DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 15 de decembro de 2004 Páx. 17.272

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2004, da Inspección Xeral de Servizos, pola que se convocan 14 bolsas de colaboración para a realización de tarefas de estudo e análise relacionadas coa reforma administrativa no ano 2005.

A Inspección Xeral de Servizos da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, segundo o artigo 12 do Decreto 255/2003, do 8 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, ten atribuídas funcións de racionalización e mellora de procedementos, métodos de traballo e organización administrativa, configurándose como un órgano central de impulso da reforma administrativa con carácter único e competencia global sobre toda a Comunidade Autónoma.

De conformidade coa referida disposición, apróbanse as seguintes bases polas que se rexerá a presente convocatoria:

Primeira.-Obxecto.

A Inspección Xeral de Servizos convoca catorce bolsas de colaboración en tarefas de estudo e análise relacionadas coa reforma administrativa.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As tarefas relativas a estas bolsas iniciaranse a partir da incorporación dos bolseiros e rematarán o 31 de decembro de 2005. Poderán ser prorrogadas por anos naturais, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado e suficiente, ata un máximo de dous anos incluíndo o ano da convocatoria.

A dotación económica de cada bolsa será de 901,52 euros mensuais brutos coa retención fiscal que lle corresponda. O importe citado será pagado mensualmente na conta bancaria indicada polo interesado, logo de certificación emitida polo inspector xeral de Servizos da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública acreditativa das tarefas executadas.

Os gastos ocasionados con motivo dos desprazamentos serán pagados, logo de certificación expedida polo inspector xeral de Servizos acreditativa dos gastos producidos, sen que estes poidan superar a contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Os pagamentos serán efectuados pola Inspección Xeral de Servizos con cargo á aplicación orzamen

taria 04.07.121A.480.0 do orzamento de gastos, ata un máximo de 166.950 euros, incluíndo os gastos por desprazamento.

Antes de proceder ao último pagamento, os beneficiarios deberán efectuar unha declaración xurada ou responsable conforme non exerceron ou desfrutaron doutra bolsa que a adxudicada en virtude da presente convocatoria.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Será incompatible co desempeño doutra actividade remunerada e/ou aproveitamento doutras bolsas.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír nacionalidade española, ou ser nacional dun pais membro da Unión Europea.

b) Licenciado en dereito, en administración e dirección de empresas, en economía, en ciencias políticas e da administración, en enxeñaría informática ou enxeñaría en organización industrial.

c) Posuír coñecementos en lingua galega.

d) Posuír coñecementos en informática.

e) Dispor de carné de conducir.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de solicitude segundo o modelo que consta no anexo.

b) Currículum vitae.

c) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas.

d) Acreditación dos coñecementos en lingua galega.

e) Acreditación dos coñecementos de informática.

f) Acreditación de dispor de carné de conducir.

g) Memoria descritiva en cinco folios como mínimo e dez como máximo sobre as tendencias ou procesos actuais de reforma ou modernización das administracións públicas.

h) Declaración xurada ou responsable comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, ao exercicio doutra actividade remunerada ou bolsa.

Sexta.-Tribunal de selección.

Presidente: o inspector xeral da Inspección Xeral de Servizos.

Vogais: a subdirectora xeral de Racionalización Administrativa, un inspector de servizos, un profesor dos cursos para a obtención do diploma da Inspección Xeral de Servizos da Xunta de Galicia.

Secretario: un funcionario da Inspección Xeral de Servizos.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Currículum vitae: ata dous puntos.

c) Memoria descritiva: ata cinco puntos.

d) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

e) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

O tribunal poderá levar a cabo unha entrevista cos aspirantes preseleccionados que teñan acreditados máis de oito puntos no anterior baremo. A entrevista, que versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria, durará en torno aos quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumentar a puntuación inicialmente asignada ata un máximo do 25 por cento da que lle correspondese por aplicación do baremo.

O tribunal non valorará aqueles méritos alegados polos interesados que non estean acreditados documentalmente.

Finalmente o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación, que será publicada no taboleiro de anuncios do Centro de Información Administrativa e Atención ao Cidadán, sen prexuízo de comunicárllelo directamente aos interesados.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ao da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida prestar a súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración baixo as indicacións do inspector ou subinspector de servizos do equipo no que se integren, co mesmo horario de traballo que o equipo de inspección correspondente e cos desprazamentos ás unidades administrativas e centros asignados a el.

Os bolseiros presentarán, á finalización das bolsas, un traballo sobre as técnicas de reforma administrativa que quedarán en propiedade da Xunta de Galicia.

En caso de renuncia á bolsa, non se entenderá que existe incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, sempre e cando o órgano xestor certifique o correcto desempeño por parte do bolseiro das tarefas inherentes á bolsa, garantindo a continuidade destas coa substitución por outro bolseiro. Cando a data da renuncia non coincida co derradeiro día de cada mes, aboarase a parte proporcional correspondente ao aproveitamento da bolsa.

Novena.-Anulación da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, o inspector xeral de Servizos, logo de audiencia da persoa afectada e logo de ratificar a concorrencia de circunstancias do incumprimento referido, poderá resolver a anulación da bolsa concedida.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Décima.-Resolución e recursos.

A resolución administrativa relativa á concesión ou denegación da bolsa seralles notificada aos interesados no prazo de tres meses, contados a partir da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado este prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición por silencio administrativo.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estimar a presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación. Se a resolución se entende desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Décima primeira.-Tramitación anticipada.

Ao abeiro do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes, as obrigas derivadas desta convocatoria estarán condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2004.

Jaime Bouzada Romero

Inspector xeral de Servizos