DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 23 de novembro de 2004 Páx. 16.061

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2004, da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se acorda ratificar os estatutos da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, inscribila no Rexistro de Confrarías e das súas federacións e ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Examinada a adaptación dos estatutos da Federación Galega de Confrarías de Pescadores creada por acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 21 de outubro de 2004.

Comprobado que se cumpren os requisitos que establece o artigo 74 do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, de aprobación do proxecto de estatutos pola maioría absoluta das xuntas xerais das federacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra, nas reunións do 25 de setembro, 6 de agosto e 7 de agosto de 2004 respectivamente, e de conformidade co disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, e cos artigos 112 a), 113 e 114 do decreto citado relativos ao rexistro de confrarías e das súas federacións.

A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, en representación desta, acorda ratificar os estatutos da Federación Galega de Confrarías de Pescadores que consta de 76 artigos, unha disposición adicional e unha disposición derradeira (40 páxinas), inscribila no rexistro de confrarías e das súas federacións no folio 4 do libro das federacións e ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, adquirindo desde este momento a eficacia xurídica que lle recoñecen as normas legais de aplicación.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2004.

Rosa Mª Quintana Carballo

Directora xeral de Innovación

e Desenvolvemento Pesqueiro