DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 16 de decembro de 2004 Páx. 17.408

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 9 de decembro de 2004 pola que se establece a porcentaxe que cómpre transferir aos colexios de procuradores dos tribunais de Galicia, para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta, e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará aos colexios de procuradores para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Polo Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo no seu anexo letra B) núm. 1 c) as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á representación por procurador dos tribunais en queda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 146/1997, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, e establece no seu artigo 45, que a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de procuradores para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.-A cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta para o ano 2004, fíxase nun oito por cento do importe total devengado durante o ano 2003 polos colexios de procuradores dos tribunais da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de representación gratuíta.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Xustiza a ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2004.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local