DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 03 de decembro de 2004 Páx. 16.660

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2004, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o persoal de limpeza da empresa Clece, S.A. no Hospital da Costa de Burela.

Visto o texto do convenio colectivo para o persoal de limpeza da empresa Clece, S.A. no Hospital da Costa de Burela (código 2700710), da provincia de Lugo, asinado o día 24 de agosto de 2004, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegacio provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do citado convenio colectivo e da acta da comisión paritaria con data do 27 de xullo de 2004 no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remitir o texto do citado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 27 de setembro de 2004.

Ana Chao Vázquez

Delegada provincial de Lugo

Convenio colectivo do persoal de limpeza do

Hospital da Costa de Burela

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As estipulacións deste convenio serán de aplicación ao persoal de limpeza adscrito á empresa Clece, S.A. (anteriormente a empresa adxudicataria era Eurolimp, S.A), no centro de traballo Hospital da Costa de Burela.

Artigo 2º.-Ámbito temporal, vixencia, duración e denuncia.

Con independencia da súa publicación no BOP, este convenio iniciará a súa vixencia o 1-1-2004 ata o 31-12-2006, podendo ser denunciado, para os efectos da súa negociacón e revisión, no derradeiro mes do ano natural, seguindo vixente en todos os seus contidos e sendo de plena aplicación ata que sexa substituído por outro convenio negociado entre as partes.

Artigo 3º.-Xornada, descansos e quendas.

A xornada será continuada en quendas de mañá, tarde ou noite, con trinta minutos de descanso en cada unnha delas, contados como xornada efectiva para todos os efectos. A xornada establécese cun máximo de 40 horas semanais para 2004 e como máximo 38,5 horas a partir de 2005. O horario de traballo será establecido de común acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores.

O tempo de traballo computarase de modo que, tanto ao comezo como ao final da xornada diaria o traballador ou traballadora se atope no seu posto de traballo. Ao mesmo tempo, entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediará un descanso de 12.00 horas.

As horas que en cómputo anual se traballen de máis serán retribuídas como extraordinarias.

Artigo 4º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito ao goce ininterrompido dun mes de vacacións retribuídas, no período comprendido entre o día 1-7 e o 30-9 de cada ano de vixencia, sen que isto signifique que non se poida sacar fóra deste período sempre que exista acordo previo entre a empresa e o traballador ou traballadora que o solicite. Non suporá perda do dereito a vacacións os períodos de IT derivada de enfermidade ou accidente laboral, sempre que eses períodos non superen o ano natural do seu desfrute.

Artigo 5º.-Excedencias.

Todo/a traballador/a fixo/a, cunha antigüidade de polo menos un ano na empresa, terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non superior a cinco anos.

O traballador/a excedente terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante un período máximo de dous anos. A reincorporación na empresa terá que ser solicitada cun aviso previo de tres meses.

Artigo 6º.-Equiparación retributiva.

As retribucións do persoal de limpeza afectado por este convenio serán as mesmas que perciba o persoal do Sergas encadrado na categoría de pinche. As retribucións serán devengadas polos mesmos conceptos e nas mesmas contías que o persoal do Sergas, agás o complemento de produtividade que se recolle no acordo de melloras retributivas e profesionais do Sergas, que se aplicará desde o 1 de xaneiro do 2005 a cantidade de 35 A/mensuais, e desde o 1 de xullo de 2005 sumaráselle a cantidade de 52,50 A/mes, que corresponden ao complemento de produtividade dos anos 2005 e 2006. A base de cotización á Seguridade Social será do 100% das retribucións. O incremento en todos os conceptos retributivos será o establecido para a categoría de pinche do Sergas e aboaranse os salarios atrasados con independencia da súa publicación no BOP no momento da sinatura do presente convenio.

A partir do 1 de xaneiro de 2006 aplicarase un complemento persoal de 25 A/mensuais máis para cada traballador/a por este concepto.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Os novos trienios que devengue o persoal serán polo valor equivalente ao grupo E do persoal do Sergas. As cantidades resultantes do devengo dos trienios anteriores á data sinalada agregaranse ás que percibe por estes conceptos cada traballador/a nesa data, segundo o criterio de devengo de antigüidade que existía con anterioridade á sinatura do presente convenio.

Artigo 8º.-Enfermidade, accidente e maternidade.

En caso de enfermidade común, accidente ou maternidade, a empresa incrementará as prestacións da Seguridade Social ou mutua de accidentes de traballo ata o cento por cento das retribucións dos traballadores/as. Os períodos de IT non se terán en conta para os efectos de vacacións.

Artigo 9º.-Roupa de traballo.

Proveranse os traballadores/as de roupa de traballo adecuada e regulamentaria: buzos e batas unha vez ao ano, o mesmo que zocos ou zapatillas, criterio que se establecerá de mutuo acordo entre as partes, en función das preferencias do persoal ou da idoneidade dun tipo ou outro de calzado, así como roupa de abrigo.

Artigo 10º.-Embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a seren cambiadas de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando na obriga, en ningún caso, de desempeñar as funcións en lugares radioactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo. Durante este período, as traballadoras terán dereito ao aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e complementadas ata o 100% do salario.

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas ampliables por parto múltiple ata dezaoito semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto, podendo facer uso destas o pai para o coidado do fillo en caso de falecemento da nai.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai e o pai traballen, aquela, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai goce de ata catro das derradeiras semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ao final do citado período, salvo que no momento da súa efectividade a incorporación ao traballo da nai supoña risco para a súa saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de oito semanas contadas, a elección do traballador, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. Se o fillo adoptado é maior de nove meses e menor de cinco anos, a suspensión terá unha duración máxima de seis semanas. No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Artigo 11º.-Nocturnidade.

O persoal que preste servizos en xornada nocturna percibirá un complemento salarial equivalente ao complemento de atención continuada, modalidade A, que perciba o persoal do Sergas encadrado no grupo E.

Artigo 12º.-Festivos.

1. Durante a vixencia do presente convenio, cada domingo ou festivo traballado será retribuído nas mesmas condicións que teña establecido o Sergas para o persoal do grupo E, atención continuada, modalidade B.

2. Como acordo deste convenio recoñeceselle a todo o persoal da empresa o dereito a 10 días de libre disposición, retribuídos para todos os efectos e na contía de todos os complementos que figuren na táboa salarial anexa.

Para a aplicación destes permisos terase en conta o seguinte:

1. Pedilos con 15 días de antelación.

2. A empresa está obrigada a responder a dita petición con 6 días de antelación á data de petición de goce; no caso de non recibir resposta o traballador con esa antelación, considerarase concedido o dito permiso.

3. Na concesión destes días terase en conta a orde de petición, se coincidisen dous ou máis traballadores/as nos mesmos días.

4. Estes dez días pódense gozar de un en un ou os dez xuntos, ao longo dos anos de vixencia do convenio.

Artigo 13º.-Recoñecemento médico.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá o dereito e a obriga de efectuar unha revisión médica a cargo da empresa, cunha periodicidade mínima anual.

Artigo 14º.-Permisos e licenzas.

18 días naturais por matrimonio

2 días naturais por cambio de domicilio habitual.

4 días naturais por nacemento de fillos.

4 días naturais por enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou asimilado (cando demostre convivencia), fillos, pais e pais políticos, irmáns de calquera dos cónxuxes. Se é fóra da provincia, 2 días máis.

3 días naturais por enfermidade grave ou falecemento de avós de calquera dos cónxuxes ou asimilados (demostrando convivencia).

16 horas ao ano para consulta médica, que se poderán gozar por xornada completa ou as horas necesarias en cada consulta co límite de 16 horas.

Polo tempo necesario para consulta co especialista da Seguridade Social, sempre que sexan prescritas destas consultas polo médico de cabeceira, tendo que presentar o traballador/a previamente o volante da dita consulta e o xustificante de asistencia a tal especialista e non estean cubertas estas especialidades na zona.

Artigo 15º.-Dereitos sindicais.

A representación dos traballadores na empresa ou centro de traballo que teñan menos de 50 e máis de 10 traballadores correspóndelles aos delegados de persoal, naquelas empresas ou centros que conten entre seis e dez traballadores, se así o decidisen estes por maioría.

Os traballadores elixirán, mediante sufraxio libre, persoal, secreto e directo os delegados de persoal na contía seguinte: ata 30 traballadores/as, un; de 31 a 49, tres.

Os delegados e delegadas de persoal exercerán mancomunadamente ante o empresario a representación para a que foron elixidos, e terán as mesmas competencias establecidas para os comités de empresa.

Os delegados de persoal observarán as normas que sobre sixilo profesional están establecidas para os membros de comités de empresa no artigo 65 desta lei.

Artigo 16º.-Adscrición de persoal.

A) O persoal de limpeza que realice a súa xornada nun centro de traballo durante un período mínimo de dous meses, no caso do cesamento da contrata, terá dereito a continuar coa nova empresa adxudicataria cos servizos de limpeza do centro. Esta nova empresa adxudicataria terá obriga de absorber este persoal, respectándolle a antigüidade e os demais dereitos adquiridos.

Artigo 17º.-Formación.

Considerarase un deber primordial atender a formación e perfeccionamento do persoal, coa finalidade de obter unha formación profesional mediante a consecución e mantemento dos recursos humanos adaptados para os diferentes postos de traballo, co fin de conseguir unha maior eficacia.

A dirección e a representación sindical da empresa asumen os contidos do acordo nacional de formación continua, comprometéndose a desenvolver conxuntamente o seu contido na empresa mentres dure a súa vixencia.

Artigo 18º

Cando haxa un posto de nova creación teranse en conta aqueles traballadores que máis antigüidade teñan, sempre que sexa solicitado voluntariamente polos traballadores/as.

Artigo 19º.-Comisión paritaria.

Co obxecto de velar polo cumprimento do convenio nos termos pactados, créase a presente comisión paritaria composta por un representante da dirección da empresa e un representante da parte social.

En caso de desacordo na comisión e tratándose dun conflito colectivo, someterase ao procedemento regulado no AGA.

ANEXO

Táboas salariais ano 2004

-Limpadora:

Salario base: 495,24 A.

Compl. destino: 211,86 A.

Compl. esp.: 190,72 A.

Totais: 897,82 A.

-Peón:

Salario base: 495,24 A.

Compl. destino: 211,86 A.

Compl. esp.: 190,72 A.

Totais: 897,82 A.

Antigüidade: 12,13 A por trienio.

Quenda rotatoria simple: 14,28 A.

Quenda rotatoria complexa: 28,56 A.

Complemento de domingo e festivo: 33,86 A.