DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 07 de decembro de 2004 Páx. 16.749

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 3 de decembro 2004 pola que se establecen e convocan axudas periódicas de prevención e apoio a familias para a integración do menor.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais para Galicia, no seu artigo 50 prevé a posibilidade de concederlles prestacións e axudas económicas a persoas que se atopen en estado de necesidade.

O Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, segundo a denominación recollida do Decreto 280/2003, do 17 de xuño, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no seu artigo 1 atribúelle á devandita consellería competencia en materia de familia, infancia e menores, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, prevé no seu artigo 11.3º c) a regulación de prestacións económicas ou técnicas que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar, e no artigo 15 a) establece, entre outras medidas preventivas, o apoio á infancia e á adolescencia a través de medidas económicas ou técnicas dirixidas a cubrir as súas necesidades básicas e a mellorar o contorno familiar co fin de garantir o dereito a desenvolverse, sempre que sexa posible, no seo da súa propia familia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, sinala no seu artigo 1.1º a posibilidade da dita tramitación no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

A aplicación desta norma supón a posibilidade de axilizar o proceso de execución do orzamento, beneficiando especialmente os propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento toda vez que o artigo 3.1º dispón que na tramitación anticipada de expedientes de subvencións e outros gastos non contractuais poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao de disposición ou compromiso de gastos.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 2005, establécense os requisitos e as normas necesarios e básicos para a xestión e acti

vidade económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

No citado proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia con data do 14 de outubro de 2004, na aplicación orzamentaria 14.02.212A.482.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen nesta orde, reservándose para tal efecto un crédito de 2.539.298 A.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade destas axudas.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas individuais de carácter periódico, de prevención e apoio á familia para a integración do menor, durante o exercicio económico do ano 2005, mediante o procedemento de concorrencia competitiva, e proceder á súa convocatoria.

2. A finalidade destas axudas é proporcionar apoio económico a familias para lles garantir a atención adecuada aos menores ao seu cargo e favorecer a permanencia destes no seu medio, evitando os riscos de desestruturación familiar.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as familias con menores de idade que se atopen en circunstancias carenciais graves e precisen de apoios económicos para satisfacer as súas necesidades básicas e evitaren a desestruturación familiar.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

A contía mínima e máxima que poderán alcanzar estas axudas está comprendida entre 60,10 A e 300,51 A mensuais por familia, sen que superen a contía de 120,20 A por menor.

A determinación da contía total da axuda que se vai conceder por unidade familiar establecerase en función das circunstancias económicas (RPC) e sociais que concorran en cada caso.

Para os efectos desta orde enténdese por unidade familiar a formada por pais e fillos menores de 18 anos ou a formada por pais e fillos menores de 18 anos e maiores de 18 con minusvalidez superior ao 33%.

No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

Artigo 4º.-Requisitos.

Serán requisitos necesarios para a concesión das axudas:

a) Residir na Comunidade Autónoma galega.

b) Que os menores non teñan cumpridos os 18 anos de idade.

c) Que a renda per cápita anual da unidade familiar no ano en que se perciba a axuda non exceda de 2.103,54 A.

d) Que a axuda sexa necesaria para garantir a permanencia do menor no seu medio familiar.

e) Que a familia poida evolucionar cara á súa plena autonomía e integración social, sendo estas axudas un apoio temporal.

f) Que a dinámica do núcleo familiar garanta a cobertura das necesidades básicas do menor no relativo á alimentación, hixiene, vestiario, atención médica, escolarización regularizada e coidados de carácter integral.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes formularanse mediante instancia subscrita polo representante da unidade familiar segundo o modelo oficial (anexo I).

Cada solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI do solicitante e do resto dos membros da unidade familiar obrigados a obtelo.

b) Fotocopia do libro de familia.

c) Certificación bancaria do número de conta do cal sexa titular o solicitante.

d) Xustificación de ingresos: última nómina dos membros da unidade familiar que perciban haberes e última declaración do IRPF; certificación positiva ou negativa de percepción da prestación económica do Inem; xustificación doutros ingresos familiares, se é o caso. Xuntarase unha declaración xurada de ingresos de acordo co modelo contido no anexo II.

No caso de non ter obriga de presentar declaración do IRPF:

1º Os solicitantes de devolución rápida (mod. 104) achegarán copia da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 100 do Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, polo que aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2º Os non obrigados a declarar e que non solicitan devolución rápida (mod. 104) achegarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Estatal Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, polo mesmo concepto, das distintas administracións públicas competentes.

f) Informe médico emitido polo sistema público de saúde que acredite a enfermidade crónica grave, de ser o caso; e certificado de minusvalidez só no caso en que non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Compromiso escrito por parte do solicitante (anexo III) de:

-Aplicar as axudas á finalidade para a cal sexan concedidas.

-Contribuír á normalización e integración social do núcleo familiar.

-Atender correctamente á educación dos menores ao seu cargo.

-Acadar canto antes a plena autonomía familiar.

-Comunicarlle, nun prazo non superior a 15 días, ao órgano competente que tramitou a solicitude, calquera modificación que afecte as características deste tipo de axudas.

2. Deberá xuntarse á documentación achegada polos solicitantes informe técnico dos servizos sociais de atención primaria axustado ao modelo oficial contido no anexo IV. Nos supostos de necesidade inmediata de atender ao menor, o dito informe poderá ser elaborado polo Equipo Técnico do Menor da correspondente delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado. O informe valorará e verificará os datos presentados, e proporá as medidas que se van tomar, especificando o tipo de seguimento das axudas, tanto para garantir a súa correcta aplicación como para procurar aos seus perceptores un apoio periódico que lles posibilite acadar a súa autonomía.

3. No caso de que o solicitante recibise unha axuda para a integración do menor durante o ano 2004, á solicitude achegarase a xustificación de ingresos prevista no punto 1 d), así como informe de seguimento (anexo V).

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. A solicitude e a documentación requirida presentaranse, na delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado correspondente ao domicilio do solicitante, ou ben nos concellos que teñan subscrito o convenio oportuno, sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde, agás nas situacións de extrema gravidade, debidamente xustificadas e xurdidas despois deste prazo, para as que rematará o 31 de outubro de 2005.

Artigo 7º.-Tramitación.

1. As delegacións provinciais comprobarán as solicitudes, requirindo ao interesado por escrito a emenda dos defectos que houbese, con indicación de que, se así non o fixese no prazo de 10 días, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Revisada a documentación e completada, se é o caso, remitirase á comisión provincial de valoración, que terá a función de propoñer a concesión, modificación, suspensión, revogación, denegación ou prórroga das axudas, de acordo cos criterios obxectivos recollidos nesta orde.

3. A composición da comisión provincial de valoración será a seguinte:

-Presidente: o xefe do Servizo de Familia, Infancia e Menores da delegación provincial.

-Vogais: o delegado provincial designará dous funcionarios, dos cales un actuará como secretario da comisión. Así mesmo, participará un representante da Intervención Territorial, que actuará con voz pero sen voto.

4. Todos os actos de trámite efectuados nos expedientes de gasto regulados por esta orde entenderanse condicionados a que, ao se ditar o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos aqueles actos. Para estes efectos poderase solicitar dos interesados declaración xurada acreditativa.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Cando o número de solicitudes con dereito á axudas exceda do crédito orzamentario destinado para tal fin, a comisión provincial de valoración determinará o límite superior de ingresos para os candidatos ás axudas, en función do número de solicitudes recibidas, e aplicará os seguintes criterios de valoración:

I. Duración da axuda.

Non ter recibido a axuda durante:

Últimos tres anos: 6 puntos.

Últimos dous anos: 4 puntos.

Último ano: 2 puntos.

II. Número de fillos.

Cada fillo maior de tres anos e menor de dezaoito: 3 puntos.

Cada fillo menor de tres anos: 2 puntos.

III. Renda per cápita.

De 0 a 500 A: 5 puntos.

De 500,01 a 1.000 A: 4 puntos.

De 1.000,01 a 1.500 A: 3 puntos.

De 1.500,01 a 2.000 A: 2 puntos.

De 2.000,01 a 2.103,54 A: 1 punto.

IV. Factores especiais.

Cada membro da unidade familiar con minusvalidez ou enfermidade crónica grave: 1 punto.

En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A concesión das axudas, unha vez fiscalizadas pola Intervención, corresponderalles, por delegación da conselleira, aos delegados provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, segundo o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que deberán resolver no prazo máximo de 90 días, contados a partir da publicación desta orde. Nas solicitudes extraordinarias, de conformidade co artigo 6º.2 desta orde, o prazo de resolución será dun mes a partir da presentación da solicitude. No caso de non existir resolución expresa transcorridos os dous prazos, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. A duración, contía e condicións das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.

3. Os delegados, igualmente por delegación da conselleira, poderán modificar, suspender ou revogar as axudas concedidas, logo do informe da comisión provincial de valoración, nos casos en que varíen as condicións que motivaron a concesión ou do incumprimento total ou parcial dos requisitos e condicións establecidos para ela.

4. As resolucións de concesión, denegación, modificación, suspensión, revogación ou prórroga das axudas ditadas notificaránselles aos interesados e terán que ser motivadas.

5. A resolución esgota a vía administrativa, e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestivamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir

do día seguinte ao da notificación da resolución. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que se resolva o recurso de reposición.

Artigo 10º.-Pagamento das axudas.

A contía da axuda concedida aboaráselles aos solicitantes en pagamentos periódicos por mensualidades vencidas.

Antes do derradeiro pagamento, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

No prazo máximo de 15 días, contados desde a finalización do período de percepción da axuda, o solicitante presentará unha declaración xurada na cal xustifique a axuda e que os fondos percibidos foron utilizados para os fins propostos.

Artigo 11º.-Seguimento.

O seguimento das axudas será realizado, en cada caso, polo órgano receptor das solicitudes, preferentemente polos servizos sociais municipais, e consistirá en:

a) Avaliación e control da súa aplicación, exixíndose un mínimo dun informe anual que se presentará no último trimestre do ano, sobre a situación das familias beneficiarias.

b) Apoio e orientación ás familias para acadar canto antes a súa plena autonomía.

c) Posta en coñecemento da comisión provincial de valoración das circunstancias que poidan motivar a modificación ou prórroga das axudas concedidas.

Artigo 12º.-Alteración.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 13º.-Reintegro.

Procederá ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de mora devengados desde o momento do seu pagamento nos casos establecidos no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e no previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 14º

Os receptores das axudas ou subvencións quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado. Así mesmo, quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000, na tramitación anticipada de expedientes de subvencións e outros gastos non contractuais poderase chegar, como máximo, ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto.

Segunda.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado no orzamento para estes fins.

Terceira.-Apróbase a delegación de competencias nos delegados provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, ao abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-Os beneficiarios destas axudas estarán sometidos ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais; o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, comezando os efectos económicos das axudas concedidas o día primeiro de xaneiro do ano 2005.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado