DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 01 de decembro de 2004 Páx. 16.514

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 276/2004, do 18 de novembro, que modifica o Decreto 153/1989, do 27 de xullo, dos órganos reitores das caixas de aforros galegas.

As caixas de aforros, entidades financeiras de natureza fundacional, deben presentar uns órganos de goberno plurais, independentes e representativos dos grupos sociais do seu ámbito territorial de actuación.

O Decreto 153/1989, do 27 de xullo, veu regulando o funcionamento destes órganos de goberno dun xeito óptimo ao longo destes anos. Malia o anterior, a forte expansión fóra dos seus territorios orixinais, levada a cabo por estas entidades nos últimos exercicios, implica que sexa preciso recoller en igualdade de condicións a representación dos sectores sociais radicados fóra de Galicia. Cumprindo o previsto no artigo 2.3º da Lei 31/1985, do 2 de agosto, de regulamentación das normas básicas sobre órganos reitores das caixas de aforros, na súa redacción dada polo artigo 101 da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, na presente modificación establécese o principio de igualdade e de proporcionalidade segundo a cifra de depósitos, especificando e aclarando ademais o sistema de cómputo destes.

Recóllense tamén as variacións que na normativa autonómica introduciu a recentemente promulgada Lei 1/2004, do 21 de abril, que modifica as leis das caixas de aforros de Galicia para adaptalas á Lei 44/2002, de medidas de reforma do sistema financeiro, especialmente no referente á clarificación da duración total do mandato nos órganos de goberno, a irrevogabilidade expresa dos cargos e a posibilidade de limitación estatutaria da idade para acceder ao consello de administración.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de novembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 6 do Decreto 153/1989, do 27 de xullo, dos órganos reitores das caixas de aforros galegas, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 6º.-Duración dos cargos.

1. A duración do cargo de conselleiro xeral, vogal do consello de administración e membro da comisión de control será de catro anos.

Os estatutos poderán recoller a reelección, se continuasen cumprindo os requisitos establecidos para o seu nomeamento.

O cómputo do período de reelección será aplicado calquera que sexa o tempo transcorrido entre o cesamento e o novo nomeamento, e o grupo ou os grupos polos que puidese ter levado a representación.

2. A duración total do mandato non poderá superar os 12 anos, calquera que sexa a representación que teña. Cumprido o mandato de 12 anos, de forma continuada ou interrompida, e transcorridos oito anos desde a data mencionada, poderá volver ser elixido nas condicións establecidas na Lei 7/1985, do 17 de xullo, de caixas de aforros galegas.

3. As caixas de aforros realizarán cada dous anos a renovación dos membros que compoñen os órganos reitores, podendo optar entre renovar a metade dos membros representantes de cada un dos grupos sinalados no artigo 27 da Lei 7/1985, do 17 de xullo, ou renovar a totalidade dos representantes de cada dous dos grupos citados que abrangan o 50 por cento da composición total do órgano, de xeito que neste caso os grupos, alternativamente de dous en dous, renoven a totalidade dos seus representantes cada catro anos.

4. Mentres non se cumpra o prazo para o que foron designados, excepto nos casos de renuncia, defunción ou declaración de falecemento ou ausencia legal, o nomeamento dos conselleiros xerais e dos membros do consello de administración será irrevogable salvo, exclusivamente, nos supostos de incompatibilidade sobrevida, perda de calquera dos requisitos exixidos para a designación e o acordo de separación adoptado polo asemblea xeral se se apreciase unha causa xusta.

Entenderase que existe unha causa xusta cando o conselleiro xeral ou o membro do consello de administración incumpra os deberes inherentes ao seu cargo ou prexudique notoriamente coa súa actuación, pública ou privada, o creto, o bo nome ou a actividade da caixa».

Artigo 2º

Modifícase o artigo 9 do Decreto 153/1989, do 27 de xullo, dos órganos reitores das caixas de aforros galegas, que terá a seguinte redacción:

«Artigo 9º.-Distribución de conselleiros xerais entre corporacións locais.

1. Para os efectos da determinación dos conselleiros xerais representantes das corporacións locais, establecerase unha circunscrición única para todo o territorio en que opera cada unha das caixas de aforros galegas.

2. Dous terzos deste grupo de representantes distribuirase entre as corporacións municipais nas cales a caixa teña oficinas, en proporción ao volume de depósitos que supoñan as oficinas da entidade situadas no termo municipal sobre o volume de depósitos total da entidade financeira, segundo o procedemento establecido no número 4 deste artigo.

Para estes efectos, tomaranse os depósitos que teñan a consideración de conta corrente, conta de aforro ou imposición a prazo fixo, correspondentes a persoas físicas. O seu saldo será o correspondente á media do semestre anterior á data en que se realice esta distribución entre as corporacións locais.

3. O terzo restante distribuirase por sorteo público perante notario entre as corporacións municipais en que tamén teñan presenza e que non obtivesen algún representante de acordo co devandito criterio de proporcionalidade.

Os axustes debidos ao redondeo beneficiarán esta quenda de sorteo.

En calquera caso, os estatutos poderán reservar, dentro deste terzo, un representante por deputación provincial, ata un máximo de tres en total.

4. Para establecer a representación correspondente a cada corporación municipal no tramo proporcional indicado de dous terzos, fixarase un cociente resultante de dividir o importe total dos depósitos de cada caixa, segundo o previsto no número 2, entre o número de conselleiros que corresponde a este grupo, unha vez deducidos os que se distribúen por sorteo. A corporación municipal que teña no seu territorio un importe de depósitos igual ou superior ao dito cociente designará os conselleiros xerais que resulten de aplicar a correspondente proporción.

Se o número de conselleiros xerais designados polo procedemento anterior non cubrise a totalidade dos atribuíbles a este tramo, a diferenza ata alcanzalo distribuirase a razón dun conselleiro xeral por municipio, seguindo a orde dos máis próximos ao cociente regulador. No caso de empate, corresponderalle á corporación de maior poboación».

Artigo 3º

Modifícase o segundo parágrafo do artigo 15 do Decreto 153/1989, do 27 de xullo, dos órganos reitores das caixas de aforros galegas, que queda redactado como segue:

«Por cada circunscrición electoral será designado un número de conselleiros xerais proporcional aos seus depósitos, entendendo por estes o indicado no artigo 9.2º, parágrafo segundo, deste decreto».

Artigo 4º

Modifícase o número 4º do artigo 26 do Decreto 153/1989, do 27 de xullo, dos órganos reitores das caixas de aforros galegas, que queda así redactado:

«4. Os membros do consello de administración asistirán á asemblea xeral con voz e voto».

Artigo 5º

Modifícase o artigo 28 do Decreto 153/1989, do 27 de xullo, dos órganos reitores das caixas de aforros galegas, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 28º.-Proposta de nomeamento.

Os vogais do consello de administración serán nomeados pola asemblea xeral de entre os membros de cada sector de representación e por proposta da maioría do respectivo sector, do consello de administración ou dun 25 por cento dos membros da asemblea xeral. Non obstante, o nomeamento de vogais representantes das corporacións locais que non teñan a condición de entidade fundadora da caixa poderá recaer, como máximo, en dúas persoas que reúnan os requisitos adecuados de profesionalidade e non sexan conselleiros xerais. Igualmente, o nomeamento dos membros do consello de administración representantes dos impositores poderá recaer nun máximo de tres persoas que reúnan os anteriores requisitos, sempre que esta cifra non supoña acadar o 50 por cento da representación total do sector».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda