expertas de Galicia.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto.

Configúrase como instrumento no cal se recollan os datos persoais e profesionais de mulleres galegas expertas nas diferentes materias.

A finalidade é conseguir a utilización desa capacidade experta tanto polos medios de comunicación como por calquera persoa, entidade ou institución que precise de opinións autorizadas en diferentes temas co obxectivo de conseguir unha maior visualización, prioritariamente nos medios de comunicación, da actividade real e diversificada das mulleres na nosa sociedade.

b) Persoas sobre as que se pretende obter datos de carácter persoal.

Mulleres expertas de Galicia en calquera ámbito ou materia.

c) Procedemento de recollida de datos.

Solicitudes, transmisións electrónicas de datos vía internet.

d) Estrutura básica do ficheiro: base de datos.

Datos de carácter identificativo: nome e apelidos, enderezo (postal, electrónico), teléfono.

Datos de características persoais: data e lugar de nacemento.

Datos académicos e profesionais: idiomas, titulación académica, perfil de cualificacións, profesión, experiencia profesional.

Datos de detalles de emprego: características do posto de traballo actual (cargo, categoría profesional, departamento, organismo).

e) Cesión de datos.

Non se prevé cesión.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA