DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 23 de novembro de 2004 Páx. 16.073

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral sobre discrepancias na definición e valoración da actividade produtiva na empresa Treves Galicia, S.L.U.

Visto o texto do laudo arbitral sobre discrepancias na definición e valoración da actividade produtiva na empresa Treves Galicia, S.L.U., e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, artigo 2 f) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, artigo 24.4º do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 21 de outubro de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Laudo arbitral

José Mª Casas de Ron, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral de referencia, en procedemento de solución de conflitos, baseándose no establecido no capítulo III do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA), no que son interesados, dunha parte a empresa Treves Galicia, S.L.U., e doutra a representación legal dos traballadores, partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflito sobre discrepancias na valoración da actividade produtiva, por remisión aos procedementos do AGA previstos na cláusula 6ª do pacto de empresa de data 20 de marzo do ano 2003 acordado entre as partes deste procedemento; visto o expediente e oídas as partes, resolvo a cuestión formulada por medio deste laudo baseándose nos seguintes

Antecedentes:

As discrepancias xurdidas na definición e valoración da actividade produtiva, non lles permitiron alcanzar ás partes un acordo nas diversas reunións que mantiveron para tal efecto. Esgotadas as canles de solución internas, asínase o compromiso arbitral previsto no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de conflitos de traballo (AGA), no que se nomea árbitro ao que subscribe, todo iso no contexto das previsións establecidas no pacto de empresa asinado o 20 de marzo do ano 2003 e vixente ata o 28 de febreiro do ano 2007.

Procedemento:

1. O árbitro designado constituíu a mesa de arbitraxe en data 30-9-2004 asistindo á devandita mesa representantes das dúas partes en litixio e especificamente representando á empresa Salvador Tourón Pujador, director xeral, e Santiago Codina Blasco, director de Recursos Humanos, e doutra os representantes dos traballadores Félix Álvarez Filloy e David Couñago Louriño, delegados de persoal, e Rafael Iglesias García, secretario comarcal de Pontevedra da CIG. Previamente a esta constitución formal da mesa o árbitro mantivo reunións con ambas as dúas partes co fin de delimitar o suposto obxecto de arbitraxe.

2. O árbitro comunica que no procedemento se garantirán os principios de audiencia, contradición e igualdade, podendo as partes efectuar calquera alegación que sirva como defensa das súas posicións e que ao mesmo tempo sirva para ilustrar o árbitro nos matices do asunto que se somete á súa decisión.

3. A representación empresarial formula que ten establecido un sistema de obxectivos empresariais en función do número de pezas fabricadas, as cales, valoradas as incidencias, é dicir, os índices de rexeitamento, permiten establecer unha remuneración salarial en función de tales obxectivos. Se se alcanza aboaríase e no caso contrario non existiría. Este sistema é similar ao doutros centros de traballo do grupo empresarial e así se vén utilizando.

Non é, pois, un sistema convencional nin tampouco ao seu xuízo é unha prima de produción, senón un sistema de xestión da dirección empresarial fundamentado como se dicía nos propios obxectivos empresariais.

4. A parte social manifesta que os traballadores teñen que ter un sistema delimitado e medido na valoración da súa produción e que, por consecuencia, as cantidades por salarios recollidos na nómina incluído o que formula este litixio ten que estar perfectamente definido e establecido.

5. En definitiva, o que ás partes separa e separou nos últimos tempos é a distinta valoración sobre o carácter e natureza do que para a empresa sería unha especie de remuneración graciable en función de obxectivos empresariais por calidade e para os traballadores, pola contra, sería un concepto salarial non dispoñible en función dunha determinada productividade. Así mesmo, convén matizar que as diferenzas de cantidade que poden existir actualmente entre as quendas establecidas no sistema produtivo do centro de traballo, non pode significar impedimento na configuración da natureza da percepción, que ten que realizarse independentemente da ordenación do traballo que pola súa conta algún líder ou encargado das diferentes seccións poida efectuar, sobre a base de que os obxectivos de calidade da empresa son globais e colectivos, e en función da dilixencia normal exixible aos traballadores no desempeño ordinario das súas funcións profesionais.

6. O árbitro observa que a estrutura salarial da empresa se conforma cun salario base, antigüidade en quinquenios, dúas pagas extraordinarias, unha paga de beneficios que equivale ao 10,04% do salario anual rateada mes a mes e como consecuencia de acordos do 20 de marzo de 2003, unhas melloras por antigüidade e un denominado complemento de flexibilidade. Así mesmo, nas nóminas figura na estrutura do salario unha remuneración ZAP (obxectivos de zona autónoma de produción) fixada en función dunhas escalas de incidencias.

Estas incidencias que son, en definitiva, as pezas rexeitadas ou con defectos, constitúense nunha ratio ou indicador que valora estas incidencias, que poden ter unha orixe interna ou unha orixe externa, é dicir, poden ser pezas detectadas no propio centro de traballo ou detectadas polo sistema de calidade do cliente. A empresa establece determinadas porcentaxes para períodos prefixados, que se constitúen na ratio ou módulo que serve para o cálculo e establecemento da remuneración por obxectivos a que

se facía referencia. Para estes efectos, o árbitro comprobou que nas dúas áreas sociais existentes no centro de traballo da empresa, existe cadanseu taboleiro de anuncios en que se fixa documentalmente mediante sistemas de gráficas, para as distintas seccións, os indicadores alcanzados e a cantidade que corresponde a tal indicador.

7. Pois ben, o árbitro entende, formulada así a cuestión, e sobre todo á vista do significado que autenticamente para as partes adquire o sistema, que ante o que está non é ante unha compensación económica de disposición libre por parte da empresa, nin tampouco ante un sistema de medición do rendemento ao uso sen tempos, cal sería un sistema por Kb ou de tipo centesimal, etc., dado que esa remuneración retribúe de forma periódica unha calidade e toda vez que o sistema produtivo empresarial nas súas operacións non formula un sistema de tempos medidos e con descomposición das operacións. Ante o que está, a xuízo do árbitro, é ante unha auténtica prima por calidade colectiva, para as tres quendas, que en ningún caso pode ser considerado un concepto graciable e que está fixada en función duns obxectivos de calidade, obxectivos obviamente empresariais, pero que se constitúe como un complemento salarial ordinario.

8. Co anterior quedan definida a natureza da remuneración, remuneración que implica por unha parte unha necesaria obxectivización das súas circunstancias e condicións e por outra todos aqueles controis que os complementos salariais teñen no noso ordenamento legal e convencional. En definitiva, fixada a natureza da remuneración, debe de quedar establecida convencionalmente ou por pacto a súa valoración, o que sexa de coñecemento xeral para todos aqueles traballadores ou traballadoras implicados na súa percepción, que quede determinada a súa inclusión en nómina como tal prima de calidade, e finalmente de que xeito a representación dos traballadores poderá revisar e fiscalizar a devandita prima salarial, tanto desde o punto de vista dos dereitos colectivos da representación legal, previstos no artigo 68 da Lei do Estatuto dos traballadores, como desde o punto de vista do control que exercen os representantes dos traballadores en todo o relativo á ordenación do salario e a súa percepción

polos traballadores.

9. En definitiva, este laudo ten como misión definir, en función dos anteriores termos, a natureza da remuneración referida e establecer as liñas mestras de necesaria concreción en negociación das partes co fin, de que configurado o complemento salarial, unha e outra parte, saiban a que aterse con respecto ao seu funcionamento.

Por isto debe consensuarse en pacto colectivo a valoración dos distintos POD (pezas operario día) das seccións, as ratios ou indicativos de pezas rexeitables co seu valor así como as rexeitables por clientes, as comprobacións oportunas do sistema informático e a extracción de datos, así como a obriga empresarial de que todo o persoal coñeza e perciba

a estrutura salarial en uso e especificamente a da prima de calidade, así como aquelas cuestións que en función da información e revisión se establezan para os representantes dos traballadores dentro do capítulo dos dereitos de participación establecidos no Estatuto dos traballadores e no convenio colectivo de aplicación na empresa.

Cumpridos os principios de garantía do procedemento, resolvo a cuestión xurídica formulada ditando o seguinte laudo conforme o artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo publicado no DOG do 4 de maio de 1995.

Único:

A remuneración con denominación en nómina de ZAP non é un concepto retributivo discrecional por parte da empresa nin se corresponde cun sistema de rendemento medido, senón que é un complemento de natureza salarial configurado como unha prima de calidade, fixada colectivamente en función de ratios que necesariamente compatibilizarán os obxectivos empresariais e a seguridade salarial exixible para os traballadores, consensuándose en pacto polas partes a difusión dos indicadores da devandita prima de calidade colectiva, o seu coñecemento por todos os seus perceptores, así como os dereitos de información, participación e control dos representantes legais dos traballadores.

Contra este laudo poderase recorrer ante a xurisdición social nos termos establecidos no punto 4º do artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA).

Vigo, 5 de outubro de 2004.

O árbitro

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA