Constitúe un obxectivo primordial do programa de reforma e modernización da Administración autonómica galega o achegamento da Administración aos administrados como garantía de efectividade dos dereitos que o bloque constitucional lles recoñece na súa relación coas diferentes administracións públicas. Este obxectivo debe comezar polo achegamento físico das oficinas administrativas aos cidadáns, o que redundará, sen dúbida, nunha mellora dos servizos que presta a Administración pública.
A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece no seu artigo 38.4º b) que nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas, ou á dalgunha das entidades que integran a Administración local, se, neste último caso, estivese subscrito o oportuno convenio, pode
ranse presentar as solicitudes, escritos e comunicacións que os cidadáns lles dirixan aos órganos das distintas administracións públicas.
Con data do 15 de febreiro de 1996, subscribiuse un convenio de colaboración entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para a implantación e desenvolvemento dos servizos informáticos e de telecomunicacións no cal se prevé que nos concellos que se adhiran a el se exercerán as funcións que se citan no artigo 1º desta orde. No antedito convenio estableceuse, ademais, a formación do persoal que sexa adscrito polo concello aos servizos obxecto deste.
Mediante o antedito convenio intensifícase, pois, a cooperación coa Administración local e ponse ao seu servizo a rede privada de comunicacións da Xunta de Galicia para mellorar os servizos ao cidadán.
Por dispoñer os concellos de Begonte, Laxe, Mañón e San Sadurniño así como o Consorcio contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín da infraestrutura persoal e técnica prevista no convenio, disponse a súa inmediata posta en funcionamento, sen prexuízo de proceder de igual modo có resto dos municipios adheridos, na medida na que vaian conseguindo a dita infraestrutura.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
1. De conformidade co establecido no convenio de colaboración, subscrito o 15 de febreiro de 1996, entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios e Provincias, nos concellos de Begonte, Laxe, Mañón e San Sadurniño así como no Consorcio contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín, exerceranse, ademais das funcións que lles correspondan de acordo coa lexislación de réxime local, as seguintes funcións:
a) Rexistro xeral de escritos, solicitudes ou comunicacións dirixidas a calquera órgano da Administración autonómica de Galicia, cos efectos previstos no artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Rematado o trámite de rexistro, daráselles traslado dos escritos, solicitudes e comunicacións aos seus destinatarios sen dilación e directamente.
b) Información xeral da Administración autonómica de Galicia.
c) Información particular sobre aqueles expedientes administrativos tramitados por instancia de parte perante a Administración autonómica de Galicia, en que o solicitante sexa interesado, nos termos establecidos na lei.
d) Acceso ao Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.
2. As funcións ás que se refire o número anterior exerceranse nos concellos a partir do día 1 de decembro de 2004.
Artigo 2º
As oficinas dos concellos ás que fai mención o artigo anterior desempeñarán as funcións que no antedito artigo se conteñen, dentro do horario que con carácter xeral rexa para estas en cada caso e nos locais destinados ao rexistro xeral aberto ao público en cada concello.
Disposicións derradeiras
Primeira.-O establecido nesta orde non supón incremento de gasto.
Segunda.-Facúltase a Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, a Inspección Xeral de Servizos e a Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos para ditar as normas precisas para o desenvolvemento desta orde.
Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2004.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia, Relacións
Institucionais e Administración Pública