DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 30 de novembro de 2004 Páx. 16.473

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2004 pola que se convoca unha xornada sobre a xestión de novos desenvolvementos urbanísticos.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2004, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente, unha xornada sobre a xestión de novos desenvolvementos urbanísticos, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A realidade urbanística vai mudando paulatinamente e a mostra é que os modelos existentes, hai poucos anos tendentes á obtención do solo destinado principalmente a vivendas, están sendo superados por novas actuacións urbanísticas influenciadas por diferentes sectores. O turismo é, na actualidade, o primeiro motor do urbanismo tradicional, pero este leva pola súa vez aparellado comercio a grande escala, lecer, deporte e, necesariamente, infraestruturas que fagan viable o anterior. Xa non só se pretende propoñer vivendas, senón que estas se atopan dentro dun amplo conxunto que oferta outras propostas complementarias.

Esta xornada pretende dar un repaso a cada un destes sectores e espertar o latente ánimo existente, verbo da concepción dos novos desenvolvementos urbanísticos.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Urbanismo e turismo residencial e de aloxamento. Implicacións urbanísticas da nova lexislación autónoma en materia turística.

-Urbanismo e grandes centros comerciais e de lecer. Implicacións urbanísticas da normativa en materia comercial. A obtención e xestión do solo destinado a centros comerciais e de lecer.

-Urbanismo e grandes infraestruturas: o exemplo da remodelación das zonas de servizo dos portos de interese xeral. Réxime xurídico dos portos deportivos.

-Obras públicas e urbanismo: estradas e ferrocarrís. Especial referencia ao réxime xurídico dos aeroportos.

-Xestión de campos de golf desde unha perspectiva urbanística e ambiental. Obtención e xestión do solo. Avaliación do impacto ambiental. O problema da auga.

-Réxime xurídico dos proxectos de interese supramunicipal: o urbanismo autonómico. Implantación de proxectos no solo non urbanizable na lexislación galega. Avaliación estratéxica dos planos e avaliación do impacto ambiental dos proxectos.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

O lugar e a data: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos do Centro Cultural Xuvenil A Fábrica, en Perillo, no concello de Oleiros, sito en Peirao do Inglés da citada localidade, o día 21 de decembro de 2004.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 17 de decembro de 2004.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 20 de decembro, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate da xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a esta, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA