DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 24 de novembro de 2004 Páx. 16.134

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 16 de novembro de 2004 pola que se regula a identificación dos axentes forestais de Galicia.

A Lei 12/1992, do 9 de novembro, crea a escala de axentes forestais no exercicio das competencias e funcións que o Estatuto de autonomía atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ambiente.

O Decreto 293/1997, do 1 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da escala de axentes forestais, establece, dentro do réxime xeral de aplicación aos funcionarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, as especificidades relativas ás funcións propias do persoal desta escala, incluíndo expresamente que no exercicio das súas funcións os funcionarios da escala de axentes forestais teñen a consideración de axentes da autoridade (artigo 3.2º); que a consellería competente dotará a todo o persoal da referida escala da credencial acreditativa da súa condición, así como que o uniforme e distintivos do persoal da escala serán os determinados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Medio Ambiente (artigos 25 e 26).

No mesmo sentido pronúnnciase, na súa disposición adicional terceira, a Lei 9/2001, do 21 de

agosto, de conservación da natureza, ao atribuír aos axentes forestais e aos demais corpos de inspección, vixilancia e control da Consellería de Medio Ambiente o carácter de axentes da autoridade sempre que no exercicio das súas funcións realicen actividades de inspección e control e acrediten a súa condición mediante a correspondente documentación.

Por todo o exposto, co obxecto de instrumentar a regulación da acreditación e identificación dos axentes forestais, e en virtude das facultades expresamente conferidas no artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Identificación.

1. O persoal da escala de axentes forestais actuará debidamente identificado no desenvolvemento das funcións regulamentariamente atribuídas.

2. A identificación consistirá na presentación da credencial acreditativa da súa condición, que deberá ser amosada, nos actos de servizo, por iniciativa propia ou cando lle sexa requirido polos interesados.

Artigo 2º.-Tarxeta identificativa e placa acreditativa.

1. A devandita credencial comprenderá a tarxeta identificativa e a correspondente placa acreditativa expedidas conforme aos modelos oficiais previstos no anexo I.

2. A tarxeta identificativa ten unhas medidas de 86x56 mm e está confeccionada en plástico PVC duro, impreso en cuadricomía sobre fondo azul con tramado amarelo.

O seu anverso conterá o anagrama dos distritos ambientais; a lenda Escala de Axentes Forestais sobre o escudo de Galicia e a coroa real en cor vermella sobre un conxunto composto de marco e pico en cor branca e ramas envolventes de carballo á dereita e loureiro á esquerda en cor verde; o número identificativo correspondente ao axente forestal; unha fotografía do axente impresa en cor de 34x23 mm; e o anagrama da Xunta de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente.

O seu reverso estará encabezado coa denominación da consellería, e a continuación incluirá o seguinte texto: de conformidade coa lexislación vixente, o axente forestal titular da presente identificación, no exercicio das súas funcións, ten a consideración de axente da autoridade, con todos os efectos que ao respecto derivan do ordenamento xurídico.

3. A placa acreditativa ten unhas medidas de 65x63 mm e estará confeccionada en metacrilato con forma de escudo e impresa en cuadricomía sobre fondo azul con tramado amarelo.

O anverso conterá o anagrama da Xunta de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente; a lenda Escala de Axentes Forestais sobre o escudo de Galicia e a coroa real en cor vermella sobre un conxunto composto de marco e pico en cor branca e ramas envolventes de carballo á dereita e loureiro á esquerda en cor verde; e o número identificativo correspon

dente ao axente forestal, que se comporá de catro díxitos que se obterán de xeito correlativo, partindo do número 0001 para o primeiro axente forestal, segundo a orde alfabética.

Artigo 3º.-Entrega da credencial acreditativa.

1. Ao tomar posesión nun posto de traballo dos incluídos na escala de axentes forestais, seralle entregada ao funcionario correspondente a credencial acreditativa da súa condición, comprensiva da tarxeta e da placa.

2. Producido o cesamento na escala de axentes forestais, o funcionario entregará a súa tarxeta e placa.

3. Cada axente forestal conservará sempre o mesmo número identificativo. Así, aos funcionarios que tras cesar na escala tomen posesión nun posto de traballo dos incluídos nela, entregaráselles unha credencial acreditativa da súa condición que conterá o mesmo número identificativo que o da súa orixinaria.

Artigo 4º.-Libro de rexistro.

Na Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, levarase un libro de rexistro, permanentemente actualizado, no cal se inscribirá o número do axente, e os demais datos persoais identificativos: nome, apelidos e número do documento nacional de identidade.

Artigo 5º.-Perda, subtracción, destrución ou deterioración.

1. No caso de perda, subtracción, destrución ou deterioración dunha tarxeta ou placa, o seu titular deberá comunicalo de inmediato e por escrito á secretaría xeral para os efectos de tramitar unha nova, substitutiva daquela.

2. A subtracción ou o uso indebido da tarxeta ou placa estará suxeita ás correspondentes responsabilidades penais que sobre usurpación de funcións e uso indebido de insignias dispoña a lexislación penal vixente.

Artigo 6º.-Renovación.

As tarxetas de identidade renovaranse cada cinco anos.

Artigo 7º.-Actas, informes e documentos.

As actas, informes e demais documentos expedidos polo personal incluído na escala de axentes forestais respecto a feitos coñecidos e verificados na súa condición de axentes da autoridade, deberán ir convenientemente rubricadas e facer constar o número identificativo do axente que as subscribe.

Artigo 8º.-Uniformes.

A Consellería de Medio Ambiente determinará a uniformidade propia do persoal da escala de axentes forestais, sendo o seu uso obrigatorio nos actos de servizo.

Os uniformes serán de inverno e de verán, sendo similares basicamente ambos os dous, agás as variacións, nas pezas e no tecido e material, derivadas da necesaria adaptación a cada estación.

Os uniformes, como regra xeral, serán repostos cada dous anos, agás naqueles supostos en que as necesidades reais determinen outro prazo distinto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente