DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 18 de novembro de 2004 Páx. 15.822

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 264/2004, do 11 de novembro, polo que se modifica o Decreto 14/2000, do 7 de xaneiro, de autorización de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.

O artigo 13 do Decreto 14/2000, do 7 de xaneiro, polo que se regula a autorización de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano, determinaba a vixencia das autorizacións outorgadas establecéndoas en tres anos, contados a partir da data da resolución que as outorgase, prevéndose ademais o procedemento para proceder á súa renovación.

Para tal efecto, establecía que os interesados debían presentar a correspondente solicitude de renovación en modelo normalizado, antes da expiración da vixencia da autorización concedida.

Malia o anterior, nin o decreto antes citado, nin a súa modificación posterior, operada por Decreto 264/2003, do 2 de maio, incluían o modelo de renovación da autorización, prevista no artigo 13 do Decreto 14/2000.

A presente norma ten por obxecto establecer o modelo normalizado necesario para solicitar a renovación da autorización daqueles laboratorios dedicados á realización de ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano e, ao mesmo tempo, facilitar a xestión dos datos do Rexistro Galego de Laboratorios introducindo algunhas modificacións no modelo de solicitude de autorización, consistentes na inclusión dun espazo para o enderezo de correo electrónico do solicitante, na substitución do campo ensaios de autocontrol por outro que diferencie entre ensaios para produción propia e para a produción de terceiros, e na substitución do campo relación de ensaios ou técnicas para as que solicita autorización por outro que inclúa a indicación da matriz analítica e o método de ensaio.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Sanidade; Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Innovación, Industria e Comercio; Pesca e Asuntos Marítimos, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Adminis

tración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de novembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Apróbase o novo modelo de solicitude de autorización de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano, contida no anexo I do presente decreto.

Artigo 2º.-Apróbase o modelo normalizado de solicitude de renovación da autorización de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano, contida no anexo II do presente decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o anexo do Decreto 14/2000, do 7 de xaneiro, que contiña o modelo de solicitude de autorización de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os conselleiros de Sanidade; Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural; Innovación, Industria e Comercio; Pesca e Asuntos Marítimos; e Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor no mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública