DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 16 de decembro de 2004 Páx. 17.342

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 12/2004, do 7 de decembro, pola que se modifica a Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia.

Preámbulo.

A filosofía da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, persegue -como se expresa no seu preámbulo- o obxectivo primordial de que as decisións políticas en que se reflicte o dereito de sufraxio se realicen en plena liberdade, articulando o procedemento de emanación da vontade maioritaria do pobo nas distintas instancias representativas nas cales se estrutura o Estado español.

Partindo desta premisa e transcorridos dezanove anos desde a entrada en vigor da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, así como despois da experiencia acadada ao longo de numerosos comicios autonómicos, constatouse a chegada ás xuntas electorais provinciais de numerosos votos dos residentes ausentes fóra do prazo máximo determinado no artigo 103.1º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, para a realización do escrutinio xeral. Deste xeito, en numerosas ocasións, malia terse exercido o dereito ao voto en tempo e forma por parte dos electores residentes no estranxeiro, este non resultou efectivo por non chegar en prazo ao escrutinio xeral das xuntas electorais provinciais.

Como consecuencia disto, pódese concluír que o prazo determinado no referido artigo resulta insuficiente para garantir a efectividade do exercicio do dereito ao voto dos electores residentes no estranxeiro, nunha comunidade autónoma como Galicia onde o número de inscritos neste censo é moi elevado.

Por todo o exposto, faise necesaria unha reforma lexislativa de desenvolvemento encamiñada a ampliar o prazo para a realización do escrutinio xeral e, con isto, acadar con todas as garantías a máxima participación electoral do voto emigrante, asegurando que a vontade expresada polos electores inscritos no censo de residentes ausentes teña garantías de ser contabilizada.

Así mesmo, e de conformidade coa disposición adicional primeira da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, a materia regulada polo punto primeiro do artigo 103 da devandita lei orgánica, relativa á data de inicio para a realización do escrutinio xeral, é susceptible de desenvolvemento pola lexislación das comunidades autónomas. É por isto polo que a Comunidade Autónoma de Galicia pode e, por todo o exposto anteriormente, debe lexislar sobre esta materia a prol de dar maior garantía para que o voto dos galegos residentes no exterior sexa efectivamente tido en conta, modificando para isto a Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia.

De acordo co anteriormente citado, a modificación que se propón pode realizarse daquela desde o ámbi

to autonómico, prevalecendo o prazo determinado pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, sobre o determinado pola Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, por ser neste caso de aplicación supletoria.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de eleccións ao Parlamento de Galicia.

Artigo único.

Engádeselle un novo capítulo e un novo artigo á Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, coa seguinte redacción:

Capítulo VI bis

Do escrutinio

Artigo 37 bis.

1. As xuntas electorais provinciais realizarán o escrutinio xeral o oitavo día seguinte ao da votación.

2. O escrutinio deberá realizarse na forma prevista na Lei orgánica do réxime electoral xeral e concluirá non máis tarde do décimo primeiro día posterior ás eleccións.

Disposición derradeira única

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa completa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente