DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 17 de decembro de 2004 Páx. 17.533

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 291/2004, do 2 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alargamento e mellora do trazado da estrada provincial Arcade-Amoedo (Pazos de Borbén) 3ª fase (concello de Soutomaior).

A Deputación Provincial de Pontevedra en sesión celebrada o día vinte e sete de xuño de dous mil tres, aprobou o proxecto de alargamento e mellora do trazado da estrada provincial Arcade-Amoedo (Pazos de Borbén), 3ª fase e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Pontevedra foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dezasete de novembro de dous mil catro.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dez de outubro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, a situación actual do pavimento, seriamente deteriorado, xunto cun trazado de excesiva sinuosidade, fan deste trazado un dos puntos negros da rede viaria provincial, debido ao seu alto índice de siniestralidade, polo que a actuación consistente na mellora do pavimento e o seu alargamento permitiría unha maior seguridade da circulación do tráfico rodado e dos viandantes nunha zona de abundante tráfico, ao constituír a vía de comunicación entre as zonas de Amoedo e Pazos de Borbén coa capital da provincia, e acadando ademais unha uniformidade en toda a estrada, mellorándoa en todo o seu percorrido, sen quedar ningún tramo reducido ao seu largo actual causando un grave efecto de funil, posibilitando unha maior visibilidade e seguridade na súa utilización por vehículos e peóns, e evitando accidentes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alargamento e mellora do trazado da estrada provincial Arcade-Amoedo (Pazos de Borbén) 3ª fase, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local