DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 17 de decembro de 2004 Páx. 17.521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 9 de decembro de 2004 pola que se convocan subvencións para o fomento do turismo de saúde da Comunidade Autónoma de Galicia.

O turismo de saúde enténdese como unha actividade social, cultural e económica esencial o mesmo tempo que complexa, atopándose por natureza na encrucillada de dúas demandas, por unha parte a necesidade de lecer e descanso, e por outra a preocupación polo benestar e a saúde tanto preventiva como curativa. Baixo estas dúas premisas está desenvolvéndose o turismo de saúde galego, un sector que cada día está proliferando e xerando un produto turístico singular, que está dando resposta a unha demanda que aínda se está posicionando por enrriba da oferta.

Para os efectos desta orde, enténdese como turismo de saúde o formado pola oferta que representan os establecementos hoteleiros con instalacións de balneario, talaso ou spa.

Tendo en conta que un dos principais obxectivos da política turística da Xunta de Galicia é o de potenciar a oferta de turismo de saúde en todas as súas expresións é polo que, con cargo aos créditos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade e tendo en conta os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia e todo isto conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei e seguindo o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas

ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse axudas destinadas á creación e á remodelación dos establecementos hoteleiros con instalacións de balneario, de talaso ou spa, que pola súa conceptuación como actividade turística se considera incentivable ao abeiro do antedito Decreto 172/2001. Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á:

1. Creación de hoteis-balneario, hoteis-talaso e hoteis-spa, (grupo 1), formando un conxunto integrado que actúe como elemento dinamizador e impulsor da actividade turística da zona.

2. Creación de balnearios que carezan de infraestrutura de aloxamento, estando estes localizados nunha zona onde exista una infraestrutura turística de aloxamento consolidada.

3. Mellora de hoteis-balneario, hoteis-talaso e hoteis-spa, (grupo 1), en funcionamento. Estas accións poderán dirixirse tanto ás infraestruturas hoteleiras como ás instalacións de balneario, talaso ou spa.

A mellora das instalaciósn hoteleiras non poderá supoñer un incremento superior ao 10% das prazas autorizadas pola administración turística.

4. Mellora de balnearios que carezan de infraestrutura aloxativa.

Para os efectos desta orde considéranse:

1. Establecementos balnearios aqueles que cumpren a normativa sectorial vixente en materia de industria, sanidade e turismo.

2. Establecementos hoteleiros con centro de talaso, os hoteis (grupo I) que estando dotados dos medios axeitados, e baixo control de persoal cualificado, utilizan a auga do mar, o clima mariño, as algas, os lodos, areas e outros elementos ou substancias do medio mariño, con fins beneficiosos para a saúde, tendo en conta que a captación se efectuará directamente do mar.

3. Establecementos hoteleiros (grupo I) con spa, os que dispoñan, en número suficiente e adecuado para atender a demanda que se produza, das instalacións mínimas seguintes:

-Hotel (grupo I) en calquera das categorías que determina a normativa.

-Piscinas activa.

-Cabinas individuais de tratamentos onde polo menos se administre algunha técnica de auga.

-Zona de repouso.

-Vestiarios con duchas e aseos.

-Recepción.

-Sauna.

-Baño de vapor.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

Ás ditas concesións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse os créditos para 2005 da aplicación orzamentaria 10.05.651A.770.0, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e a elas destínase un importe de 2.836.389,50 euros, distribuídos en tres anualidades, a saber, no ano 2005 715.457,96 A, no 2006 385.322,14 A e no 2007 1.735.609,40 A. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, aplicarase o que dispoñen os artigos 16.2º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios de 2005, 2006 e de 2007 sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións

públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable segundo o legalmente establecido.

As actuacións subvencionables encamiñadas á creación e mellora de hoteis-balnearios e hoteis-talaso, poderán acadar unha axuda económica de ata o 40% sobre o investimento subvencionable. Engadiranse seis mil cen euros (6.100 A) por cada posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se exixe nesta orde. Sen que en ningún caso co dito incremento se supere a porcentaxe do 40% do investimento subvencionable.

As actuacións subvencionables encamiñadas á creación ou mellora de hoteis-spa poderán acadar unha axuda económica de ata o 30% sobre o investimento subvencionable. Engadiranse seis mil cen euros (6.100 A) por cada posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se exixe nesta orde.

O importe total da subvención será distribuído en tres anualidades.

No caso de que os proxectos presentados ao concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e, tal feito determinase que se fixese preciso ampliar o importe do crédito determinado no artigo 2º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios de subvencións para o fomento do turismo de saúde os titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil) ou promotores dalgunha das actuacións obxecto desta orde segundo o sinalado no artigo 1º.

Os investimentos que se subvencionen deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Os proxectos que se presenten serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

2. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a cento cincuenta mil (150.000) euros, este comprenderá os honorarios de técnicos, non considerándose investimento subvencionable os gastos xerais nin o beneficio industrial; tampouco forma parte del a adquisición de terreos, así como tampouco ningún tipo de taxa ou imposto.

3. Os proxectos que establezan a creación ou mellora dunha instalación de balneario deberán cumprir o establecido na normativa vixente ao respecto.

