DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 17 de decembro de 2004 Páx. 17.541

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2004 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, que aproba as bases reguladoras da convocatoria para o exercicio 2005 de 20 bolsas de promoción exterior do instituto.

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, vén levando a cabo unha serie de accións no ámbito exterior desde o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior, a captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia ata o apoio a outros activos intanxibles como son a transferencia tecnolóxica. Para iso, o Igape conta con presencia permanente en varios países a través dos centros de promoción de negocios do Igape no exterior e mediante acordos de representación.

Esta presenza internacional refórzase a través do programa de bolsas de promoción exterior a través do que mozos titulados universitarios adquiren unha formación teórica e práctica no ámbito internacional á vez que desde os seus destinos prestan apoio ás empresas galegas na súa busca de novos mercados e ao establecemento de acordos con empresas estranxeiras.

Por todo isto, o Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, na súa reunión do 25 de novembro de 2004, aprobou as bases reguladoras da convocatoria para o exercicio 2005 de 20 bolsas de promoción exterior cunha dotación orzamentaria de 1.104.600 euros.

Por todo o que antecede,

RESOLVO:

1. Darlle publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape do 25 de novembro de 2004 polo que se aproban as bases reguladoras da convocatoria para o exercicio 2005 de 20 bolsas de promoción exterior do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que se xuntan como anexo a esta resoluciòn.

2. A dotación orzamentaria para estas bolsas ascende ao importe de 1.104.600 euros con cargo ás seguintes partidas:

-01.01.03/07/01.623200 do orzamento do Igape, 15.000 euros para o exercicio 2005.

-01.01.03/07/01.627200 do orzamento do Igape, distribuído en 57.500 euros para o exercicio 2005 e 50.000 euros para o exercicio 2006.

-01.01.03/07/01.629400 do orzamento do Igape, distribuído en 35.000 euros para o exercicio 2005 e 50.000 euros para o exercicio 2006.

-01.01.03/07/01.650450 do orzamento do Igape, 43.000 euros para o exercicio 2005.

-01.01.03/07/01.651800 do orzamento do Igape, distribuído en 352.500 euros para o exercicio 2005 e 501.600 euros para o exercicio 2006.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2004.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de

Promoción Económica

ANEXO I

Bases reguladoras da convocatoria para o exercicio do 2005 de 20 bolsas de promoción exterior do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Base 1ª.-Obxectivo.

O obxecto destas axudas diríxese a formar a 20 especialistas no ámbito internacional á vez que realizar traballos e estudos encamiñados á expansión exterior da empresa galega, tales como busca de oportunidades de negocio, investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras e a detección de potenciais investidores estranxeiros cara a Galicia.

Base 2ª.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

2.1. O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia cunha antigüidade superior a 24 meses.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior.

2.2. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias (superior ou media) na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: Arquitectura, Bioloxía, Ciencias do Mar, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Empresariais, Economía, Dereito, Física, Enxeñaría e Química. A titulación deberá terse obtido con posterioridade ao 31 de decembro de 1997.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación e Cultura español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

2.3. Dominio dun dos seguintes idiomas (falado e escrito): alemán, francés, inglés, italiano, portugués.

Para estes efectos os candidatos deberán realizar unha proba do idioma elixido. Os candidatos poderán examinarse como máximo dun dos idiomas anteriores, para o que deberán indicar o idioma obxecto de exame na solicitude.

2.4. Non ter concedida mediante resolución ou desfrutado con anterioridade ningunha outra bolsa do Igape.

2.5. Non ter desfrutado doutra bolsa no estranxeiro concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

2.6. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.

Base 3ª.-Duración e destino.

3.1. A duración inicial da bolsa establécese en doce meses contados desde a data de comezo que para tal efecto fixe a resolución de concesión, que poderá ser prorrogada polo Igape por un período de seis meses adicionais en consideración á programación de actividades do Igape e aos resultados acreditados polo bolseiro.

3.2. As bolsas desfrutaranse preferentemente nos centros de promoción de negocios do Igape no exterior (CPN's) e nas oficinas económicas e comerciais de España no estranxeiro (OFCOMES), ou outros destinos, incluíndo os de carácter privado.

3.3. A duración das bolsas que se concedan para cubrir posibles incidencias ou renuncias cubrirá unicamente o tempo que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización da bolsa inicial concedida ao bolseiro que renuncie. As bolsas por renuncias concederanse sempre e cando falte por desfrutar polo menos un período de seis meses da bolsa inicial.

Base 4ª.-Contía.

4.1. As bolsas estarán dotadas cunha cantidade anual que oscilará entre 20.000 e 48.000 euros brutos segundo o país e cidade de destino. En caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga. Previamente á adxudicación das bolsas, o Igape publicará os países de destino así como a contía económica da bolsa asignada a cada un deles.

O Igape correrá cos gastos de desprazamento do bolseiro ao país ou cidade de destino proporcionando un billete de ida ao país de destino e outro de volta a España, que lle serán proporcionados con antelación á data de inicio e finalización da bolsa ou da prórroga concedida. En caso de renuncia á bolsa outorgada, o Igape non correrá cos gastos de desprazamento a España, sendo o bolseiro quen deberá sufragalos persoalmente.

4.2. Considéranse incluídos dentro da dotación da bolsa os impostos de carácter persoal así como todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o seu desenvolvemento, e en concreto, os seguintes:

-A obtención e/ou renovación do visado ou permiso de residencia exixidos polas autoridades do país de destino.

-Gastos de estadía no país de destino.

-A contratación dun seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa.

-Vacinas ou tratamentos preventivos necesarios para o país de destino.

4.3. O Igape correrá cos gastos de desprazamento, aloxamento e manutención no país de destino ocasionados pola asistencia a feiras ou acompañamento de empresarios galegos. Para estes efectos o bolseiro solicitará ao Igape con carácter xeral con polo menos 15 días de antelación a realización do desprazamento, mediante o oportuno formulario de orde de servizos que lle será proporcionado, e deberá obter a preceptiva autorización do Igape. A liquidación destes gastos efectuarase de acordo co establecido no Consello de Dirección do Igape polo que se fixan as contías por indemnización por razón de servizo.

4.4. O Igape poderá financiar cursos do idioma oficial do país de destino, logo de autorización do Igape con polo menos 15 días de antelación ao inicio do curso, sempre que non coincida con algún dos idiomas de entre os elixidos de acordo coa base 2.3 desta convocatoria e que o seu coñecemento sexa necesario para o correcto desenvolvemento da bolsa. Unicamente admitiranse aqueles cursos que se realicen nun centro de ensino de idiomas. A liquidación deste gasto realizarase contra presentación do orixinal/is da factura/s pagadas polo bolseiro, así como dun informe emitido polo centro en cuestión no que se indicará o grao acadado.

4.5. Así mesmo, o Igape poderá aboar ao bolseiro calquera outro gasto que non estea regulado nas presentes bases, sempre e cando sexa directamente imputable á actividade por el desenvolvida, como poden ser os gastos de envío dos informes realizados, e o bolseiro deba sufragalos persoalmente logo de aprobación do gasto polo Igape. A liquidación deste gasto realizarase contra presentación do orixinal/is da factura/s pagadas polo bolseiro.

4.6. No caso das actividades de formación que o Igape organice previamente á incorporación dos bolseiros e os reservas ao destino asignado, este período terá a consideración de non computable no período da bolsa. Os bolseiros que acrediten residir fóra de Santiago percibirán, logo de solicitude ao Igape, 18,33 A en concepto de axuda de manutención e os gastos de desprazamento e peaxes debidamente xustificados. A non asistencia ás actividades dos bolseiros seleccionados e os reservas entenderase como renuncia á bolsa e arquivarase o expediente sen máis trámite, agás por causa de enfermidade debidamente xustificada.

Base 5ª.-Libramento.

5.1. A dotación da bolsa aboaráselle ao bolseiro en cinco pagamentos parciais segundo o seguinte detalle:

-Un 10% da dotación a partir do momento de aceptación da bolsa e sinatura do correspondente com

promiso de cumprimento das normas e obrigas que se establezan e unha vez rematadas as actividades de formación.

-Un 25% da dotación unha vez recibida a notificación de incorporación ao destino asignado.

-Un 25% da dotación ao termo do primeiro cuadrimestre.

- Un 25% da dotación ao termo do segundo cuadrimestre.

-Un 15% da dotación ao termo do terceiro cuadrimestre. Este pagamento final non se realizará ata a presentación no Igape dunha memoria final dos traballos realizados.

5.2. A dotación correspondente á prórroga da bolsa que, se é o caso, se conceda aboarase segundo o seguinte detalle:

-O 60% da dotación a partir do momento da recepción no Igape da aceptación da prórroga da bolsa e sinatura do correspondente compromiso de cumprimento das normas e obrigas que se establezan.

-O 30% da dotación ao inicio do segundo trimestre.

-O 10% restante unha vez finalizado o segundo trimestre. Este pagamento final non se realizará ata a presentación no Igape dunha memoria final dos traballos realizados.

5.3. A dotación e o calendario de pagamentos das bolsas outorgadas por renuncias estableceranse na resolución de concesión da bolsa en función do período de desfrute da bolsa.

Base 6ª.-Residencia, mobilidade xeográfica e dependencia funcional.

6.1. Durante a duración da bolsa o bolseiro terá o obriga de residir na cidade de destino que se lle asignase. Non obstante durante o prazo de desfrute da bolsa, en caso de concorrer causa xustificada, o bolseiro poderá ser trasladado de cidade e/ou do país de destino temporal ou definitivamente, sendo por conta do Igape os gastos de traslado que se é o caso deriven.

6.2. O bolseiro poderá dispor de catorce días laborables para a realización de actividades de carácter persoal durante os doce meses da duración inicial da bolsa. No caso de prorroga da bolsa o bolseiro poderá dispor dos días que proporcionalmente correspondan ao período de prórroga. Para o desfrute destes deberase solicitar a aceptación e conformidade do Igape e do organismo de destino con carácter xeral con 10 días de antelación.

No caso de prórroga da bolsa e se estes non se desfrutasen con anterioridade, poderán acumularse aos que correspondan ao período de prórroga, non tendo en ningún modo a consideración de gratificables economicamente.

6.3. Para a realización do seu cometido, o bolseiro dependerá en todo momento do Igape, estando sometido ás instrucións e criterios fixados ou transmitidos

por este, ou aos que, se é o caso, este organismo acorde coa institución ou empresa que o acolla.

Base 7ª.-Procedemento de selección.

7.1. As solicitudes presentaranse no modelo oficial que se publica como anexo III xunto coa documentación que se publica como anexo II no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación redactada nunha lingua non oficial en Galicia deberá presentarse acompañada de tradución realizada por intérprete xurado.

7.2. O prazo de presentación de solicitudes establécese en 40 días naturais a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia do presente acordo.

7.3. A valoración das solicitudes e das probas selectivas realizaraa un comité de selección, que estará presidido polo director da Area de Promoción, Innovación e Información Empresarial e integrado por outros tres membros designados polo presidente do comité de selección, actuando un deles como secretario.

7.4. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado documentalmente o cumprimento dos requisitos de admisión, o comité de selección confeccionará unha lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando se é o caso as causas de exclusión. Esta lista será exposta no taboleiro de anuncios do Igape, e abrirase un prazo de dez días hábiles para que os interesados poidan emendar a súa solicitude, achegando se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a emenda procederase ao arquivo do expediente sen máis trámite. En calquera momento, o Igape poderá pedirlle ao solicitante a información e a documentación complementarias que considere necesarias para a resolución do expediente.

Finalizado o prazo de emendas, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes admitidas a selección.

7.5. Preselección segundo o expediente.- De entre os solicitantes admitidos, farase unha preselección eliminatoria de acordo coa nota media do expediente académico do título universitario, seleccionándose ata un máximo de cento cincuenta candidatos. Para estes efectos establécese o seguinte baremo de puntuacións:

-Matrícula de honra: 10 puntos.

-Sobresalente: 9 puntos.

-Notable: 7 puntos.

-Aprobado: 5 puntos.

7.6. Proba de idiomas.- Os aspirantes preseleccionados segundo o disposto no punto anterior serán convocados a unha proba eliminatoria do idioma elixido entre os sinalados na base 2.3. As probas constarán dunha parte escrita e outra oral.

7.7. Entrevista persoal.-Os aspirantes que superasen a proba do idioma elixido someteranse a unha entrevista persoal eliminatoria tendente a avaliar a adecuación do perfil do candidato ás funcións que van desempeñar durante o período de desfrute da bolsa.

As probas terán lugar en Santiago de Compostela, sendo por conta do solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.

7.8. Baremación.-Os candidatos serán finalmente baremados tendo en conta as puntuacións acadadas ao longo do proceso selectivo e será a suma das puntuacións acadadas nas letras a), b) e c) seguintes:

a) O resultado de valorar conxuntamente as puntuacións que se acadasen no proceso selectivo (nunha escala de 1 a 10) ponderadas da seguinte maneira:

-O 40% da puntuación obtida na proba do idioma elixido.

-O 20% da puntuación do expediente académico.

-O 20% da puntuación obtida na entrevista persoal.

A suma total destas puntuacións será como máximo de 8 puntos.

b) Aqueles candidatos que acrediten unha experiencia laboral por conta allea de polo menos un ano na categoría profesional que corresponda coa titulación/s universitaria/s do candidato ou 3 anos de experiencia aínda non sendo dentro da súa categoria profesional, obterán un punto nesta epígrafe. Para a súa acreditación presentarase a documentación establecida no anexo II, punto 11.

c) Avaliarase especialmente a formación específica en comercio exterior (master, curso de posgrao, cursos ou similares), polo que os candidatos que acrediten a realización de acordo co establecido no anexo II punto 13 dun curso nesta materia de duración igual ou superior a 200 horas ou 20 créditos, obterán un punto nesta epígrafe.

7.9. Listas definitivas.-Unha vez rematadas as probas de selección a comisión de avaliación exporá nos taboleiros de anuncios das oficinas do Igape as listas de solicitantes que superasen as probas e abrirase un prazo de dez días naturais para que os interesados poidan presentar alegacións respecto do baremo obtido.

As listas publicaranse clasificadas por idiomas de tal maneira que haberá cinco grupos (alemán, francés, inglés, italiano e portugués) en función do idioma elixido e, dentro de cada grupo, os candidatos aparecerán ordenados segundo a puntuación final obtida.

7.10. Publicacións e recursos.- Os actos da comisión de selección ditados no proceso de selección serán obxecto de publicación no taboleiro de anuncios do Igape e non serán notificados individualmente aos interesados. Contra estes actos caberán, no prazo dun mes desde a súa publicación, recurso de alzada; a súa resolución delégase a favor da directora xeral do Igape.

7.11. Adxudicación das bolsas.

a) O Igape fará publica a relación de países de destino, a contía da súa dotación económica e o idioma que será tido en conta para acceder a cada un deles.

Haberá 7 grupos de países:

Grupo 1: países nos que o idioma oficial é o inglés.

Grupo 2: países nos que o idioma oficial é o francés.

Grupo 3: países nos que o idioma oficial é o alemán.

Grupo 4: países nos que o idioma oficial é o italiano.

Grupo 5: países nos que o idioma oficial é o portugués.

Grupo 6: países nos que o idioma oficial é o castelán.

Grupo 7: países nos que o idioma oficial é distinto aos indicados nos grupos anteriores.

b) Os candidatos que superasen as probas que figuren nas listas indicadas na base 7.9 anterior, serán convocados ante o comité de selección para a elección dos destinos.

Primeiramente convocanrase os candidatos en igual número que os destinos dispoñibles para cada grupo de países, exceptuando os destinos do grupo 6, e por orde de puntuación final obtida irán realizando a súa elección dentro de cada grupo de países, segundo o seguinte procedemento: os candidatos que superasen a proba do idioma inglés poderán elixir entre os destinos dos grupos 1 e 7, os que superasen a proba do idioma francés poderán elixir entre os destinos do grupo 2, os que superasen a proba do idioma alemán poderán elixir entre os destinos do grupo 3, os que superasen a proba do idioma italiano poderán elixir entre os destinos do grupo 4, os que superasen a proba de portugués poderán elixir entre os destinos do grupo 5.

Seguidamente, para a elección dos destinos nos países do grupo 6 convocarase, en igual número que destinos dispoñibles, os candidatos non elixidos para os destinos dos grupos 1, 2, 3, 4, 5 e 7, que farán a súa elección por orde de puntuación final obtida.

En caso de empate na puntuación final obtida, o desempate realizarase por esta orde: maior puntuación na proba de idiomas, maior puntuación no expediente académico, maior puntuación na experiencia laboral, maior puntuación en comercio exterior, maior puntuación na entrevista persoal.

c) Unha vez seleccionados os 20 bolseiros polo procedemento descrito, o resto dos candidatos con maior puntuación que superasen as probas ata un máximo de 20 (doce do idioma inglés e dous por cada un dos restantes idiomas) pasarán a integrar as listas de reservas que servirán para resolver as posibles renuncias ou incidencias.

O procedemento para cubrir as renuncias realizarase na forma prevista na base 7.11.b e, en caso de esgotarse os reservas dispoñibles para un determinado destino, este declararase deserto.

d) A Dirección da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial do Igape remitirá proposta de adxudicación, para a súa resolución pola dirección xeral. A resolución conterá o nome do adxudicatario, a data de comezo da bolsa, o destino, a dotación económica, as listas de reservas e cantas cuestións se consideren convenientes para o correcto desenvolvemento das actividades que realicen os bolseiros.

e) Para os efectos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás bolsas especificadas nestas bases será de 6 meses desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia; cumprido este prazo entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa. No caso de que por disposición legal variase o sentido do silencio o procedemento adaptarase ao disposto nela.

f) As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotarán a vía administrativa polo que, de conformidade co previsto na Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, poderase interpor contra elas recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpor no prazo dun mes desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, recurso de reposición, que resolverá o Consello de Dirección do Igape.

Base 8ª.-Aceptación da bolsa.

O Igape notificaralle a cada adxudicatario a concesión da bolsa, quen no prazo de dez días hábiles desde a súa notificación deberá aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases e na resolución de concesión. Se no dito prazo non constase a súa aceptación expresa, entenderase que renuncia aos seus dereitos, arquivándose o seu expediente sen máis trámite.

Base 9ª.-Obrigas dos bolseiros.

Sen prexuízo doutras obrigas conforme a esta convocatoria e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

9.1. Participar nas actividades de formación teórica e práctica que o Igape organice para os bolseiros antes de ocupar o seu destino.

9.2. Incorporarse ao seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión.

9.3. Cumprir as instrucións fixadas ou que lle sexan transmitidas polo Igape para o desenvolvemento do obxecto da bolsa.

9.4. Cumprir as normas de conduta da oficina ou entidade onde o bolseiro estea instalado.

9.5. Elaborar e presentarlle ao Igape os estudos, informes ou traballos prácticos que lle sexan encomendados durante a duración da bolsa e ao remate desta presentar unha memoria final sobre os traballos realizados.

9.6. Xestionar, tramitar e obter os visados, permisos ou autorizacións exixidos polas autoridades do país ou cidade de destino e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.

9.7. Vacinarse e recibir os tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.

9.8. Contratar un seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.

Base 10ª.-Incumprimento.

10.1. Procederá a revogación da bolsa e de ser o caso, o reintegro das cantidades anticipadas e os seus xuros de demora devengados desde o seu pagamento, cando o bolseiro incumpra calquera das bases da convocatoria ou os compromisos contraídos na resolución de concesión, así como nos casos previstos no artigo 78.5º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En calquera momento o Igape poderá comprobar, mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes, as actividades dos beneficiarios relativas á bolsa concedida.

10.2. Ao termo do primeiro semestre, o Igape revisará o cumprimento do programa de traballo asignado e reserva para si a facultade de revogar a bolsa se o bolseiro incumpre sen que sexa por alguna causa xusitificada ou motivo de forza maior.

10.3. No caso de que o bolseiro renuncie á bolsa concedida deberá comunicalo ao Igape por escrito con polo menos 15 días de antelación á data na que abandone o seu posto no organismo de destino. Este prazo establécese con carácter xeral sen prexuízo de que por causas de forza maior non poida cumprirse o dito prazo.

10.4. En todos os casos, a cantidade anticipada para devolver obterase pola diferenza entre a dotación percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente desfrutados.

10.5. O procedemento de incumprimento iniciarao o Igape, de oficio, ben por iniciativa do órgano concedente, ou como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia ou por denuncia.

10.6. O órgano competente para iniciar, tramitar e resolver o expediente será aquel que ditou a resolución de concesión.

10.7. O procedemento iniciarase mediante a comunicación ao beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as posibles consecuencias del. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia, aducir alegacións ou achegar documentos e outros elementos de xuízo.

10.8. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegar e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

10.9. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o Igape ditará a resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, de ser o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.

10.10. O prazo máximo para resolver os procedementos sobre incumprimento será de seis meses computados desde o acordo de iniciación. Se pasado este prazo non se ditase resolución, entenderase caducado o procedemento sen prexuízo de que se notifique a resolución, declarando a caducidade e ordenando o arquivo das actuacións.

10.11. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dite resolución pola que se declare esta circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puideran ser constitutivos de infracción administrativa.

10.12. Todo iso sen prexuízo, de ser o caso, da incoación dos procedementos sancionadores que procedan.

Base 12ª.-Certificado da bolsa.

Tras a presentación no Igape da memoria final das actividades realizadas, o bolseiro que así o

desexe poderá solicitar ao Igape un certificado de beneficiario da bolsa concedida.

Base 13ª.-Incidencias.

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, pola Dirección do Igape.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape de acordo coa lista de reserva.

Base 14ª.-Propiedade dos traballos.

Coa aceptación da bolsa, todos os dereitos de explotación dos estudos, informes e outros traballos que realice o bolseiro no desenvolvemento das prácticas realizadas, cédenselle ao Igape, que poderá facer uso deles e explotalos como crea conveniente directamente ou mediante a súa cesión a terceiros

Base 15ª.-Natureza e incompatibilidade da bolsa.

A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ninguna vinculación laboral entre o beneficiario e o Igape, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación ao seu cadro de persoal, non desempeñando o bolseiro en ningún caso, salvo mando expreso, a representación do Igape.

As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro.

Base 16ª.-Control.

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento de axudas con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que sexa requirida por ditos organismos.

Base 17ª.-Interpretación.

Correspóndelle á directora xeral do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Disposición derradeira

As presentes bases entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO II

Documentación solicitantes

1. Instancia de solicitude segundo o modelo establecido no anexo III.

2. Dúas fotografías tamaño carné co nome do solicitante ao dorso.

3. Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

4. Currículum vitae.

5. Acreditación do cumprimento de polo menos unha das seguintes condicións:

5.1. Veciñanza administrativa en Galicia: orixinal ou fotocopia compulsada do certificado de empadroamento cunha antigüidade superior a 24 meses.

5.2. Ser natural de Galicia: fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

5.3. Ser fillo ou descendente directo ata o terceiro grao de emigrantes galegos no exterior: fotocopia compulsada da documentación oficial acreditativa da ascendencia natural de Galicia (fotocopia compulsada do pasaporte ou DNI do ascendente/s en que figure o lugar de nacemento ou, no seu defecto, a partida/s de nacemento).

6. Fotocopia compulsada do título ou no seu defecto do xustificante de ter pagadas as taxas para a súa obtención.

7. Fotocopia compulsada do expediente académico expedido polo centro ou institución onde o solicitante realizara os seus estudos superiores.

8. Declaración xurada de non ter obtido ou desfrutado dunha bolsa concedida mediante resolución do Igape en convocatorias anteriores.

9. Declaración xurada de non ter desfrutado doutra bolsa no estranxeiro concedida por outros organismos segundo o establecido na base 2.5.

10. Certificado médico oficial de boa saúde para o normal exercicio da bolsa, emitido cunha antigüidade inferior ou igual a 30 días naturais desde a data de presentación da solicitude.

11. Acreditación, se é o caso, da experiencia laboral por conta allea: orixinal ou fotocopia compulsada do informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

12. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha fotocopia compulsada da homologación concedida polo Ministerio de Educación e Cultura español, ademais da copia compulsada do expediente académico, que no caso de estar nun idioma non oficial en Galicia terá que ir traducido por un intérprete xurado.

13. Acreditación da formación específica en comercio exterior mediante fotocopia compulsada do certificado de realización do curso nesta materia, no que conste o número de horas ou créditos do curso.

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME

E DA MULLER