DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 15 de decembro de 2004 Páx. 17.274

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 13 de decembro de 2004 pola que se ditan normas para garantir os servizos esenciais nos centros dependentes da Xerencia de Atención Primaria de Lugo, durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) no sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo, desde as 0.00 horas do día 13 de decembro ás 0.00 horas do día 23 de decembro de 2004.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta aos conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal da limpeza dos centros dependentes da Xerencia de Atención Primaria de Lugo, que se levará a efecto desde as 0.00 horas do día 13 de decembro de 2004 ás 0.00 horas do día 23 de decembro de 2004, logo de audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A folga convocada durante os períodos mencionados, que afecta o persoal da limpeza dos centros dependentes da Xerencia de Atención Primaria de Lugo, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos necesarios en adecuada correspondencia cos criterios rectores que se explicitan neste artigo, quedando a súa fixación debidamente motivada no expediente.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa obriga de manter os locais dos centros de atención primaria nas debidas condicións hixienico-sanitarias necesarias para prestar a asistencia sanitaria aos usuarios, tendo en conta a dimensión dos locais, o número de traballadores de cada centro e a duración da convocatoria de folga. De acordo con estes criterios o número de traballadores necesarios será o que a continuación se indican.

-Centros de saúde dun só traballador en cada quenda: Abadín, Carballedo, O Incio, Sagrado Corazón, praza de Ferrol, Navia de Suarna, Ourol, A Pobra do Brollón, San Cibrao, e Ferreira do Valdouro, 1 traballador na quenda de mañá e 1 traballador na de tarde.

-Centros de saúde de dous traballadores en cada quenda.

Guitiriz e Viveiro:

Centro: 1 traballador por quenda. PAC: 1 traballador, (sábados e domingos).

Illas Canarias, San Roque e A Pontenova: 1 traballador por quenda.

-Centros de saúde de tres traballadores en cada quenda:

Burela. Centro: 1 traballador por quenda. PAC: 1 traballador.

Chantada, A Fonsagrada, Mondoñedo, Quiroga, Ribadeo, Sarria e Vilalba.

Centro: 1 traballador por quenda. PAC: 1 traballador, sábados e domingos.

Foz e A Milagrosa: 1 traballador por quenda.

-Centros de saúde de catro traballadores en cada quenda.

Fingoi.

Centro, 1 traballador por quenda. PAC 1 traballador na xornada de sábados e domingos.

-Centros de saúde de cinco traballadores por quenda.

Monforte de Lemos.

Centro: 1 traballador por quenda. PAC, 1 traballador.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir o servizo será determinada pola dirección da empresa concesionaria, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos centros sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2004.

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO