DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 16 de decembro de 2004 Páx. 17.397

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 286/2004, do 25 de novembro, de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana e do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) en Monte Pío e Finca do Espiño, Santiago de Compostela (A Coruña). (Expediente AC-00065).

1. O planeamento urbanístico vixente no municipio de Santiago de Compostela é o Plan Xeral de Ordenación Urbana aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 26 de decembro de 1989, posteriormente adaptado aos criterios de ordenación das normas subsidiarias provinciais en virtude da aprobación definitiva outorgada pola Orde do 20 de xullo de 1994, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (desde agora CPTOPV). Está tamén en vigor o Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica de Santiago de Compostela PE-1, aprobado definitivamente polo concello o 24 de marzo de 1997.

2. De conformidade co disposto no artigo 93.4º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (desde agora LOU),

as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación. Nese aspecto, cómpre ter en conta, entre outros, os particulares que a seguir se sinalan:

En sesión do 3 de marzo de 2000, o Consello da Xunta de Galicia, logo do informe favorable emitido pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia o 28 de febreiro dese ano, acordou a procedencia da inmediata execución do proxecto de urbanización da Finca Monte Pío e o seu contorno con destino a parque público e usos institucionais, así como encomendar ao Concello de Santiago de Compostela que levase a cabo a correspondente modificación do planeamento.

Tras iso, o concello formulou un proxecto de modificación puntual dos ditos plan xeral e plan especial para adecuar o planeamento ao xa referido proxecto institucional; o dito proxecto recibiu informe favorable da CPTOPV e da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia o 10 e o 25 de xaneiro de 2002, respectivamente.

Posteriormente, o concello, co ánimo de garantir a integración da actuación derivada do dito proxecto institucional no seu contorno máis inmediato, asegurar o seu enlace coa rede viaria e de servizos existentes e restablecer a proporción de espazos libres establecida no vixente Plan Xeral de Ordenación Urbana, introduce unha serie de variacións no referido proxecto, consistentes na ampliación do seu ámbito e en cambios de ordenación cos cales, en definitiva, se pretende axeitar a ordenación urbanística dunha área da cidade en coherencia coa implantación do referido edificio institucional.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o proxecto resultante recibiu informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en sesión do 22 de febreiro de 2002, respecto da afectación de zonas verdes ao tempo que sinalaba determinadas condicións.

A seguir o Pleno da Corporación, en sesión do 21 de marzo de 2002, acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que lles foi comunicada aos propietarios afectados, e foi sometido o expediente a información pública polo prazo dun mes. Tras iso, e logo dos informes que máis adiante se sinalan, e o da Dirección Xeral de Urbanismo, do 18 de febreiro de 2003, e os da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, do 25 de febreiro e 20 de xuño de 2003, o Pleno da Corporación, con data do 20 de xuño de 2004, aprobou provisionalmente o documento que hoxe se analiza.

Constan no expediente os informes municipais do xefe dos servizos de Programación e Proxección e de Proxectos e Obras, do 8 de outubro de 2003,

así como os emitidos o 15 de xuño de 2004 pola técnica e polo arquitecto de Planeamento e pola vicesecretaría do concello; figura tamén escrito de consideracións, do 27 de xullo de 2004, da alcaldía do concello.

Igualmente, e entre outros, constan no expediente os informes favorables seguintes, coas precisións que, de ser o caso, neles constan: a) do xefe da Área de Programación e Proxectos e do xefe do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico do organismo autónomo Augas de Galicia, do 22 de xaneiro de 2001; b) do dito xefe do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico, do 28 de xuño de 2002; c) da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 25 de xaneiro de 2001 e do 3 de decembro de 2002; d) da Secretaría Xeral do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda, do 20 de decembro de 2002; e) da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 27 de decembro de 2002; f) e a conformidade das subdireccións xerais de Urbanismo e de Disciplina e Informes, así como da Dirección Xeral de Urbanismo, do 22 de novembro de 2004.

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, logo dos seus acordos do 25 de xaneiro de 2001, 22 de febreiro de 2002 e 20 de xuño de 2003, informa favorablemente, en sesión do 13 de outubro de 2004, o expediente aprobado provisionalmente, para os efectos do disposto nos artigos 94 e 95 da LOU, entendendo a procedencia da modificación tramitada e a concorrencia das xustificacións demandadas no dito articulado.

3. A modificación que se pretende co expediente tramitado, coas finalidades anteriormente recollidas, responde a un triple obxecto:

a) A inserción no plan xeral do proxecto de urbanización da Finca Monte Pío e o seu contorno con destino a parque público e uso institucional, cuxa execución inmediata foi aprobada o 3 de marzo de 2000 polo Consello da Xunta de Galicia.

b) Levar a cabo cambios na ordenación do solo urbano lindante, con pequenos reaxustes de aliñacións, e a previsión de diversas obras de urbanización sobre vías, espazos libres e equipamentos, entre as que se poden destacar a construción de dúas novas pasarelas sobre o río Sarela, e a recualificación de parte de dous rueiros de ordenanza 5 (vivenda familiar en ringleira) a ordenanza 3A (edificación en liña), e de ordenanza 10 (industrial) a ordenanza 9A (actuacións unitarias consolidadas, vivendas familiares).

c) Urbanización da Finca do Espiño, lindante coa de Monte Pío polo seu extremo sur, que se vai realizar mediante un único polígono que se xestionará polo sistema de concerto, o que, en síntese, composta a reclasificación dun ámbito (de 26.000 m de superficie) de solo non urbanizable de conservación e

protección de áreas de cultivo de potencialidade produtiva (predio singular) e parque urbano PU-14 a solo urbanizable delimitado; e, acolléndose ao artigo 57.2º da LOU, a determinación da súa ordenación detallada, coas seguintes cualificacións de solo: equipamento de titularidade privada (EM-FE) sobre unha parcela de 8.000 m, cunha superficie máxima construída de 10.500 m, altura máxima de B+2 e usos permitidos asistencial, sanitario, socio-cultural, hoteleiro e residencial comunitario; parque urbano de sistema xeral PU-14.1.b, de 7.100 m; parque urbano de sistema local PU-FE de 6.610 m; aparcadoiro público de 53 prazas, cos seus accesos; equipamento sociocultural municipal de sistema xeral, de 700 m; equipamento sociocultural municipal de sistema local, de 1.070 m de superficie, onde se sitúa unha edificación existente que se vai rehabilitar.

De conformidade co disposto nos artigos 93 e 95.2º e 4º da LOU, a competencia para a aprobación definitiva das modificacións do planeamento que teñan por obxecto a reclasificación de solo rústico de especial protección, correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, logo do informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia que, como anteriormente se recolle, foi emitido na súa sesión do 13 de outubro deste ano.

En mérito do dito, de conformidade co establecido na dita Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 13 de novembro do ano que corre, así como por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de novembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana e do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) en Monte Pío e Finca do Espiño, Santiago de Compostela (A Coruña), aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello de Santiago de Compostela o 24 de xuño do ano que corre.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polo artigo 92 da dita Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas desta modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra este decreto cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro

de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda