DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 07 de decembro de 2004 Páx. 16.740

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 26 de novembro de 2004 de subvencións para empresas privadas que realicen actividades de promoción e difusión dos camiños de Santiago no ano 2005.

O relevante papel que o Camiño de Santiago vén desenvolvendo desde a súa orixe ata os nosos días como elemento de integración de pobos, ideas e culturas, acentuado aínda máis se cabe, no novo espazo común europeo, foi obxecto do unánime recoñemento do Consello de Europa, a Unión Europea e a UNESCO.

Como culminación desa tarefa integradora da ruta xacobea conseguíronse, neste significativo Ano Santo, dous fitos de singular relevancia, a súa designación como grande Itinerario Cultural Europeo e o Premio Príncipe de Asturias 2004 da Concordia.

Na Comunidade Autónoma de Galicia levouse a cabo nos últimos anos un intenso labor a prol de conservar, promocionar e difundir ese importante legado cultural, para o que é preciso continuar prestando apoio ás diversas iniciativas privadas xurdidas con idéntica finalidade e que se orientan cara a unha maior proxección dos valores espirituais, históricos e culturais do Camiño de Santiago.

Con esta declarada finalidade, a Xunta de Galicia, a través das competencias atribuídas á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se regula o desenvolvemento da estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, considera de interese a concesión de axudas aos empresarios que realicen actividades de difusión e promoción dos diversos Camiños de Santiago.

Co obxecto de que os destinatarios da presente orde poidan dispor do maior tempo posible para o desenvolvemento das súas actividades, cómpre acudir á tramitación anticipada de expedientes de gasto, regulada na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e contía máxima.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante a concesión de subvencións a fondo perdido, as empresas privadas que leven a cabo actividades de promoción e difusión dos camiños de Santiago oficialmente recoñecidos polas comunidades autónomas afectadas.

As actuacións das empresas privadas poderán ser subvencionadas coa cantidade máxima de vinte e catro mil euros (24.000 A) por beneficiario, e refiraranse á realización de accións de índole cultural, de difusión, investigación, promoción e recuperación dos camiños de Santiago. Non se subvencionarán gastos derivados do mantemento, funcionamento ou loxística da empresa peticionaria. Tampouco se subvencionarán viaxes de peregrinación, romarías, etc.

Artigo 2º.-Importe orzado.

O importe total do crédito destinado para esta convocatoria é cento sesenta e oito mil trescentos catro euros (168.304 A), e farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-D.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005. En todo caso, o gasto proxectado, que é compatible con outras posibles axudas, subvencións, ingresos ou recursos, suxeitarase á existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 e ao disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000, e do 25 de outubro de 2001.

Os remanentes do orzamento que resultasen de non realizar a totalidade das actividades subvencionadas, destinaranse a outras actividades que o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turis

mo considere axeitadas para a promoción dos distintos camiños.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as subvencións todas as empresas privadas con forma xurídica societaria conforme o disposto na lexislación mercantil que leven a cabo actividades que contribúan á promoción e difusión dos distintos camiños de Santiago.

Así mesmo, poderán solicitalas os industriais, profesionais e artistas que estean dados de alta no imposto de actividades económicas, nas respectivas epígrafes, e que realicen as anteditas actividades.

Quedan expresamente excluídas as asociacións, fundacións, comunidades de bens, sociedades civís e calquera outra institución que non se encontren nos supostos previstos nos puntos anteriores.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Os interesados enviarán as súas solicitudes no modelo oficial que figura ao final desta orde, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15704 Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas as dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Proposta das actividades que solicitan ser subvencionadas e polas que poidan presentar factura a data 30 de setembro de 2005, orzamento detallado das citadas actividades, así como unha breve memoria delas.

b) Breve descrición, se é o caso, das actividades realizadas os anos anteriores en relación co Camiño de Santiago.

c) Declaración xurada de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

d) Declaración xurada de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

e) Se é o caso, autorización para obter a información tributaria nos termos que se establecen no artigo 7 e) desta orde (anexo II).

f) Declaración xurada de ter ou non solicitado axudas para a mesma finalidade de calquera outra administración ou entes público ou privado, nacional ou internacional e, se é o caso, contías solicitadas.

g) Fotocopia da tarxeta do CIF ou, de ser o caso, do NIF ou documento equivalente no caso de solicitantes estranxeiros.

h) Fotocopia de alta no IAE e do último recibo que acredita estar ao día do pagamento, ou, se é o caso, a documentación acreditativa de exención do imposto; no caso de solicitantes estranxeiros documento equivalente.

No suposto de que, en calquera momento posterior á presentación da instancia, sexan solicitadas polos interesados as axudas ás que se refire a alínea f) deste artigo, será obrigatorio poñelo en coñecemento dos servizos técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, dando conta da axuda solicitada, contía e administración ou ente público ou privado ao que se dirixe.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 28 de febreiro de 2005.

Artigo 6º.-Tramitación.

As solicitudes serán tramitadas polos servizos técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, con suxeición ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

As solicitudes presentadas serán examinadas e cualificadas por unha comisión de valoración creada para o efecto tendo en conta os seguintes criterios por orde decrecente:

1º A repercusión local, nacional ou internacional do proxecto presentado.

2º A contía total de achegas económicas ao proxecto, tanto as obxecto de subvención, como as achegas individuais dos solicitantes.

A comisión estará integrada por un presidente, tres vogais e un secretario.

-O presidente será o secretario xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Serán vogais o director xeral de Patrimonio Cultural, o director xeral de Promoción Cultural e o xerente de Promoción do Camiño de Santiago.

-Actuará como secretario un técnico da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago nomeado polo xerente.

Artigo 8º.-Resolución.

O prazo máximo de resolución previsto neste procedemento será de seis meses contados desde o día seguinte ao derradeiro día para a presentación de solicitudes.

A comisión elevará a súa proposta motivada ao conselleiro, que resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles aos interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 9º.-Prazo de aceptación.

Os beneficiarios deberán confirmar a súa aceptación da subvención no prazo de 5 días desde a recepción da notificación da concesión da subvención, mediante escrito dirixido á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, comprometéndose a executar o proxecto ou actividade subvencionada no prazo establecido e nas condicións fixadas na resolución.

Se transcorrido o anterior prazo non se confirmase a aceptación, entenderase que se renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ao arquivo do expediente.

Artigo 10º.-Denegación da subvención.

O incumprimento dos requisitos exixidos pola orde de convocatoria será causa de denegación da subvención.

En calquera caso, a denegación da subvención será expresa e motivada e os interesados poderán interpoñer contra a dita resolución denegatoria recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa notificación, ou ben presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Realización das actividades.

As actividades subvencionadas executaranse con estrita conformidade coa proposta recollida no artigo 4º desta orde e na súa realización deberase deixar constancia de que se trata de actividades subvencionadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, e no caso de actividade que comporte difusión escrita deberá ir en lugar e tamaño destacado o logotipo da Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, e o anagrama do Xacobeo.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións unha vez obtidas estas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

1. No caso de que a subvención fose concedida para a realización de calquera obra nova, relativa

á propiedade intelectual e susceptible de ser reproducida, como publicacións, vídeos, películas, reportaxes fotográficos, CD, debuxos, gravados, etc., os beneficiarios reservarán unha porcentaxe da obra para a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo - Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago - con fins de promoción e divulgación. A mencionada porcentaxe, que non superará o 20% do total, será determinada pola comisión de valoración a que se refire o artigo 9º desta orde, en función da importancia da subvención concedida en relación á totalidade das subvencións achegadas ao proxecto e á achega do beneficiario a el.

2. Cando a subvención se solicita para a realización de actividades que afecten á propiedade intelectual como publicacións, vídeos, películas, reportaxes fotográficas, CD, debuxos, gravados, etc. os beneficiarios comprométense a autorizar a utilización gratuíta deles con destino a actividades promocionais e divulgativas da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo - Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

3. A faceren constar en cada proxecto subvencionado, na primeira e sucesivas edicións, que esta recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo - Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago - utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. A facilitar a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Seguimento.

O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo velará para que as actividades subvencionadas se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, e poderá tomar as medidas que estime oportunas ao respecto.

Artigo 14º.-Documentación xustificativa do pagamento.

A subvención farase efectiva sempre que, en data 30 de setembro do ano 2005, se tivese rematada a actividade especificada na solicitude a que se refire o artigo 4º e se tivese entregada completa a documentación que a continuación se relaciona:

a) Informe acreditativo de terse completado o obxecto da subvención xunto con fotografías, notas de prensa e demais material que dea testemuño suficiente do seu cumprimento.

b) Facturas orixinais ou, se é o caso, fotocopias compulsadas dos gastos realizados para o seu cumprimento.

c) Certificación bancaria actualizada orixinal e acreditativa de que a conta sinalada para o pagamento está a nome do beneficiario.

d) Certificación actualizada do cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.

e) Certificación actualizada de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegase coa solicitude a debida autorización para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor (anexo II).

f) Certificación actualizada da empresa de ter ou non recibir axudas para a mesma finalidade de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, se é o caso, contías recibidas.

Así mesmo, e sen prexuízo do anterior, no momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto subvencionado das distintas administracións públicas ou calquera dos organismos, ente ou sociedade.

Artigo 15º.-Perda da subvención.

Procederáse ao reintegro total ou parcial e á exixencia dos xuros de demora, de conformidade co Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos nas bases reguladoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Obtención de subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de modo tal que exceda o custo da actividade desenvolvida.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo