DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 17 de decembro de 2004 Páx. 17.446

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de decembro de 2004 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Sales.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Sales, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o día nove de setembro de dous mil catro, ante o notario Mariano Vaqueiro Rumbao, co número mil catrocentos corenta e cinco do seu protocolo por Josechu, S.A., Alfonso Paz-Andrade Rodríguez, Elizabeth Ann Taylor, Alberto Casal Rivas, José Luciano Martínez Covelo, Francisco Rodríguez Vidales e Anunciación González González. Interveñen todos eles en nome propio, e Alfonso Paz-Andrade Rodríguez intervén, ademais, en nome da entidade mercantil Josechu, S.A.

3. Son fins da fundación, segundo establece o artigo seis dos seus estatutos, o impulso, xestión e desenvolvemento daquelas actuacións culturais (literarias, musicais, plásticas), cívicas, didácticas e educativas, científicas, socio-económicas e demais análogas de interese xeral que, por iniciativa propia ou por proposta doutras institucións, fundacións ou organismos, estime necesarias ou convenientes para o desenvolvemento sociocultural e económico de Galicia.

En particular é obxecto da fundación o fomento do estudo e difusión do conxunto da obra e personalidade de Francisco de Sales Covelo, arquivo e divulgación desta, tanto nos aspectos artísticos, de deseño, paisaxísticos e biográficos, enfocando estas cuestións tanto desde unha perspectiva teórica e de pensamento, como desde os ámbitos da creatividade e do sociocultural.

4. O padroado da fundación estará integrado por Alberto Casal Rivas como presidente, Alfonso Paz-Andrade Rodríguez como vicepresidente, Elisabeth Ann Taylor, Anunciación González González e José Luciano Martínez Covelo como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese

cultural da Fundación Sales, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e á súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 30 de novembro de 2004.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de como de interese cultural a Fundación Sales adscribíndoa á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública