DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 17 de decembro de 2004 Páx. 17.534

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 9 de decembro de 2004 pola que se modifica a do 4 de abril de 2003, pola que se aproban os estatutos do Colexio de Economistas da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local en virtude do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro).

En virtude da devandita competencia foi ditada a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os estatutos do Colexio de Economistas da Coruña foron aprobados pola Orde do 4 de abril de 2003.

De acordo co artigo 20.2º da Lei 11/2001, correspóndelle á Xunta Xeral do colexio profesional a reforma dos estatutos. Dando cumprimento a esta disposición, a Xunta Xeral do Colexio de Economistas da Coruña aprobou nas datas do 5 de marzo e do 11 de xuño de 2004 a modificación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade da modificación estatutaria e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a modificación dos estatutos do Colexio de Economistas da Coruña, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2004.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local

ANEXO

Modificacións dos estatutos do Colexio

de Economistas da Coruña

Epígrafe g) do artigo 14º:

g) Os colexiados que deixaran de satisfacer as cotas ordinarias ou extraordinarias acordadas pola

Xunta de Goberno e ratificadas pola Xunta Xeral dentro dos prazos sinalados no artigo 15 eliminaranse das listaxes do colexio, perdendo todo dereito de colexiado ata que satisfagan as cotas non pagadas, actualizadas segundo as que estean en vigor no momento da reincorporación. Iguais medidas se tomarán cando o colexiado teña a obriga do pagamento de cotas impostas polos organismos superiores ou que se acordaran entre o colexio e aqueles.

Artigo 16º

Os órganos de deliberación e execución do colexio son a Xunta Xeral, a Xunta do Goberno, a Xunta Executiva e o órgano presidencial composto polo decano-presidente ou quen faga as súas veces. Ademais, por acordo da Xunta de Goberno, poderanse constituír comisións de traballo que realizarán as funcións que lles sexan encomendadas por aquela.

O órgano supremo do colexio é a Xunta Xeral composta por todos os colexiados. A Xunta Xeral asume todas as competencias colexiais, se ben a Xunta de Goberno exercerá as súas propias con independencia da xunta.

Artigo 31º

A Xunta de Goberno, baixo a presidencia do decano ou quen o substitúa legalmente, reunirase obrigatoriamente catro veces ao ano, sempre que o considere necesario o decano ou cando así o soliciten a terceira parte dos seus compoñentes en escrito dirixido ao decano, que necesariamente a convocará.

Epígrafe 4 do artigo 37º:

4. As funcións recollidas nas epígrafes anteriores serán exercidas pola Xunta Executiva por delegación da Xunta de goberno.

Novas epígrafes do artigo 37º:

5. Son funcións exclusivas da Xunta de Goberno, sen menoscabo das competencias da Xunta Xeral:

a) Repartir equitativamente as cargas entre os colexiados, fixando as cotas ordinarias que procedan.

b) Ditar as normas de orde interna que xulgue conveniente, que poderán ser revisadas pola Xunta Xeral.

c) Nomear representantes no Consello Xeral de colexios de Economistas de España.

d) Nomear representantes no Consello Galego de colexios.

e) Redactar orzamentos e render as contas anuais do colexio.

f) Propoñerlle á Xunta Xeral o investimento dos fondos sociais.

g) Aprobar a xestión da Xunta Executiva.

6. Como norma xeral:

Cantas outras funcións se prevexan nestes estatutos e todas aquelas non sometidas de maneira explícita á Xunta xeral.

Novo capítulo III do título III: da xunta executiva:

Novo artigo 48º: a Xunta Executiva asumirá a xestión do colexio, subordinando a súa actuación ás directrices que estableza a Xunta de Goberno.

Novo artigo 49º: a Xunta Executiva estará integrada polo decano presidente, o presidente adxunto, os catro vicedecanos, o secretario xeral, o vicesecretario, o tesoureiro e o contador da Xunta de Goberno, así como polos presidentes das delegacións do colexio, e os presidentes das comisións de traballo que se constitúan no seo da Xunta de Goberno.

Novo artigo 50º: a Xunta Executiva, baixo a presidencia do decano ou quen o substitúa legalmente, reunirase obrigatoriamente seis veces ao ano, sempre que o considere necesario o decano ou cando así o soliciten a terceira parte dos seus compoñentes en escrito dirixido ao decano, o cal necesariamente a convocará. As reunións da Xunta de Goberno substituirán para todos os efectos ás reunións da Xunta Executiva, computando para os efectos do número mínimo de reunións anuais.

Novo artigo 51º: a constitución da Xunta Executiva e toma de acordos, así como a asistencia dos membros ás reunións rexeranse polo establecido nos artigos 32º, 33º e 34º dos vixentes estatutos.

Os presidentes das delegacións poderán delegar a súa representación nas reunións da Xunta Executiva, en calquera outro membro da Xunta de Goberno da delegación, comunicándollo previamente ao decano-presidente. Do mesmo xeito, os presidentes das comisións poderán delegar noutro membro destas a súa representación para os efectos das reunións que se convoquen.

Novo artigo 52º: será motivo de baixa na Xunta Executiva ter causado baixa na Xunta de Goberno.

Novo artigo 53º: correspóndenlle á Xunta Executiva, por delegación da Xunta de Goberno, as funcións recollidas nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 37º e cantas outras funcións lle sexan encomendadas pola Xunta de Goberno sempre que non estean sometidas de maneira explícita á Xunta Xeral.

Renumeración:

-Os capítulos III e IV do título III pasan a ser respectivamente capítulo IV e V.

-Os artigos 48º a 88º pasan a corresponderlle aos números 54º a 94º.