DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 07 de decembro de 2004 Páx. 16.749

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 2 de decembro de 2004 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais referentes á folga convocada no sector de telemarketing polos sindicatos UGT, CC.OO. e CIG, con ámbito en todo o territorio do Estado español, e na cal se verá afectado o Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

As centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG convocaron unha folga no sector do telemarketing no ámbito de todo o territorio do Estado español que se desenvolverá os días 7, 23 e 30 de decembro de 2004, desde as 00.00 horas e ata as 24.00 horas.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG número 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a protección civil.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada a folga que afecta o persoal da empresa adxudicataria do servizo de operación telefónica na Central de Emerxencias Un, Un, Dous SOS Galicia (112 SOS-Galicia), MK Plan 21, S.A. que desenvolve as súas funcións no edificio de usos múltiples de San Marcos en Santiago de Compostela e que estes servizos mínimos resultan imprescindibles para evitar que se produzan prexuízos irreparables aos cidadáns que poden afectar incluso ás vidas das persoas, e logo da audiencia do comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A folga no sector do telemarketing convocada para os días 7, 23 e 30 de decembro de 2004, desde as 00.00 horas ata as 24.00 horas no ámbito territorial do Estado español, (a folga comezará ao inicio da primeira quenda, aínda que este comece antes das 00.00 horas do día 7, 23 e 30 e finalizará unha vez rematada a última quenda, aínda que esta remate máis tarde das 24 horas do día 7, 23 e 30), que afecta o persoal da empresa adxudicataria do servizo de operación telefónica na Central de Emerxencias 112 SOS-Galicia, MK Plan 21, S.A., enténdese condicionada pola cualificación de servizos esenciais

e polo mantemento de servizos mínimos, conforme o establecido no Decreto 155/1988, do 9 de xuño polo que se regula a prestación de servizos esenciais en caso de folga.

Artigo 2º

Por acordo da empresa MK Plan 21, S.A. co persoal do Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia establécense uns servizos mínimos do cento por cento de cobertura do servizo de operación telefónica.

Artigo 3º

A designación nominal do persoal que deberá cubrir o servicio realizarao o xerente da empresa adxudicataria do servizo procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 4º

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 5º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación.

Artigo 6º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios de Servizo de Emerxencias Un, Un, Dous SOS-Galicia (112 SOS-Galicia).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2004.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO