DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 23 de novembro de 2004 Páx. 16.060

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 6 de setembro de 2004 pola que se modifica a Orde do 20 de xaneiro de 1997, pola que se establecen o símbolo e o logotipo do Servizo Galego de Saúde, para adaptar a imaxe corporativa do Servizo Galego de Saúde ás novas normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.

Mediante Orde do 20 de xaneiro de 1997, estableceuse o símbolo e logotipo do Servizo Galego de Saúde, (DOG nº 21, do 31 de xaneiro e nº 34, do 19 de febreiro), coa finalidade de facilitar a identificación do organismo nas súas diversas actuacións.

A Real Academia Galega aprobou o 12 de xullo de 2003 as novas normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, atendendo entre outros, ao principio de que o galego normativo ten que ser o vehículo expresivo común e válido para todo o pobo galego, voz apta e dispoñible para as súas manifestacións tanto escritas como orais, tanto artísticas coma utilitarias.

Entre as modificacións aprobadas inclúese a terminación «-zo», para varias palabras entre as que se atopa servizo, conservando o galego a forma coincidente coa portuguesa e diferente da castelá; modificación que afecta claramente á denominación do organismo autónomo.

Por conseguinte, o Servizo Galego de Saúde, debe adaptar a súa imaxe corporativa ás novas normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, modificando deste xeito, a Orde do 20 de xaneiro de 1997, na súa versión galega, coa finalidade de que a identificación do organismo nas súas actuacións se adapte ao galego normativo.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a imaxe corporativa do Servizo Galego de Saúde, na súa versión galega, para adaptala ás novas normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, de acordo coas características que figuran no anexo desta orde,

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 20 de xaneiro de 1997, pola que se establecen o símbolo e o logotipo do Servizo Gallego de Saúde, en canto se opoña ao disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O Servizo Galego de Saúde desenvolverá a implantación progresiva do logotipo e imaxe corporativa en todos os seus ámbitos de actuación.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2004.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade