DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 14 de decembro de 2004 Páx. 17.241

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2004, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se convoca para a redacción das actas previas á ocupación dos predios afectados pola construción da liña eléctrica subestación Cartelle/subestación A Frieira. (Expediente IN407A 01/157-3 A.T.).

Por resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia do 8 de setembro de 2004 (Diario Oficial de Galicia do 30 de setembro) foi autorizada e declarada de utilidade pública a liña aérea/subterránea, de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV, que se vai construír entre a subestación de Cartelle e a subestación da central hidroeléctrica da Frieira, a favor da entidade beneficiaria Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo na Batundeira, nº 2, 32960 Velle, Ourense.

A dita declaración de utilidade pública, segundo o establecido no artigo 54.1º da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, leva implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a súa urxente ocupación conforme o procedemento establecido polo artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

En cumprimento do anterior, esta delegación provincial acorda sinalar os días que se indican a seguir para realizar o levantamento das actas previas á ocu

pación, que terá lugar nas oficinas das casas do concello indicadas, con traslado posterior ao predio, se for necesario. A este acto, deberán asistir os afectados, por si mesmos ou representados por persoa debidamente autorizada, presentando o documento nacional de identidade, os documentos acreditativos de titularidade dos predios e o último recibo do imposto sobre bens inmobles, podéndose acompañar, á súa custa, de perito ou notario, se o coidan oportuno.

Concello de Cartelle: días: 22-11-2004; 14-12-2004; 16-12-2004; 20-12-2004; 21-12-2004; 23-12-2004; 17-1-2005; 18-1-2005; 20-1-2005; 24-1-2005; 25-1-2005; 27-1-2005.

Concello de Gomesende: día: 22-11-2004.

Concello de Padrenda: día: 23-11-2004.

Concello de Pontedeva: día: 25-11-2004.

Concello de Cortegada: días: 29-11-1994; 30-11-2004; 2-12-2004; 9-12-2004; 13-12-2004.

A orde de redacción das actas previas é a que se indica na relación que se expón xunto con esta resolución no taboleiro de edictos de cada concello, con independencia da notificación que nos mesmos termos se lle practica aos afectados. As características e demais datos das afeccións xa foron publicadas nos seguintes medios: Diario Oficial de Galicia do 20-5-2004; BOP de Ourense do 2-5-2002 e xornal local La Región do 3-5-2002.

De acordo co artigo 56.2º do vixente Regulamento de expropiación forzosa, ata o mesmo momento do levantamento das actas previas os interesados poderán formular alegacións perante este organismo expropiante, só para os efectos de corrixir os posibles erros que se padecesen ao relacionar os bens e dereitos afectados pola urxente ocupación.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos previstos no punto 4º do artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, con traslado ao Ministerio Fiscal das dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

Ourense, 20 de outubro de 2004.

Ramón Fernández-Linares Bouza

Delegado provincial de Ourense