DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 17 de decembro de 2004 Páx. 17.535

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Estacionamientos y Servicios, S.A. (adxudicataria do servizo de retirada e custodia de vehículos en Vigo).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Estacionamientos y Servicios, S.A. (adxudicataria do servizo de retirada e custodia de vehículos en Vigo), con nº de código 3602881, que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 27-10-2004, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa e da parte social, polos delegados de persoal, con data do 2-7-2004, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 3 de novembro de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo entre a empresa Estacionamientos y Servicios, S.A., adxudicataria do concurso para a prestación do servizo de retirada, depósito e custodia de vehículos contedores indebida ou defectuosamente estacionados, parados ou depositados na vía pública do termo municipal de Vigo e os traballadores que figuran adscritos ao servizo.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación persoal, funcional e territorial.

O presente convenio será de aplicación a todo o persoal que prestando os seus servizos no centro

de traballo establecido na cidade de Vigo, estea contratado por Estacionamientos y Servicios, S.A., adxudicataria do concurso para a prestación do servizo de retirada, depósito e custodia de vehículos, contedores, indebida ou defectuosamente estacionados, parados ou depositados na vía pública do termo municipal de Vigo.

Artigo 2º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor para todos os efectos o día seguinte ao da súa publicación no BOP, excepto os conceptos económicos que se retrotraerán ao 1 de xaneiro de 2004.

Artigo 3º.-Duración.

A duración do presente convenio será de tres anos e estenderase do 1 de xaneiro de 2004 ao 31 de decembro de 2006.

O dito convenio entenderase automaticamente denunciado de ano en ano, sen necesidade de aviso previo por ningunha das partes.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible, e para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente en cómputo anual.

No suposto de que a autoridade laboral non aprobase algún dos pactos contidos no presente convenio, este quedará sen eficacia práctica, debendo ser reconsiderado na súa totalidade.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas neste convenio compensarán e absorberán todas as existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza ou a orixe destas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación só poderán afectar as condicións pactadas no presente convenio, cando consideradas as novas retribucións en cómputo anual, sexan superiores ás aquí pactadas. En caso contrario, serán absorbidas ou compensadas por estas últimas, subsistindo o presente convenio nos seus propios termos e sen modificación ningunha nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 6º.-Garantía ad personam. Dereitos adquiridos.

Respectaranse as condicións superiores pactadas a título persoal que estean establecidas ao entrar en vigor o presente convenio, e que con carácter global excedan deste en cómputo anual.

Artigo 7º.-Comisión mixta paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria no presente convenio, composta por un representante da empresa e outro dos traballadores, podendo ambas partes contar cos asesores que estimen necesarios.

As partes conveñen en darlle coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflitos puidesen orixinarse como consecuencia da interpretación e aplicación do presente convenio, co obxecto de que esta emita informe, antes de interpoñer reclamación ante os organismos correspondentes.

Os acordos da comisión tomaranse por maioría.

Artigo 8º.-Lexislación supletoria.

Para todo o non previsto neste convenio, seralle de aplicación a lexislación laboral vixente, e en especial o R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Organización e condicións de traballo

Artigo 9º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade da empresa, con respecto ás condicións contratadas co concello, e en especial correspóndelle á empresa fixar sistemas de traballo, distribución de persoal, etc.

Artigo 10º.-Definición do persoal.

O persoal ao servizo da empresa clasificarase atendendo ás funcións que desenvolva da seguinte maneira:

Encargado: é a persoa designada pola empresa, que ten ao seu cargo o persoal operario cuxos traballos dirixe, supervisa e coordina.

Ten responsabilidade do traballo, disciplina, seguridade e saúde laboral do persoal ao seu cargo e debe posuír os coñecementos suficientes para realizar as ordes que lle encomenden os seus superiores.

Confeccionará o cadro das quendas de servizo do persoal ás súas ordes coidando e supervisando os relevos e asegurando que en todo momento se poidan suplir as ausencias do seu persoal por vacacións, enfermidades, etc.

Recibirá os materiais e pedidos dando a conformidade en canto a contido e control de calidade do recibido.

Analizará os partes diarios do persoal de guindastre, para os efectos de coñecer as incidencias acaecidas no parque de vehículos e material auxiliar e as necesidades de mantemento xeradas.

Coordinará e colaborará coa Policía Municipal, transportes e outros servizos do concello para un correcto funcionamento do servizo.

Condutor guindastre: persoal que se ocupa da condución do guindastre, a carga, descarga, retirada e traslado ao depósito municipal de vehículos e os traballos incluídos no prego de condicións, vixente á sinatura do convenio.

Encárgase de revisar periodicamente a situación dos niveis e estado en xeral do vehículo que vai utilizar avisando inmediatamente aos seus superiores das avarías que detecte.

Ocúpase do coidado e manexo do vehículo asignado, e de todos os elementos e equipos que se encontran asignados a este para a prestación do servizo.

Controlador do depósito: persoa que cobre os impresos diarios sobre o servizo, realiza o cobramento de taxas do depósito e emite a carta de pagamento correspondente ao cidadán que retire o vehículo, procedendo á liquidación e arqueo de caixa coa periodicidade e formularios que en cada caso se estableza.

No suposto de que nas operacións de medio enganche e outros sexa o condutor do guindastre quen efectúe os cobramentos, as cantidades recadadas liquidaranse entre este e o controlador do depósito, quen á súa vez coidará do destino e liquidación final do diñeiro, efectuando os movementos de caixa necesarios para o servizo sendo o responsable dela.

Dará entrada e asento, no libro de rexistro así como no ordenador, das entradas e saídas no momento de ser retirado un vehículo polo seu dono ou representante.

Encárgase do coidado e manexo da base de telefonía instalada nas dependencias do depósito, para a intercomunicación cos vehículos guindastre.

Peón especializado: é a persoa que se ocupa da posta e retirada dos cepos dos vehículos que lle son indicados, realizando cando proceda o cobramento das taxas correspondentes.

Encárgase de revisar periodicamente a situación dos niveis e estado en xeral do vehículo que vai utilizar avisando inmediatamente os seus superiores das avarías que detecte.

Ocúpase do coidado e manexo do vehículo asignado, e de todos os elementos e equipos que se encontran asignados a el para a prestación do servizo. Fará un pequeno mantemento, como mínimo semanal, consistente na limpeza e o engraxamento dos cepos.

Durante o tempo que permaneza no depósito, realizará as tarefas que o encargado lle encomende con relación ao servizo que preste e á súa categoría.

Auxiliar administrativo: é aquel persoal que ten ao seu cargo e desenvolve, con adecuada preparación profesional, tarefas administrativas dos departamentos, servizos ou seccións da administración da empresa, exercéndoas con iniciativa e responsabilidade e que pode ou non ter persoal baixo a súa supervisión.

Debe saber detectar e resolver problemas operativos como erros de operación ou de máquinas.

Artigo 11º.-Contratos.

En materia de contratación laboral, haberá que aterse ao disposto na lexislación laboral vixente en cada momento e normas complementarias que a regulen, e, especial, o R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Cambio de titularidade da empresa e subrogación dos servizos.

Co fin de regular a estabilidade no emprego dos traballadores desta actividade, cando a actual empresa perda a adxudicación dos servizos contratados, a nova sociedade adxudicataria ou entidade que se faga cargo estará obrigada a subrogarse nos contratos dos traballadores adscritos a estes servizos, calquera que sexa a modalidade de contratación deles.

A nova sociedade ou entidade que se faga cargo estará obrigada a respectar todos os dereitos económicos e laborais dos traballadores, recoñecendo expresamente os representantes legais destes e estará obrigada a cumprir o convenio colectivo en vigor.

Artigo 13º.-Xornada.

A xornada de traballo queda establecida en corenta horas semanais de traballo efectivo, que se distribuirán de luns a domingo. A xornada en cómputo anual será de 1.800 horas para o ano 2004. Para os anos 2005 e 2006 a xornada será a media, das cidades da Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra e Vigo, do ano que entre en vigor o novo contrato do servizo da cidade de Vigo.

A xornada de traballo efectiva deberá ser realizada por cada traballador de acordo coas fórmulas de repartición horaria existentes no centro de traballo, dentro dos límites establecidos na lei, en réxime de quendas e con carácter rotativo.

Enténdese como traballo efectivo a presenza do traballador no seu posto de traballo e dedicado a este.

A xornada de traballo estará supeditada en cada momento ás necesidades do servizo e aos cambios que nel poidan producirse, en función do contrato entre a empresa e o Concello de Vigo.

Os traballadores terán dereito a 15 minutos de bocadillo, que se considerarán como tempo efectivo de traballo, o dito período farase coincidir co da policía.

Os excesos de xornada por acumulación de horario semanal desfrutaranse como máximo dentro do mes seguinte ao que se producisen.

Artigo 14º.-Vacacións.

Todo o persoal, afecto ao presente convenio, desfrutará de 30 días naturais de vacacións, retribuídas ou a parte proporcional que lle corresponda, en función do tempo de permanencia na empresa.

O período de desfrute das vacacións será do 1 de xuño ao 31 de agosto, de forma rotativa.

En caso de comezar as vacacións coincidindo cun día de descanso, o inicio será ao día seguinte.

Artigo 15º.-Licenzas e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración de todos aqueles conceptos retributivos que non se

encontren vinculados de forma expresa á prestación efectiva da actividade laboral, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Catro días nos casos de nacemento de fillo/a, enfermidade grave ou falecemento de parentes, ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto fóra da provincia, o tempo será de cinco días.

c) Catro días en caso de hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

d) As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de descanso no seu traballo diario, que poderá dividir en dúas fraccións. As traballadoras poderán substituír este dereito por unha redución da xornada normal en media hora, coa mesma finalidade.

e) Un día por traslado de domicilio habitual.

f) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber de carácter público e persoal.

g) Un día por matrimonio de fillo/a, irmán/a.

h) A partir do ano 2005 establécese un día de libre disposición, logo de aviso á empresa con 48 horas de antelación, e un máximo dun traballador por quenda.

Artigo 16º.-Recoñecemento médico.

A empresa concertará coa entidade aseguradora de accidentes de traballo unha revisión médica anual para todos os traballadores.

Artigo 17º.-Anticipos.

Os traballadores terán dereito a solicitar un anticipo mensual sobre os haberes devengados. O dito anticipo deberá solicitarse antes do día 15 de cada mes.

Capítulo III

Condicións económicas

Artigo 18º.-Salario base.

O salario base do persoal afecto a este convenio é o que para cada categoría se establece na táboa salarial anexa.

O salario base devengarase por día natural.

Artigo 19º.-Antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade consistirá en tres bienios do 5% e posteriores quinquenios do 10% calculados sobre o salario base de cada categoría.

Os aumentos por anos de servizo comezarán a devengarse a partir do día primeiro do mes seguinte en que se cumpra o bienio ou quinquenio.

Artigo 20º.-Complemento de asistencia.

Establécese un complemento de asistencia para o persoal afecto polo presente convenio, na contía sinalada na táboa salarial anexa, aboándose por día efectivamente traballado.

Artigo 21º.-Complemento de nocturnidade.

Establécese un complemento de nocturnidade para todo o persoal que realice a súa xornada entre as 22.00 h e as 6.00 horas do día seguinte, consistente nun 25% do salario base, aboándose por día efectivamente traballado.

Artigo 22º.-Festivo traballado.

Para os traballadores que presten servizo nalgún dos catorce festivos anuais, establécese un complemento de festivo traballado na contía de 19 A.

Artigo 23º.-Noiteboa e Noitevella.

Establécese unha prima para os condutores que traballen as noites do 24 e 31 de decembro de cada ano na contía de 48 A.

Artigo 24º.-Complemento extrasalarial.

Para suplir os gastos ocasionados polo transporte, establécese un complemento extrasalarial pola contía establecida na táboa salarial anexa, aboándose por día efectivamente traballado.

Artigo 25º.-Horas extras.

As partes asinantes do presente convenio acordan a conveniencia de reducir a un mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias.

As horas que teñan a consideración de extraordinarias terán un incremento do 75% sobre o valor da hora ordinaria.

A empresa, sempre e cando non se perturbe o normal proceso produtivo, poderá compensar a retribución das horas extraordinarias por tempos equivalentes de descanso.

Artigo 26º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense para todo o persoal afecto polo presente convenio dúas pagas extraordinarias denominadas verán e Nadal, que se axustarán ás seguintes condicións:

A contía de cada unha delas será de 30 días de salario base máis antigüidade.

* O período de devengo será o seguinte:

Verán: do 1 de xaneiro ao 30 de xuño.

Nadal: do 1 de xullo ao 31 de decembro.

* A data de aboamento será a seguinte:

Verán: o día 15 de xullo.

Nadal: o día 22 de decembro.

Capítulo IV

Melloras sociais

Artigo 27º.-Complementos por IT.

1. Accidente.

A empresa completará as prestacións que perciba o traballador nos casos de baixa por accidente laboral, ata o 100% do salario bruto mensual, a partir do primeiro día da baixa.

2. Enfermidade.

A empresa completará as prestacións que perciba o traballador, nos casos de baixa por enfermidade común que requira hospitalización e mentres dure esta, ata o 100% do salario bruto mensual e na primeira baixa do ano.

Os días de baixa por accidente laboral non penalizarán as pagas extras, así como a primeira baixa por enfermidade común, non devengándose no resto de supostos.

Artigo 28º.-Póliza de accidentes de traballo.

A empresa comprométese a subscribir unha póliza de seguro por accidente de traballo que lle garanta ao traballador ou aos seus habentes causa as seguintes indemnizacións:

Falecemento por accidente laboral: 16.500 A.

Invalidez absoluta, gran invalidez ou morte derivada de enfermidade profesional: 25.000 A.

A dita póliza entrará en vigor aos quince días da sinatura deste convenio.

Artigo 29º.-Retirada do permiso de conducir.

No suposto de que a un traballador con categoría de condutor de guindastre, realizando o seu cometido, con vehículo da empresa e cumprindo a función encomendada, lle fose retirado provisionalmente o permiso de conducir, a empresa cambiarao a outro posto de traballo, respectándolle a retribución de condutor de guindastre por un período máximo de seis meses; ao final da suspensión será reintegrado á súa antiga categoría e posto de traballo anterior. Será de aplicación cando a circunstancia ocorra (in itinere) con vehículo propio.

Estes beneficios non terán lugar cando a causa da retirada do permiso de conducir sexa debida a imprudencia temeraria, embriaguez ou drogadición.

Artigo 30º.-Conflitos cos usuarios.

En caso de conflitos que adquiran estado xudicial de empregados da empresa con usuarios do servizo, con motivo deste, aquela proporcionará avogado e procurador e sufragará os gastos que estes orixinen, para que defendan o traballador ou os traballadores implicados.

Cando o traballador deba acudir ao xulgado por citación xudicial fóra do seu horario de traballo,

a empresa compensará con tres horas de descanso para os temas relacionados co seu traballo.

Artigo 31º.-Axuda familiar.

Os traballadores afectados polo presente convenio, que teñan ao seu cargo unha persoa diminuída psíquica ou física, de acordo coas estipulacións requiridas pola Seguridade Social, e logo de xustificación, percibirán un complemento extrasalarial consistente en 60,10 A mensuais.

Artigo 32º.-Axuda escolar.

Aqueles traballadores con fillos, con idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos, que se encontren cursando estudos oficiais e debidamente xustificados mediante a presentación da matrícula, percibirán anualmente no mes de setembro, o seguinte importe: 36 A.

Artigo 33º.-Préstamos.

Establécese a creación dun fondo para préstamos por un importe de 6.010,12 A, do cal se irán concedendo, logo de solicitude por escrito que visarán empresa e comité de empresa e que se realizará no modelo que se estableza para o efecto, préstamos cuxo importe máximo por traballador será de 601,01 A.

A devolución detraerase das nóminas das doce mensualidades seguintes e deberá transcorrer un mínimo de seis meses entre a finalización do aboamento do préstamo e a solicitude doutro novo polo mesmo traballador.

Cando se esgote a cantidade fixada, non se darán máis préstamos, ata que non se vaian reintegrando as cantidades xa entregadas.

Artigo 34º.-Xubilación anticipada.

Establécese un sistema de indemnización no caso de xubilación anticipada, voluntaria e de mutuo acordo entre a empresa e traballador conforme a seguinte escala:

Xubilación aos 60 anos: 5 mensualidades.

Xubilación aos 61 anos: 4 mensualidades.

Xubilación aos 62 anos: 3 mensualidades.

Xubilación aos 63 anos: 2 mensualidades.

Xubilación aos 64 anos: 1 mensualidade.

As mensualidades aboaranse con independencia dos anos de servizo na empresa.

Artigo 35º.-Roupa de traballo.

Os traballadores percibirán como dotación de roupa de traballo as seguintes pezas de uso obrigatorio, participando na elección destas o delegado de prevención, coa periodicidade que se detalla.

* Anualmente:

-Verán: dous polos ou camisetas, un par de zapatos, unha funda de traballo e un xersei fino.

-Inverno: dúas camisas, un par de zapatos, unha funda de traballo e un xersei groso.

* Bianualmente:

Un traxe de auga.

Como elementos de protección individual facilitaránselles aos condutores as seguintes pezas:

-Chaleco reflectante.

-Cinto protección lumbar.

Dotarase a cada guindastre dunha lanterna para a realización de traballos nocturnos.

As datas de entrega serán como se indica:

-Verán: 2 de maio.

-Inverno: 1 de outubro.

En caso de producirse a baixa do traballador na empresa por calquera motivo, estará obrigado a entregar a roupa que teña en existencia. Igualmente en cada entrega de roupa, salvo a entrega inicial, recollerase a peza usada correspondente

Cláusulas adicionais

Primeira.-O incremento salarial pactado para o ano 2004 será do IPC real do ano 2003 máis 1 punto sobre a táboa salarial vixente ao 31-12-2003.

Segunda.-O incremento salarial pactado para o ano 2005 será do IPC real do ano 2004 máis 2 puntos, sobre a táboa salarial vixente ao 31-12-2004.

Terceira.-O incremento salarial pactado para o ano 2006 será do IPC real do ano 2005 máis 1,5 puntos, sobre a táboa salarial vixente ao 31-12-2005.

ANEXO

Estacionamientos y Servicios, S.A.

Táboa salarial do persoal adscrito ao servizo de retirada, depósito e custodia de vehículos, contedores, indebidamente ou defectuosamente estacionados, parados ou depositados na vía pública do termo municipal de Vigo

Vixencia: 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2004

CategoríasSalario base

(365 días)

Complemento asistencia

(274 días)

P. transporte

(274 días)

Pagas extras

Ver./Nav.

Bruto anual

Encargado40,720,802,961.221,6018.336,24

Condutor28,870,802,96866,1013.299,99

Control. depósito28,420,802,96852,6013.108,74

Peón especializado28,420,802,96852,6013.108,74

Aux. administrativo852,600,0073,73852,6012.821,16