DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 16 de decembro de 2004 Páx. 17.402

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 3 de decembro de 2004 pola que se convocan subvencións para a mellora de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes para o ano 2005.

A oferta turística de Galicia está conformada por unha serie de elementos que a configuran como única e diferente, pero ao carón destes elementos distintivos aparecen outros comúns a todas as ofertas que, pola súa vez, son importantes nela, estámonos a referir aos establecementos cualificados como cafetarías, cafés, bares e restaurantes.

Para os efectos de mellorar os referidos establecementos e así, deste xeito, axudar á mellora global da oferta turística de Galicia é polo que, con cargo aos créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade

e seguindo os límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas a España para o período 2000-2006 e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, de acordo co determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse axudas destinadas á mellora de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes en funcionamento. Por iso

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á mellora dos servizos sanitarios e as cociñas de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes que impliquen dar cumprimento, na súa totalidade, ás condicións establecidas no artigo 3º desta orde.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

As ditas concesións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse á aplicación orzamentaria 10.05.651A.770.3 e a elas destínase un crédito máximo de 800.000 A sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar unha axuda económica de ata un 40% do investimento subvencionable con un importe máximo de 5.000 A no caso de servizos sanitarios, e de 9.000 A no caso das cociñas.

a) Respecto aos servizos sanitarios, o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 900 A.

b) Respecto ás cociñas, o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 1.800 A.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios de subvencións para a mellora de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes os titulares en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil de establecementos de cafetarías, cafés, bares e restaurantes en funcionamento.

O solicitante non debe estar incurso en ningún procedemento sancionador incoado pola Administración turística que aínda se estea tramitando.

O solicitante non debe ter recibido nos últimos 3 anos ningunha axuda das administracións u organismos públicos ou privados para o mesmo obxecto para o que se solicita subvención.

1. Será requisito imprescindible para acceder á subvención que os establecementos para os que se solicita estean inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia antes do remate do prazo que, para a presentación de solicitudes, se establece nesta orde. Deberán estar inscritos co nome comercial actual do establecemento e a nome do titular que opte á subvención.

2. Os servizos sanitarios, logo da execución do investimento subvencionado, terán que cumprir as seguintes condicións:

a) Serán independentes para donas e cabaleiros.

b) Contarán, como mínimo, coas seguintes dotacións:

-Un lavabo e un inodoro con descarga automática de auga. No caso de servizos de cabaleiros tamén contarán con urinario.

-Ventilación directa ou asistida con renovación de aire.

-As paredes, chans e teitos serán impermeables e estarán revestidos de materiais de doada limpeza.

-Xabón líquido, toallas dunha soa utilización ou secador de mans.

-Recipiente hixiénico para o depósito do lixo.

3. Respecto das cociñas, poderán ser obxecto de subvención:

-A renovación e mellora de pavimentos e azulexados que deberán ser impermeables e revestidos de materiais de doada limpeza.

-As obras encamiñadas á mellora e garantía da ventilación directa ou forzada en todas as dependencias.

-A instalación de lavamáns de accionamento non manual en zonas de elaboración, manipulación e envasado de comidas preparadas.

-Bens de equipo tales como renovación de cociñas, cámaras frigoríficas, ferros, aparellos de conservación de alimentos etc.

Non se considerará obxecto de subvención a adquisición de viveiros, enxoval, vaixelas ou análogos nin a renovación do mobiliario ou adquisición de pequenos electrodomésticos.

4. Os proxectos que se subvencionen non poderán estar comezados antes da notificación de concesión ou denegación da subvención, e estarán rematados con tempo dabondo para xustificar o investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

Non se computará como subvencionable ningún tipo de imposto, taxa ou prezo público.

Artigo 4º.-Obrigas dos solicitantes.

Os solicitantes das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

1. Someterse ás actuacións de comprobación a efectuar pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

3. A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de mora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Ter obtida a subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

-Por revogación da subvención concedida por non terse xustificado o investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a continuación se especifica presentarase, por duplicado exemplar, na Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo correspondente á provincia onde se atope o establecemento ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de corenta días naturais contados desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Copia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente ou, no seu defecto, facturas proforma ou orzamentos debidamente asinados en que figure por separado o custo da mellora dos servizos sanitarios e o da cociña. (En calquera dos casos o orzamento deberá de especificar se é sen ou con IVE e, neste caso, indicarase o tipo aplicable).

d) Fotografías do estado actual dos servizos sanitarios.

e) Fotografías do estado actual das cociñas.

f) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura cotexada da súa constitución ou

modificación, de ser o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil en que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que os estatutos son os vixentes.

g) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde polas distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

2. Os interesados emendarán os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; de o non faceren serán tidos por desistidos na súa petición logo de resolución ditada para o efecto.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servizos centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 6º.-Facultade de inspección.

Desde o momento da presentación das solicitudes, realizaranse todas as inspeccións o comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou a execución das obras aprobadas.

Artigo 7º.-Selección das solicitudes e resolución.

A cada expediente xuntaráselle informe emitido pola respectiva Delegación Provincial de Turismo, no que se deberá indicar se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia así como informe do inspector de turismo competente sobre o estado actual dos servizos sanitarios e/ou cociñas. As solicitudes serán estudadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vogais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servizos provinciais de Turismo e os xefes do Servizo de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, de Inspección e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do Servizo de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes terase en conta como criterio de concesión os investimentos que determinen unhas dotacións superiores ás establecidas como mínimas nesta orde, así mesmo, teranse en conta en orde decrecente os seguintes criterios:

1º A localización do investimento atendendo á súa situación e para isto terase en conta: a localización en áreas rurais con tendencia a despoboación; zonas costeiras con elementos configuradores de producto náutico ou cunha fisionomía tradicional mariñeira; o interese do espazo en relación a figuras de protección ambiental, a declaración oficial como turístico do muni

cipio ou estar incluído o dito municipio ou localidade nun plan de dinamización e/ou excelencia turística.

2º Análise do destino en relación coa calidade dos accesos, coas infraestruturas básicas e coa oferta de servizos de utilización turística.

3º Que o solicitante sexa beneficiario dun programa de novos emprendedores do Instituto Galego de Promoción Económica.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos e dos que, se é o caso, considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará á directora xeral de Turismo, os acordos adoptados por ela. Dos ditos acordos redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo ditará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra as ditas resolucións, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados ambos os prazos desde o día seguinte ao da recepción da notificación desta resolución.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias determinadas nesta orde.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude desta orde terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado o 15 de outubro de 2005.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao investimento non xustificado.

3. Para percibir a subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo II.

3.2. Facturas relativas á obra executada. En calquera caso, as facturas serán separadas para os servizos sanitarios e a cociña e deberán especificar os distintos conceptos e prezos unitarios.

3.3. Fotografías do investimento realizado.

3.4. Certificados de estar ao día nas súas obrigas tributarias coas Facendas do Estado e da Comunidade

Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

3.5. Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

3.6. Certificación da entidade bancaria acreditativa do número de conta e do CIF/NIF do beneficiario.

Se a documentación non reúne os requisitos necesarios, concederase un prazo de dez días para cumprilos segundo o establecido no artigo 76.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, procedendo a declarar decaídos no seu dereito aos interesados que non cumpran o disposto neste artigo logo de resolución ditada para o efecto.

Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposición transitoria

Todos os actos ditados nos expedientes de gasto regulados ao abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposición derradeira

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto, para esta materia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as súas disposicións de desenvolvemento, así como no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL