DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 15 de decembro de 2004 Páx. 17.271

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 29 de novembro de 2004 pola que se derrogan os artigos 4 e 5 e o anexo da Orde do 11 de agosto de 1987 que regula o volume de capturas diarias de especies peláxicas na comunidade autónoma.

De acordo co establecido nos regulamentos (CEE) 2847/1993 do Consello, do 12 de outubro de 1993, polo cal se establece un réxime de control aplicable á política pesqueira común, e 2807/1983 da comisión, do 23 de setembro de 1983, polo que se definen as modalidades particulares do rexistro dos datos relativos ás capturas de peixe polos estados membros, os capitáns dos buques despachados para a pesca de cerco deberán cubrir o diario de pesca da Unión Europea. Así mesmo, os capitáns dos buques que capturen especies sometidas a TAC e cotas deberán cubrir, ademais, a correspondente declaración de desembarque.

De conformidade co disposto na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e no artigo 51 b) do Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, nesta comunidade anualmente deberá regularse cada campaña de capturas de especies peláxicas coa arte de cerco, e fixar as cantidades máximas cales se poderán capturar de cada especie; medidas necesarias coas cales se trata de acadar unha maior protección dos recursos e mellorar a súa comercialización.

Con esa finalidade, para a campaña do ano 2004 foi publicada a Orde do 1 de xullo de 2004 que regula a pesca peláxica coa arte de cerco, determinando no seu artigo 6 que as capturas desembarcadas terán que ser obrigatoriamente consignadas no libro de control de especies peláxicas, establecido pola Orde do 11 de agosto de 1987, na lonxa onde se realice a primeira venda, sen prexuízo das obrigas derivadas dos regulamentos (CEE) 2847/1993 do Consello das Comunidades Europeas e 2807/1983 da Comisión, respecto do diario de a bordo.

Tendo en conta a obriga dos capitáns de buques despachados para a pesca de cerco, tanto do dilixenciado do diario de pesca como da realización das declaracións de desembarque, en cumprimento do establecido na normativa comunitaria para o control aplicable á política pesqueira común, o libro de control de especies peláxicas, que ten un contido e finalidade similares, duplica a información que se vai proporcionar, polo que procede ditar instrucións para derrogar as disposicións autonómicas que determinan a obriga de cubrilo.

Polas razóns anteriormente expostas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Quedan derrogados os artigos 4 e 5 e o anexo da Orde do 11 de agosto de 1987 pola

que se regula o volume de capturas diarias de especies peláxicas na Comunidade Autónoma de Galicia, que establecían para todos os portos de Galicia a obriga de dilixenciar o libro de capturas de especies peláxicas, o seu modelo e a determinación das comisións de control dos desembarcos das especies peláxicas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA