DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 16 de decembro de 2004 Páx. 17.401

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 10 de decembro de 2004 pola que se convocan axudas aos usuarios da autoestrada AP-9, entre Vigo e O Morrazo residentes na provincia de Pontevedra.

O Decreto 416/2003, do 27 de novembro (DOG do 28 de novembro), regula e establece as bases e condicións do réxime de axudas para subvencionar a peaxe da autoestrada AP-9 entre Vigo e O Morrazo e entre A Coruña e A Barcala. Para que teña efectos económicos, o mencionado decreto precisa dunha orde anual de convocatoria onde se recollan os créditos consignados. O proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2005, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 16 de outubro de 2004, recollen unha partida para este fin.

Os créditos establecidos para 2004 na Orde do 20 de xaneiro de 2004 para o mesmo fin, son insuficientes para subvencionar totalmente o custo correspondente a este ano, debido tanto ao incremento non previsto do número de tarxetas como consecuencia da ampliación do prazo de solicitudes a todo o ano, como a unha maior difusión desta subvención entre os interesados, polo que cómpre ampliar os créditos con obxecto de non interromper a liña de axuda.

O día 10 de decembro de 2004 asinouse o convenio coa Deputación Provincial de Pontevedra para o financiamento destas axudas ao 50 por cento entre a Xunta de Galicia e a deputación, onde se recolle o financiamento para 2005 e o incremento de financiamento para 2004.

O Decreto 416/2003, do 27 de novembro, na súa disposición derradeira faculta ao conselleiro a ditar as normas precisas para o seu desenvolvemento.

Na súa virtude

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.

Convócanse axudas para subvencionar o custo da peaxe da autoestrada AP-9, entre Vigo e O Morrazo e O Morrazo e Vigo, a favor das persoas físicas residentes na provincia de Pontevedra, a través da tarxeta bono peaxe ou do dispositivo da peaxe dinámica. Estas axudas rexeranse polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido no Decreto 416/2003, do 27 de novembro, publicado no Diario Oficial de Galicia do 28 de novembro de 2003.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As axudas concederanse con cargo á aplicación 06.03.413B 480.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005 e cun importe de 660.920 euros por parte da Xunta de Galicia, que financiará o 50 por cento da axuda, a achega do 50 por cento restante será a cargo da Deputación Provincial de Pontevedra.

As axudas quedan limitadas á existencia de crédito, de acordo co artigo 57 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3º.-Ampliación do crédito para 2004.

Amplíase o crédito por parte da Xunta de Galicia para facer fronte á subvención da peaxe no treito O Morrazo-Vigo, correspondente a 2004 en 144.765,77 euros con cargo á partida 06.03.413B 480 dos orzamentos da consellería para 2004, que financiará o 50 por cento da axuda, a achega do 50 por cento restante desta ampliación será a cargo da Deputación Provincial de Pontevedra.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda