DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 03 de decembro de 2004 Páx. 16.653

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de novembro de 2004 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de dez bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1 do Decreto 454/2003, do 26 de decembro, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 2004 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro), de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, modi

ficado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 24 de novembro).

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de dez bolsas de colaboración nos proxectos concretos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e que se inclúen como anexos a esta orde, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 800 euros, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353E.480.2, por unha contía máxima total de 94.000 euros (88.000 euros, correspondente ao pagamento das mensualidades e de 6.000 euros para o pagamento da asistencia sanitaria) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005. En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e ao disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Terceira.-Duración.

A data de incorporación ao centro será dentro dos cinco días seguintes ao da notificación da adxudicación. As/os bolseiras/os que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro.

A concesión da bolsa será ata o día 31 de decembro do 2005, e poderase prorrogar anualmente ata un máximo total, incluídas as prórrogas, de tres anos, á vista do traballo realizado polo bolseiro/a, sempre que o proxecto ao que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos de consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.-Requisitos xerais:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado/a.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter sido separado do servizo de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

e) Non poderán participar nesta convocatoria persoas que, reunindo estes requisitos, resultasen beneficiarios dunha bolsa ou contrato en concursos anteriores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ao coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e entregaranse na sede deste (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entregarase unha solicitude por cada proxecto ao que a persoa queira presentarse. Só será necesaria unha única documentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Acreditación de coñecemento de lingua galega nivel perfeccionamento.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada pola que se compromete a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servizo de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Declaración xurada de non percibir outras axudas ao inicio e ao remate da bolsa.

-Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Todos os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Vistas todas as solicitudes daráselle un prazo de 10 días para corrixir a falta de documentación, transcorridos estes días sen a devandita corrección, arquivaranse os devanditos expedientes.

Sexta.-Comisión de valoración.

A selección dos candidatos/as será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e composta por tres vogais propostos por aquel e nomeados polo director xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o secretario do centro. Esta comisión poderá solicitar informes previos sobre as solicitudes presentadas aos directores dos proxectos de investigación implicados.

O presidente da comisión elevará informe sobre os candidatos e candidatas seleccionados e suplentes, se é o caso, ao director xeral de Política Lingüística quen transmitirá ese informe ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que é o encargado de resolver. A resolución publicarase no DOG. Esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998,

do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses desde a data da súa publicación no DOG.

Sétima.-Baremo para a selección dos/as bolseiros/as.

-Titulación do solicitante e expediente académico: ata un máximo de catro puntos.

-Currículum vitae do solicitante e experiencia investigadora en proxectos de investigación similares: ata un máximo de catro puntos.

-Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convocar os solicitantes a unha entrevista persoal para valorar os seus coñecementos sobre o tema de investigación: ata un máximo de dous puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. Para a selección dos candidatos a comisión terá en conta aqueles informes solicitados aos directores dos proxectos de investigación implicados.

En caso de empate terase en conta o expediente académico, en segundo lugar o currículum vitae e, complementariamente, a entrevista persoal co candidato/a.

Oitava.-Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria poderá conceder, por unha vez a interrupción no desfrute da bolsa por petición razoada do interesado/a, logo do informe do seu director de proxecto. A interrupción non poderá ser nunca superior a 3 meses ao longo da duración da bolsa e as posibles renovacións, e non dará lugar, en ningún caso, a posibilidade de recuperar o período interrompido. O interesado nesta interrupción temporal da bolsa non terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período en que dure a súa renuncia.

Se algún dos beneficiarios/as destas bolsas decidise renunciar a ela, fose seleccionado para outra bolsa, axuda ou proxecto ou se producise algunha circunstancia determinante de incompatibilidade co desfrute da bolsa, deberá comunicarllo ao Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. En caso de que esta suspensión se producise no prazo dun ano a partir da data de publicación da resolución de nomeamento das bolsas convocadas nesta orde, a bolsa vacante poderá ser adxudicada ao candidato seguinte da lista de suplentes sempre que as necesidades do proxecto sigan sendo as mesmas. En tal caso, o período máximo de desfrute da bolsa non poderá exceder o prazo de tres anos contados a partir da data do primerio nomeamento.

Novena.-Aceptación das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicaranlle por escrito ao Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos eses cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa.

Décima.-Obrigas.

As/os bolseiras/os permanecerán no Centro Ramón Piñeiro, en horario habitual de presenza de mañá ou tarde. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa, e en todo caso a obtención concorrente de bolsas ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O incumprimento por parte da bolseira/o dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades xa cobradas e poderáselle atribuir ao aspirante que ocupe o primeiro lugar na lista de suplentes, ou o seguinte ou seguintes cando os chamados non puidesen prestar a súa colaboración por calquera motivo, tendo en conta as necesidades do proxecto.

A condición de bolseira/o non dará lugar a relación contractual ningunha nin laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

En todo caso, tendo en conta o artigo 78.6º letra i) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o bolseiro ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Unha vez finalizada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada, co visto e prace do director do proxecto.

Undécima.-Esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición nun prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ao carácter básico do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro, de aplicación xeral de subvencións, e o seu desenvolvemento.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

* Unha bolsa para colaborar no proxecto sobre prosa literaria galega medieval.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar nos proxecto de prosa galega medieval que se está realizando no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar a bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciada/o en filoloxía.

-Ter coñecemento de informática en calidade de usuario.

-Experiencia investigadora no ámbito da literatura románica medieval, de maneira particular en prosa literaria e historiográfica, e preferentemente nos textos galegos e portugueses.

ANEXO II

* Dúas bolsas para colaborar no proxecto de lírica galego-portuguesa, vinculado ao Arquivo Galicia Medieval.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de lírica galego-portuguesa, vinculado ao Arquivo Galicia Medieval que se leva a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar as bolsas á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciada/o en filoloxía.

-Coñecementos de informática en calidade de usuario.

-Ter experiencia investigadora en literatura medieval románica.

-Capacidade para ler/traducir textos en diferentes linguas románicas no estado medieval.

ANEXO III

* Unha bolsa para colaborar no proxecto de corpus de referencia do galego actual.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de corpus de referencia do galego actual que se está realizando no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar a bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado/a en filoloxía ou tradución e interpretación.

-Ter experiencia na introdución de textos en ordenador e no manexo de textos en formato electrónico.

-Ter experiencia en gramáticas formais e construción de etiquetadores morfosintácticos e lematizadores.

ANEXO IV

* Unha bolsa para colaborar no proxecto de recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos que se leva a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar a bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado/a en filoloxía galega.

-Coñecementos de informática en calidade de usuario.

ANEXO V

* Unha bolsa para colaborar no proxecto de bibliografía da literatura galega.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de bibliografía da literatura galega que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar a bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciada/o en filoloxía.

-Ter experiencia en traballos do ámbito literario.

-Sólidos coñecementos informáticos.

ANEXO VI

* Unha bolsa para colaborar no proxecto de dicionario de fraseoloxía galega.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de dicionario de fraseoloxía galega que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar a bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado/a en filoloxía ou en tradución e interpretación.

-Contacto inmediato e habitual co mundo rural ou mariñeiro e dominio e uso da súa fraseoloxía.

-Bo nivel en mecanografía.

-Manexo dun procesador de textos e dunha base de datos.

-Coñecementos fraseolóxicos e experiencia fraseográfica ou lexicográfica.

-Dominio do francés.

ANEXO VII

* Unha bolsa para colaborar no proxecto de síntese de voz en galego.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de construción dun conversor texto-voz en galego que se leva a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar a bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado/a en filoloxía.

-Ter experiencia en traballos de fonética acústica e en tecnoloxías da fala.

-Coñecementos informáticos, en calidade de usuario.

-Valorarase positivamente o coñecemento de linguas estranxeiras.

ANEXO VIII

* Unha bolsa para colaborar no proxecto corpus de referencia do galego actual.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto corpus de referencia do galego actual que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar a bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser inxeñeira/o ou licenciada/o en informática.

-Ter experiencia na construción de gramáticas formais e etiquetadores morfosintácticos e lematizadores.

ANEXO IX

* Unha bolsa para colaborar no proxecto de dimensións de identidade colectiva en Galicia.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de dimensións da identidade colectiva en Galicia que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar a bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Ser licenciado/a en ciencias políticas ou matemáticas.

-Experiencia en estudos de opinión e tratamento e análise informática de datos.