DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 17 de decembro de 2004 Páx. 17.510

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 23 de novembro de 2004 pola que se declara de interese galego a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 19 de outubro de 2004 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 29 de setembro de 2004, pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, adscribíndoa á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 5 dos seus estatutos, ten como obxecto:

a) Promover a recuperación de toda aquela documentación, sexa gráfica, escrita ou noutro soporte, que se xerou ao longo do século XX e que constitúa elemento de identidade do movemento nacionalista galego, especialmente na segunda metade do século.

b) Ser centro de documentación, consulta e estudo sobre as actividades das organizacións nacionalistas xurdidas fundamentalmente nas décadas dos 60, 70 e 80 do século XX, xa sexan de carácter cultural, estudantil, sindical, ambiental ou político, nas cales a Unión do Povo Galego, ben de xeito directo ou indirecto, participou na sua xestación, constitución e/ou organización.

c) Difundir entre os galegos e galegas os estudos sobre a realidade da nación galega e a súa sociedade que contribúan a un mellor coñecemento da realidade de Galiza e do mundo e inflúan para desenvolvermos unha sociedade plenamente democrática. Tamén difundirá a escala internacional a realidade social e política da Galiza como nación.

d) Convocar cursos, xornadas e debates sobre temas relativos ao nacionalismo e ao marxismo nas súas dimensións política, social, cultural e económica.

e) Conservar e xestionar todo o patrimonio político e artístico xerado pola Unión do Povo Galego nas súas actividades como partido político, principal organizando o Arquivo Histórico da UPG.

Por iso, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas xa que

os seus estatutos cumpren as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentarlle o proxecto de orzamento ao protectorado, con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula e debendo solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo