DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 24 de novembro de 2004 Páx. 16.149

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2004 pola que se convocan unhas xornadas sobre intervención e defensa persoal policial.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dunhas xornadas sobre intervención e defensa persoal policial, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

-Obxectivos.

As xornadas teñen por obxectivos xerais a ampliación de coñecementos sobre as últimas técnicas de intervención e actuación ante as distintas situacións problemáticas que se poidan producir no traballo e na función policial.

-Destinatarios.

As xornadas van dirixidas aos membros dos corpos das policías locais de Galicia, aos membros da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso de quedaren prazas vacantes, aos membros do corpo nacional de policía e garda civil.

-Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

-Prazas.

O número de prazas que se ofertan é de 80.

-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 15 de decembro ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade; avenida da Cultura, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-Materiais.

Os que resulten admitidos deberán presentarse a estas xornadas provistos de atavío deportivo e, no caso de ser posible, co material profesional do que dispoñan (grillóns, bastón policial, tonfa...).

-Datas.

As xornadas terán lugar durante os días 17, 18 e 19 de decembro de 2004, no seguinte horario:

Día 17: xornada de tarde (das 16.00 ás 21.00 horas).

Día 18: xornada de mañá (das 9 ás 14 horas) e tarde (das 16.00 ás 21.00 horas).

Día 19: xornada de mañá (das 9.00 ás 14.00 horas).

-Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 16 de decembro de 2003, ás 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 00 21.

-Lugar.

Salón de actos da Academia Galega de Seguridade, avenida da Cultura, s/n, no Concello da Estrada.

-Certificado de participación.

Ao remate das xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a elas.

-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 15 de novembro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade