DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 23 de novembro de 2004 Páx. 16.054

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 267/2004, do 4 de novembro, polo que se acepta a herdanza feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia por Enrique Gesteiro Prieto.

Enrique Gesteiro Prieto faleceu o 27 de setembro de 2003 na Residencia-Fogar da Terceira Idade Porta do Camiño de Santiago de Compostela. O finado outorgou derradeiro testamento en escritura pública do 27 de outubro de 1998, instituíndo como única e universal herdeira a Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o artigo 17 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. A aceptación de herdanzas entenderase sempre a beneficio de inventario.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos en que Enrique Gesteiro Prieto acordou a súa herdanza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catro de novembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aceptar, a beneficio de inventario, a herdanza feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia por Enrique Gesteiro Prieto.

Por vontade do causante, o herdado destinarase ás necesidades da Residencia-Fogar da Terceira Idade Porta do Camiño de Santiago de Compostela, dependente da actual Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, catro de novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda