DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 29 de novembro de 2004 Páx. 16.391

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

DECRETO 274/2004, do 18 de novembro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Emigración.

Publicado o Decreto 215/2004, do 23 de setembro, polo que se modifica o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, no que se estrutura a Consellería de Emigración nos órganos superiores: secretaría xeral, Dirección Xeral de Emigración e Dirección Xeral de Inmigración, procede determinar para esta consellería unha nova estrutura orgánica.

O feito histórico da emigración galega configurou comunidades no exterior que teñen o recoñecemento estatutario de cara a compartir a vida social e cultural de Galicia. A proxección internacional da nosa identidade a través destes colectivos humanos, así como o especial fincapé na atención e asistencia social

a estes, particularmente nas áreas que sofren agudas crises económicas, aconsellan unha estruturación administrativa capaz de atender a unha realidade cada vez máis complexa.

Por outra banda, a globalización presenta o fenómeno inmigratorio como un proceso natural de confluencia de culturas, etnias e relixións. O fenómeno inmigratorio en Galicia fai que a nosa Comunidade Autónoma deixe de ser un país de emigración para converterse nun país receptor de inmigrantes e emigrantes retornados.

En Galicia estase a rexistrar, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, un notable incremento dos movementos inmigratorios, o que determina a conveniencia de abordar novas accións tendentes á ordenación e integración dos inmigrantes e retornados, de aí que resulte necesario reforzar, mediante esta disposición, a Dirección Xeral de Inmigración coa creación de novas unidades.

A Dirección Xeral de Inmigración é o centro directivo encargado de executar a política social, cultural, formativa autonómica en materia de inmigración e retorno, así como o desenvolvemento da política estatal nesta materia.

Finalmente, a pesar de atender colectivos que por definición se encontran repartidos nas catro provincias galegas, renúnciase a unidades provinciais específicas para acadar unha dimensión suficiente nos servizos centrais consonte criterios de economía e eficacia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Emigración, co informe previo das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, en uso das súas atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de novembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Emigración é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e política inmigratoria e de retorno en Galicia.

Artigo 2º

A Consellería de Emigración desempeñará as funcións da súa competencia a través dos seguintes órganos:

I. O conselleiro.

II. A secretaría xeral.

III. A Dirección Xeral de Emigración.

IV. A Dirección Xeral de Inmigración.

I. O conselleiro.

Artigo 3º

O conselleiro é a autoridade superior da consellería, e con tal carácter está investido das atribu

cións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. A secretaría xeral.

Artigo 4º

Un.-A secretaría xeral exercerá as funcións sinaladas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, ademais das que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular do departamento.

Dous.-Baixo a dependencia directa do secretario xeral existirán as seguintes unidades:

1. A vicesecretaría xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, que exercerá as seguintes funcións:

a) A asistencia técnica e administrativa ao secretario xeral en todos os asuntos que este lle encomende, así como a súa suplencia en caso de enfermidade, ausencia ou vacante.

b) A elaboración, por requirimento do secretario xeral, de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión dos diferentes procedementos administrativos.

c) O asesoramento e a realización de estudos e informes de carácter xurídico-administrativo nas materias competencia do departamento que lle sexan encomendadas polo secretario xeral.

d) A coordinación de todas as unidades administrativas da consellería para efectos administrativos e de persoal.

e) A xestión de todos os asuntos relacionados co persoal da consellería, sen prexuízo das atribucións que lles correspondan aos órganos competentes das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda.

f) A coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamento, o seu seguimento e control.

g) A organización do rexistro e a coordinación con outros rexistros existentes na consellería.

h) A contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

i) A coordinación das publicacións da consellería.

j) A coordinación da formación de estatísticas, estudos e investigacións acerca das competencias da consellería, sen prexuízo das que ten asumidas o Instituto Galego de Estatística.

k) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da consellería, sen prexuízo das competencias que poidan ter atribuídas outros órganos dela.

l) O establecemento, seguimento e mantemento dos procesos informáticos da consellería, sen prexuízo das competencias que a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública ten atribuídas nesta materia.

m) A tramitación da remisión dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou ás comisións delegadas, así como a das disposicións e actos administrativos que se deban publicar no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial.

n) O desempeño das funcións de índole administrativa que teña encomendadas a consellería en relación coas fundacións sobre as que exerza o protectorado.

ñ) Todos os aspectos relacionados co réxime interno da consellería.

o) A organización do arquivo da consellería.

Estrutúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Xestión Orzamentaria e Réxime Interior.

Son funcións deste servizo:

a) A elaboración do anteproxecto de orzamento.

b) A xestión e seguimento da execución orzamentaria.

c) A habilitación de pagamentos, agás os relativos ao capítulo I.

d) O rexistro xeral da consellería.

e) O arquivo.

f) O réxime interior.

g) A tramitación das publicacións da consellería ante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia.

1.2. Servizo Técnico Xurídico, Contratación e de Persoal.

Son funcións deste servizo:

a) Estudar os proxectos de disposicións que vaia promulgar a consellería adaptándoos ás prescricións do ordenamento xurídico cando así se lle encomende.

b) Elaborar as propostas de resolución dos recursos administrativos que debe resolver o conselleiro.

c) O estudo das disposicións de carácter xeral que se deban someter á Comisión de Secretarios Xerais e que sexan encargadas polo secretario xeral.

d) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería ou dos seus centros directivos.

e) As funcións relativas ao exercicio do protectorado en relación con aquelas fundacións que se atopen baixo a tutela da Consellería de Emigración.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa.

g) A tramitación dos expedientes administrativos relativos ao persoal funcionario e laboral dependente da consellería.

h) A habilitación de pagamentos relativos ao capítulo I.

i) Programar as necesidades de persoal da consellería.

j) O control de asistencia e puntualidade.

k) Aqueloutras actividades relativas ao persoal da consellería que, no seu ámbito de competencia, lle encomende o secretario xeral.

2. Dependendo organicamente da secretaría xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

2.1. Intervención Delegada.

2.2. Asesoría Xurídica.

III. Dirección Xeral de Emigración.

Artigo 5º

Un.-A Dirección Xeral de Emigración é o centro directivo encargado de executar a política da Xunta de Galicia sobre comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Para tal fin exercerá as seguintes competencias:

a) As actuacións nas materias derivadas da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

b) As relacións da Xunta de Galicia coas comunidades galegas asentadas fóra do territorio da Comunidade Autónoma.

c) A preparación e, se é o caso, sinatura e seguimento da execución dos convenios de colaboración coas distintas administracións públicas, os seus organismos e demais institucións e que, en relación cos galegos residentes no exterior, teñan por obxecto a consecución de actividades de tipo social, educativo, formativo e cultural que dado o caso procedan.

d) O fomento para a creación, a coordinación e a participación nas principais cidades do exterior nas que así o aconselle o apreciable volume de residentes galegos, de unidades de asesoramento nos centros galegos existentes ou que se creen.

Dous.-Para o exercicio das súas funcións e competencias a Dirección Xeral de Emigración estrutúrase do seguinte xeito:

1. A Subdirección Xeral de Programas Sociais, á que lle corresponderá a asistencia ao director xeral en materia de política social a prol dos emigrantes incluídos os aspectos formativos e culturais, así como a elaboración de programas sociais e a coordinación e dirección dos servizos que dela dependan.

Estrutúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Atención Social aos Emigrantes.

Son funcións deste servizo:

a) A proposta, articulación e deseño das medidas de actuación de asistencia social tendentes á mellora da calidade de vida dos galegos residentes fóra de Galicia.

b) A preparación, coordinación e seguimento dos programas de axudas aos galegos residentes no exterior.

c) Regular os criterios de avaliación socioeconómica necesarios para realizar o diagnóstico sobre os estados de necesidade dos nosos maiores residentes no exterior solicitantes de axuda.

d) Prestar información e asesoramento aos emigrantes galegos sobre as cuestións formuladas, tanto de carácter social como sobre a actualidade de Galicia.

e) O estudo, tramitación e seguimento de programas que permitan a mobilidade xeográfica entre os lugares de residencia dos galegos do exterior e Galicia.

f) A preparación, coordinación e seguimento de programas de colaboración asistencial e social coas residencias da terceira idade sitas no estranxeiro nas cales exista presenza de anciáns galegos.

g) A proposta e seguimento de medidas para a promoción social dos emigrantes e das súas familias.

h) A elaboración de toda clase de estudos e informes relacionados coa situación dos galegos residentes no exterior que sexan solicitados pola dirección xeral.

i) Información xeral das prestacións que poidan afectar os emigrantes, así como dos dereitos dos que poidan ser potenciais beneficiarios.

1.2. Servizo de Acción Formativa e Cultural.

Son funcións deste servizo:

a) A confección e xestión dos programas de formación ou especialización dirixidos ás comunidades galegas residentes no exterior.

b) Elaboración e xestión de programas para a formación profesional, empresarial e ocupacional dos galegos no exterior, nos propios países en que residen.

c) Promoción e desenvolvemento das actividades culturais, de acción solidaria e tempo libre dirixidas á xuventude das comunidades galegas do exterior, así como o fomento da participación destes mozos nos programas e servizos que a favor da xuventude organiza a Xunta de Galicia.

d) A elaboración e xestión de programas de promoción e integración da xuventude na actividade sociocultural e xerencial das comunidades galegas.

e) A programación de cursos, seminarios e actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura así como o coñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

f) A proposta de iniciativas de participación en traballos, conferencias e simposios de interese, así como a selección de relatorios e a realización das xestións necesarias para tales actos.

g) Elaboración de programas orientados á conservación dos fondos patrimoniais, documentais e bibliográficos das comunidades galegas no exterior.

h) Elaboración de estudos, informes e xestión de programas que lle sexan encomendados polo director xeral.

2. A Subdirección Xeral de Comunidades Galegas, á que lle corresponderá a asistencia ao director xeral nas súas relacións institucionais coas comunidades galegas, os procesos de reordenación destas e o recoñecemento da galeguidade, así como o seguimento dos expedientes de gasto relativos ás axudas que derivan dos programas sociais e culturais e aseso

ramento técnico na elaboración e xestión de bases de datos da dirección xeral.

Contará coa seguinte unidade:

2.1. Servizo de Rexistro de Comunidades Galegas e tramitación de axudas.

Son funcións deste servizo:

a) A xestión administrativa das axudas ou subvencións para programas destinados a entidades galegas que presten determinados servizos asistenciais e residenciais así como para aqueles plans de contido estrutural, funcional e de equipamento dos centros galegos no exterior.

b) A xestión administrativa dos programas da consellería en forma de axudas e subvencións, nas áreas formativas e culturais e aquelas dedicadas aos mozos descendentes dos galegos no exterior.

c) Xestión do rexistro de comunidades galegas e nesta materia, segundo o previsto, tramitación dos expedientes de recoñecemento de galeguidade, de altas, baixas ou modificacións.

d) Preparación de convenios e concertos coas entidades galegas no exterior.

e) Planificación e xestión das bases de datos relacionadas correspondentes a programas de actuación da dirección xeral.

f) A coordinación das actividades que presten as unidades de asesoramento nos centros galegos, coa actualización de procedementos e novas tecnoloxías, nos termos nos cales se recoñece no artigo 3.1º da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

g) Asesoramento, apoio técnico e coordinación da Mesa Galega da Emigración, do Consello de Comunidades Galegas e outros órganos de consulta e asesoramento das institucións da Comunidade Autónoma de acordo co previsto no capítulo II da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

IV. Dirección Xeral de Inmigración.

Artigo 6º

Un.-A Dirección Xeral de Inmigración é o centro directivo encargado de executar a política autonómica en materia de inmigración e retorno en Galicia. Para tal fin exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, planificación e execución dos programas de atención aos inmigrantes e retornados.

b) A xestión das liñas de axudas e subvencións de apoio aos inmigrantes e retornados.

c) A determinación das bases e criterios da política en materia de integración social e laboral dos emigrantes retornados e inmigrantes e a súa coordinación, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de asuntos sociais e emprego.

d) A coordinación e a colaboración con outras administracións públicas para a realización e posta en marcha de proxectos e actuacións dirixidos á integración tanto dos inmigrantes como dos emigrantes retornados.

e) Apoio á ordenación da chegada dos inmigrantes e emigrantes retornados desde os seus países de orixe.

f) As relativas ao deseño e xestión do continxente de traballadores galegos no exterior e a participación na xestión do continxente nacional de traballadores estranxeiros de conformidade coa normativa estatal vixente na materia, e en coordinación coa consellería competente en materia de emprego.

g) Promover a participación de todos os axentes sociais nas actuacións que se van realizar e, en particular, a creación de órganos de consulta e asesoramento nos que estarían representadas as administracións públicas e as diferentes entidades e axentes sociais implicados coa inmigración e o retorno.

h) Promover a sensibilización social a favor da colectividade inmigrante e retornada na procura dunha convivencia multicultural e a favor da tolerancia e, en particular, na loita contra a xenofobia.

i) A representación e participación nos órganos e foros relacionados co retorno e a inmigración.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Inmigración, estrutúrase do seguinte xeito:

1. A Subdirección Xeral de Integración da Inmigración, á que lle corresponde a asistencia ao director xeral nas súas competencias en materia de integración da inmigración e de retorno, así como a coordinación e dirección dos servizos dela dependentes. En particular, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A elaboración das disposicións normativas e os programas necesarios para a execución da política inmigratoria e de retorno na Comunidade Autónoma, relativas ás materias propias desta subdirección xeral.

b) A prestación do servizo de información e orientación aos emigrantes retornados e inmigrantes.

c) O desenvolvemento, mantemento e xestión do sistema de acollida integral, promoción e integración do colectivo inmigrante e retornado.

d) A xestión, control e seguimento das entidades colaboradoras da Rede Galega de Atención ao Inmigrante e ao Retornado.

e) A posta en marcha de programas e campañas de sensibilización social en prol da convivencia intercultural e en contra da xenofobia.

f) O desenvolvemento de plans de igualdade de oportunidades de colectivos desfavorecidos (muller e xuventude), sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

g) A coordinación cos órganos das administracións estatal e local nas materias propias desta subdirección xeral.

h) A coordinación en materia de atención, orientación e acollida básica dos inmigrantes e retornados con outros órganos administrativos.

i) A xestión de axudas e subvencións.

j) A preparación dos convenios e outros instrumentos de colaboración coas administracións públicas e entidades sociais nas materias propias da subdirección xeral.

k) A elaboración de estudos, informes e propostas de actuación nas materias propias desta subdirección xeral.

Estrutúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Orientación, Información e Axudas.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) O artellamento e xestión das estruturas de información e orientación da Consellería de Emigración a prol dos inmigrantes e retornados.

b) Información xeral e asesoramento sobre as posibles prestacións que puidesen afectar os emigrantes retornados e inmigrantes, así como daqueles que poidan ser potenciais beneficiarios.

c) Coordinación dos puntos de información aos emigrantes retornados e inmigrantes das diferentes administracións e entidades colaboradoras.

d) A tramitación administrativa das subvencións individuais a emigrantes retornados e a inmigrantes estranxeiros.

e) A tramitación administrativa das subvencións e iniciativas derivadas de plans de acción comunitarios.

f) A tramitación administrativa das subvencións a entidades locais.

g) A intermediación de programas de apoio para o acceso á vivenda, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

h) A xestión de programas de apoio á escolarización, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de Educación e Ordenación Universitaria.

i) Apoio e axudas aos axentes sociais para desenvolver accións de información, orientación e asesoramento sociolaboral que garantan a non-discriminación dos inmigrantes e retornados.

j) A xestión de programas de formación de profesionais das distintas administracións públicas e das entidades colaboradoras no ámbito da ordenación e atención á inmigración e ao retornado.

1.2. Servizo de Programas e Acollida Básica.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A xestión da Rede de Acollida Básica do Inmigrante e Retornado.

b) A xestión, control e seguimento das entidades colaboradoras da Rede Galega de Atención ao Inmigrante e Retornado.

c) Promover a creación dunha rede de emerxencia con carácter temporal e transitorio, que lles facilite aos inmigrantes e retornados en situación de vulnerabilidade a cobertura das súas necesidades básicas.

d) A xestión do Rexistro de Inmigrantes e do Rexistro de Asociacións de Iinmigrantes e Emigrantes Retornados.

e) A tramitación administrativa das subvencións a favor das entidades asociativas.

f) A xestión dos plans e accións de intervención urxente para situacións de carácter excepcional.

g) A xestión de programas de sensibilización en prol da inmigración.

h) A xestión de programas de interculturalidade.