4. Os proxectos que establezan a creación ou remodelación dun spa deberán ter unha superficie mínima por praza de aloxamento de 4 m, debendo acadar unha superficie mínima de 400 m co contido mínimo referenciado no artigo 1º.

5. Todos os proxectos que afecten a creación ou mellora das técnicas de balneario, talaso ou spa deberán contar con carteis informativos das características, temperatura e principais indicacións da auga que se está a empregar.

6. Os establecementos para os que se solicita subvención deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta

de Galicia antes da solicitude, agás que sexan de nova creación.

Artigo 4º.-Obrigas dos solicitantes.

Os solicitantes da subvención para o fomento do turismo de saúde adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

a) Iniciar a súa actividade turística, incluídos todos os servizos que se estableceron no proxecto, provisto da correspondente autorización de apertura da administración turística, nun prazo máximo de seis meses, contados a partir da data da xustificación final do investimento.

b) Crear os postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de cinco anos contados desde a data da realización íntegra do investimento subvencionado e manter os durante un período de cinco anos.

c) Manter a súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de xustificación total do investimento subvencionado. Así mesmo, e de conformidade co artigo 8.5º do Decreto 172/2001, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia e o número 4.10 das directrices comunitarias sobre axudas de Estado de finalidade rexional, deberán manter os investimentos subvencionados durante un período mínimo de 5 anos.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

e) Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

f) A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

* Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

* Modificar as obras subvencionadas sen permiso expreso da Administración.

* Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Obter a subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

* Superar a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

* Por revogación da subvención concedida por non se ter xustificado o investimento mínimo subvencionable.

g) Para o caso de que exista servizo de restaurante, no conxunto das instalacións, en ningún caso o seu funcionamento poderá alterar o fin último do establecemento subvencionado ao abeiro desta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas á directora xeral de Turismo e a documentación que de seguido se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na Consellería de Industria e Comercio, de acordo co sinalado no Decreto 400/1996, do 31 de outubro, polo que se crea o portelo único para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial (DOG nº 226, do 19 de novembro), en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Anexo II.

c) Copia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á realización de obras.

e) Anexo técnico.

f) Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións.

En todo caso deberase achegar, tanto sexa coa memoria como co proxecto básico, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e planos a escala adecuada cando o investimento afecte a distribución ou o uso das instalacións existentes.

g) Licenza urbanística, ou licenza por obra menor, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no cal se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

h) Para os proxectos promovidos por personas xurídicas, achegarase escritura cotexada de constitución ou modificación se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil nos cales se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

i) No caso dos hoteis-balneario, declaración da condición de auga mineromedicinal e certificado de autorización de aproveitamento de augas outorgados pola Consellería de Industria e Comercio ou, se é o caso, de terse incoado o expediente que posibilite acadar a dita autorización e certificado de inscrición

no rexistro de centros, servizos ou establecementos sanitarios da Consellería de Sanidade ou, se é o caso, de terse incoado o expediente que posibilite acadar a dita autorización.

No caso dos hoteis-talaso e hoteis-spa terán que acollerse ao disposto na lexislación sectorial vixente en materia de industria, sanidade e turismo de aplicación.

j) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se lle solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

k) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

l) No caso de que o investimento proxectado supoña a creación dunha empresa será preciso achegar declaración xurada do promotor ou do representante legal de que a nova empresa se vai axustar a todas as condicións que se sinalan para os destinatarios.

ll) Plan de calidade proxectado para o establecemento, normalizado e recoñocido, nos mercados proxectados para o establecemento. Débese indicar expresamente se o dito plan está homologado polo Instituto da Calidade Turística Española.

2. Os interesados emendarán os expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non facelo se lles terá por desistidos da súa petición logo de resolución ditada para o efecto.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servizos centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que lles achegará un informe emitido pola Delegación Provincial de Turismo, en que se deberá indicar se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, así como se cumpre os demais requisitos administrativos exixibles para ser obxecto de subvención serán estudadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servizos provinciais de turismo e os xefes de servizo de fomento e promoción, de investimentos e supervisión técnico-turística e de ordenación do turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da área de calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de

secretario da comisión o antedito xefe de servizo de fomento e promoción.

1. Para a valoración das solicitudes, ordenados en función da súa importancia, teranse en conta os seguintes criterios:

1º A localización do investimento atendendo á súa situación e para isto terase en conta: a situación en áreas rurais con tendencia á despoboación; zonas costeiras con elementos configuradores de produto turístico náutico ou pola súa fisonomía tradicional mariñeira; o interese do espazo en relación con figuras de protección ambiental ou a declaración oficial como turístico do municipio onde estea situado, así como estar incluído o municipio nun plan de dinamización ou excelencia turística.

2º Análise do destino en relación coa calidade dos accesos, das infraestruturas básicas e a oferta de servizos de utilización turística.

3º O estado actual e as características da edificación conforme parámetros arquitectónicos que permitan a súa utilización turística.

4º Número de postos de traballo que se van crear e o seu grao de estabilidade.

5º As características da rehabilitación atendendo fundamentalmente á recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional.

6º A relación entre a oferta de servizos proxectada para o establecemento que supere a exixida pola normativa reguladora do establecemento e o investimento proxectado.

7º Incorporación a plans de calidade normalizados e recoñocidos nos mercados, en particular os homologados polo Instituto da Calidade Turística Española.

8º Que o solicitante sexa beneficiario dun programa de novos emprendedores do Instituto Galego de Promoción Económica.

9º A incidencia que nos recursos turísticos ten a área do investimento consonte estudos e análises aprobados pola Dirección Xeral de Turismo.

10º Non estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún outro programa de axuda que persiga os mesmos fins.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes que considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará, unha vez emitidos pola comisión creada ao abeiro do decreto da Xunta de Galicia 401/1996, do 31 de outubro, á directora xeral de Turismo, os acordos adoptados por ela. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo ditará as resolucións de concesión ou se é o caso, de denegación de subvencións. Contra estes actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous

meses, contados ambos os prazos desde a recepción da notificación da resolución.

A resolución de concesión, determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2005, 2006 e 2007.

Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde vistos os acordos da comisión técnica e a proposta formulada pola directora xeral de Turismo, poderanse conceder subvencións aos expedientes que non a recibisen ou ben, de ser posible, poderanse incrementar os importes das xa concedidas ao abeiro desta orde, sempre que non acadasen a porcentaxe máxima determinada anteriormente.

No caso de concesión de subvención tras a resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación á que fai referencia o artigo 7º desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 9º.1, terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. Estas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ao 30 de xuño de 2007.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Requisitos das subvencións.

No prazo de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación de concesión, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación:

a) Aceptación da subvención segundo o anexo III.

b) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada visado polo correspondente colexio oficial, no cal se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, conforme a resolución de concesión.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ao expediente, deberá ser informado favorablemente, polo xefe do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

c) Reportaxe fotográfica do estado actual da edificación.

d) Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF do beneficiario.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cumprilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Transcorrido o sinalado prazo de corenta días naturais ou o de requirimento, se é o caso, procederase a declarar os interesados que non cumpran o sinalado neste artigo decaídos no seu dereito ao trámite correspondente logo da resolución ditada para o efecto e anularase a subvención concedida.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios da subvención deberán comezar a execución do proxecto durante o ano 2005 debendo estar rematado con tempo dabondo para xustificar o investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade o ano 2005, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada, elaborada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.

2. Os proxectos que se subvencionen terán que facer pública a colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos correspondentes servizos provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Así mesmo, deberán facer público o financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) mediante un cartel que mostre a bandeira europea (fondo azul e estrelas amarelas) e as siglas Feder.

3. Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase do 2005: 1 de novembro do 2005.

Fase do 2006: 1 de outubro do 2006.

Fase do 2007: 30 de xuño do 2007.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cumprilos segundo o establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no seu dereito os interesados que non cumpran o disposto neste artigo logo de resolución ditada para o efecto.

De non xustificarse o investimento executado correspondente á primeira anualidade, quedará anulada toda a subvención.

De non xustificarse o investimento executado nos prazos indicados, anularase a subvención correspondente á dita anualidade.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non xustificado.

3. Para percibir a subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo por triplicado exemplar a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, «Modelo oficial», que se compón de cara, certificación en orixe, por partidas e capítulos segundo as medicións e os prezos recollidos no proxecto de execución e resumo xeral elaborada polos técnicos directores de obra relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

No caso de non ser necesario presentar o proxecto básico segundo se sinala no artigo 5º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ao investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas o interesado deberá especificar, a que concepto do investimento que sirviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Licenza urbanística ou licenza por obra menor se fose o caso, que posibilitase a execución do investimento subvencionado O dito documento é preceptivo, de non presentarse coa primeira solicitude de pagamento, a Dirección Xeral de Turismo anulará a subvención concedida.

3.4. Certificados de estar ao día nas súas obrigas tributarias coas Facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos aos que se fai referencia no artigo 4º.1 e anexo II da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.6. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3.7. Cando se solicite o pagamento da anualidade de 2005 ou se é o caso de 2006 ou 2007, ademais da presentación da documentación indicada no número 3 do presente artigo, tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias e condicións ás que fai referencia o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desen

volve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Deberá solicitalo o interesado.

b) Deberá xustificarse non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ao proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco superar o 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

3.8. En calquera caso os pagamentos parcias teranse que garantir conforme o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de decembro.

A garantía ou aval deberá cubrir o importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude do pagamento e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposición transitoria

Todos os actos ditados nos expedientes de gasto regulados ao abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das subvencións reguladas na presente orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando polo menos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvención, cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ao remate do prazo de cinco anos.

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquirir a condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento aos anteditos requisitos de estabilidade laboral no caso de que a subvención concedida sexa inferior a 60.101 euros.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados nesta orde, para os efectos de creación de emprego, son:

* Autoemprego.

* Indefinidos.

* Fixos-descontinuos.

Deberá sinalarse se a xornada que se vai desempeñar é a tempo completo ou se se trata de xornada partida.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ao ano, procederase a dividir a suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a non exixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obter a consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Disposición derradeira

En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento, así como no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL