DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 16 de decembro de 2004 Páx. 17.437

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

ENTE PÚBLICO PORTOS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2004 pola que se aproba o Plan de utilización dos espazos portuarios do porto de Meloxo (Pontevedra).

O ente público Portos de Galicia, en cumprimento do artigo 96 da Lei 48/2003, do 26 de novembro, de réxime económico e prestación de servizos nos portos de interese xeral, e do artigo 19.2º da Lei

27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, modificada pola Lei 62/1997, do 26 de decembro, redactou o Plan de utilización dos espazos portuarios do porto de Meloxo en setembro de 2003.

Segundo o previsto na lexislación vixente, o citado plan foi tramitado polo ente público Portos de Galicia. Como resultado da tramitación do expediente, o Plan de utilización do porto de Meloxo foi modificado en marzo de 2004.

En reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia, do día 1 de abril de 2004, e en cumprimento do disposto no artigo 13 e) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público, modificado polo Decreto 83/2002, do 28 de febreiro, e co artigo 96 da Lei 48/2003, de réxime económico e de prestación de servizos nos portos de interese xeral, acordouse darlle conformidade ao Plan de utilización dos espazos portuarios do porto de Meloxo, así como elevalo e propolo para a súa aprobación.

Tendo en conta a consideración efectuada polo Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda efectuada no informe recibido en data 7 de xuño de 2004, en data posterior á da celebración do mencionado Consello de Administración, no sentido da necesidade de cambiar a denominación da zona náutico-recreativa pola de náutico-deportiva, modificación que se efectuou no plan de utilización aprobado, dando como resultado unha nova e definitiva redacción del con data de xuño de 2004.

Tendo en conta que o cambio indicado no informe de urbanismo supón unha simple corrección de orde nominal e que non representa ningunha alteración dos usos previstos no plan de utilización que o Consello de Administración de Portos de Galicia propuxo para a súa aprobación.

Visto o expediente e o informe proposta do técnico da Área de Explotación e Planificación de Portos de Galicia, así como o acordo do Consello de Administración do ente público dándolle a conformidade ao Plan de utilización dos espazos portuarios do porto de Meloxo e acordando elevalo e propoñelo para a súa aprobación.

O presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, conferida por Orde do 21 de novembro de 2002,

RESOLVE:

Aprobar o Plan de utilización dos espazos portuarios do porto de Meloxo (Pontevedra), redactado en xuño de 2004 pola enxeñeira de camiños, canles e portos Guiomar Cabezas Martínez e pola enxeñeira directora Ana Isabel Calzadilla Bouzón.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2004.

Carlos Negreira Souto

Presidente do ente público Portos de Galicia