2. A Subdirección Xeral de Ordenación da Inmigración, á que lle corresponde a asistencia ao director xeral nas súas competencias en materia de inmigración, así como a coordinación e dirección dos servizos dela dependentes. En particular, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A elaboración das disposicións normativas e os programas necesarios para a execución da política inmigratoria na Comunidade Autónoma, relativas ás materias propias desta subdirección xeral.

b) O deseño e a xestión do continxente de traballadores galegos no exterior e a participación na xestión do continxente nacional de traballadores estranxeiros de conformidade coa normativa estatal vixente na materia, e en coordinación coa consellería competente en materia de emprego.

c) A xestión, control e seguimento de prazas concertadas para o desenvolvemento do continxente.

d) A xestión das oficinas de retorno no exterior.

e) O desenvolvemento de programas de formación nos países de orixe dos inmigrantes e retornados e na Comunidade Autónoma de Galicia.

f) O desenvolvemento de plans de apoio para traballadores inmigrantes e retornados autónomos e Pemes que se pretendan implantar na Comunidade Autónoma, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de asuntos sociais, emprego e relacións laborais.

g) A creación e xestión da bolsa de emprego de traballadores estranxeiros.

h) Todas as actuacións derivadas do funcionamento do Observatorio Galego da Inmigración e de Loita contra o Racismo e a Xenofobia e da Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración.

i) O desenvolvemento de plans coordinadores de loita contra a economía somerxida e de control das condicións de traballo dos traballadores inmigrantes, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de asuntos sociais, emprego e relacións laborais.

j) O desenvolvemento de plans de revitalización demográfica.

k) Acción de formación dos inmigrantes, axuda á súa reinserción e orientación do seu aforro cara a investimentos produtivos nos países de orixe daqueles, de acordo co previsto no Programa global de regulación e coordinación da estranxeiría e inmigración en España, responsabilidade da Dirección Xeral de Ordenación das Migracións de España.

l) Determinar as tendencias do conxunto dos fluxos migratorios que afectan a Galicia e a elaboración de calquera tipo de estatística neste eido, sen prexuíxo das competencias do Instituto Galego de Estatística.

m) A coordinación cos órganos das administracións estatal e local nas materias propias desta subdirección xeral, así como a elaboración de estudos, informes e propostas de actuación derivados da participación da Dirección Xeral de Inmigración nos órganos e foros relacionados coa inmigración.

Estrutúrase na seguinte unidade:

2.1. Servizo de Ordenación da Inmigración.

a) A xestión administrativa do continxente de traballadores galegos no exterior e a participación na xestión do continxente nacional de traballadores estranxeiros de conformidade coa normativa estatal vixente na materia, e en coordinación coa consellería competente en materia de emprego.

b) A xestión administrativa de programas de formación de inmigrantes e retornados nos seus países de orixe.

c) A tramitación administrativa derivada da posta en marcha de plans de apoio para traballadores inmigrantes e retornados autónomos e de Pemes que se pretendan implantar na Comunidade Autónoma, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

d) Coordinación e xestión dos plans de loita contra a economía somerxida e de control das condicións de traballo dos traballadores inmigrantes, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de asuntos sociais, emprego e relacións laborais.

e) As accións derivadas da implantación de plans de revitalización demográfica.

f) A tramitación administrativa relativa á acción de formación dos inmigrantes, axuda á súa reinserción e orientación do seu aforro cara a investimentos produtivos nos países de orixe daqueles, de acordo co previsto no Programa global de regulación e coordinación da estranxeiría e inmigración en España.

g) Prestar soporte material e técnico en relación co funcionamento do Observatorio Galego da Inmigración e de Loita contra o Racismo e a Xenofobia para o desenvolvemento das actuacións derivadas do seu funcionamento.

h) A coordinación coa Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración e o desenvolvemento de actuacións conxuntas.

i) Xestión administrativa das oficinas e entidades de retorno no exterior.

j) A elaboración de estudos, informes e propostas de actuación derivados da participación da Dirección Xeral de Inmigración nos órganos e, en particular, nos foros relacionados coa inmigración e o retorno.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 196/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Emigración.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Emigración para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Aurelio Miras Portugal

Conselleiro de Emigracion

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA