DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Mércores, 17 de novembro de 2004 Páx. 15.743

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 10/2004, do 2 de novembro, de modificación da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Exposición de motivos.

A aprobación da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, supuxo un paso importante e decisivo no eido turístico por canto se dota a comunidade autónoma dunha normativa turística xeral que fixa o marco legal adecuado para o desenvolvemento do sector.

Tal e como se manifesta na exposición de motivos da devandita norma, as materias e disposicións reguladas nela desenvolvéronse coa suficiente amplitude e flexibilidade.

A dinámica aplicativa da norma pon de manifesto, a prol de posibilitar unha maior adecuación coas circunstancias en presenza así como de eliminar aquelas regulacións dela que supoñen contradicións ou disfuncionalidades nos obxectivos e funcións que a animan, a necesidade de realizar algúns cambios na regulación dalgunha clase de establecementos así como en diversos elementos concernentes ao exercicio da potestade sancionadora, mediante o correspondente procedemento sancionador, no seu ámbito de actuación.

Polo que fai á primeira cuestión, a evolución da oferta turística e da demanda das usuarias e usuarios e dos clientes exixe unha adaptación da lei no que se refire a campamentos de turismo. En efecto, o campamento de turismo está coñecendo un cambio substancial no sistema de aloxamentos. Cada vez máis o cliente deste tipo de establecementos solicita o servizo de bungalós ou construcións fixas, en detrimento do aloxamento tradicional, que é unha parcela para a instalación dunha tenda de campaña ou caravana.

No caso de Galicia e dadas as súas condicións climatolóxicas, esta demanda agudízase, de ser posible, aínda máis. Ademais disto, este tipo de instalacións fixas optimiza o establecemento turístico e permite a súa ocupación durante todo o ano, e non soamente nos meses de verán. Isto favorece a desestacionalización do turismo, un dos obxectivos fundamentais da actuación da Administración autonómica, de conformidade co artigo 2.4º da Lei 9/1997.

O artigo 41, na actual versión, posibilita a instalación deste tipo de aloxamentos nun vinte e cinco por cento da superficie destinada a acampada. Esta proporción é manifestamente insuficiente dadas as razóns anteriormente expostas, polo que cómpre modificala e permitir a instalación de construcións

fixas ata un máximo do cincuenta por cento da oferta total de prazas de campamento.

No tocante á segunda cuestión, débese proceder a unha redefinición dos tipos infractores recollidos nos artigos 86, 87 e 88 da lei, xa que na normativa turística se establecen determinadas prohibicións das que o seu incumprimento non se tipificaba como infraccións, así procede a tipificarse no artigo 87.22 a venda ou o alugueiro de parcelas nos campamentos de turismo. Tamén se constata a necesidade de tipificar novas condutas para garantir unha maior protección do consumidor e eliminar aquelas infraccións das que o seu coñecemento por razóns de competencia non corresponde a esta Administración turística.

Igualmente deben ser obxecto de redefinición os criterios establecidos a prol de efectuar unha ponderación máis precisa na gradación do importe das sancións que establece o artigo 92.

Resulta tamén de todo punto necesario abordar unha nova regulación das sancións accesorias que o apartado 2 do artigo 93 establece en relación coas infraccións graves ou moi graves.

Finalmente, débese proceder a operar unha corrección no artigo 98, derradeiro parágrafo, ao sentar o lapso de tempo necesario para entender reiniciado o período de interrupción do prazo de prescrición das sancións.

É preciso adaptar o procedemento ás modificacións realizadas pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

A este respecto resulta imprescindible modificar a redacción do artigo 90.2 para establecer o prazo de caducidade do procedemento sancionador. Neste sentido débese ter presente que a redacción adecuada debe estar en consonancia co establecido no artigo 33 do Decreto 40/2001, do 1 de febreiro.

Por último, tamén debe procederse a suprimir o apartado 2 do artigo 85 ao resultar innecesario xa que no artigo 95.1º se recolle a prohibición de duplicidade de sancións (bis in idem) cunha regulación axeitada ao disposto no artigo 133 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de modificación da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Artigo único.-Modificación do articulado da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Os artigos da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, que

a continuación se relacionan quedarán redactados como segue:

1. «Artigo 41. Concepto e definición.

1. Enténdese por acampamento de turismo, tamén denominado cámping, o espazo de terreo debidamente delimitado, dotado e acondicionado para a súa ocupación temporal por persoas que pretendan facer vida ao aire libre con fins vacacionais ou de ocio e que pasen a noite en tendas de campaña, albergues móbiles, remolques, caravanas ou outros elementos similares facilmente transportables, así como en construcións fixas destinadas ao aloxamento temporal sempre que se trate de edificacións independentes ou encostadas de planta baixa e que sexan explotadas polo titular do establecemento. Estes asentamentos e construcións fixas non terán en ningún caso carácter de residencia habitual.

2. A superficie destinada a construcións fixas non poderá superar o cincuenta por cento da oferta total de prazas de acampamento. Regulamentariamente determinaranse a superficie máxima de parcelas destinadas a construcións fixas e os demais requisitos e condicións exixibles.

3. Regulamentariamente a Xunta determinará a superficie mínima dos acampamentos de turismo, a superficie máxima da zona de acampada, o número de prazas que se van instalar segundo as diferentes categorías, os criterios de utilización e as medidas que se deben adoptar para a preservación dos recursos turísticos. En todo caso, na instalación de acampamentos de turismo terase en conta a necesaria preservación dos valores naturais ou urbanos, artísticos, paixasísticos, agrícolas e forestais do territorio do que se trate.

4. As disposicións desta lei non lles serán aplicables aos albergues e campamentos xuvenís, aos centros e ás colonias de vacacións escolares, fixos ou itinerantes, que se rexerán pola normativa específica».

2. «Artigo 85. Infraccións no exercicio da actividade.

1. Considéranse infraccións administrativas en materia de turismo as accións ou omisións dos distintos suxeitos responsables, tipificadas e sancionadas como tales nesta lei.

2. As infraccións administrativas en materia de turismo serán obxecto das sancións correspondentes, logo de instrución do oportuno expediente, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que poidan concorrer.

3. As infraccións administrativas á normativa turística tipificaranse en leves, graves e moi graves».

3. «Artigo 86. Infraccións leves.

Considéranse infraccións administrativas de carácter leve as simples inobservancias á normativa turística, sen transcendencia nin prexuízo grave para

as usuarias e os usuarios, que non estean tipificadas como falta grave ou moi grave, e en todo caso:

1) Non dispoñer materialmente dos documentos exixidos pola normativa turística para o exercicio da actividade, aínda que se conte para o seu exercicio coa preceptiva autorización, así como non observar na devandita documentación as condicións exixidas pola referida normativa.

2) O incumprimento do deber de exhibir os distintivos, os carteis, a lista de prezos e a documentación exixida pola normativa turística e a súa exposición sen as formalidades requiridas.

3) A falta de comunicación á Administración turística dos cambios de titularidade dos establecementos, dos prezos e daquelas alteracións no exercicio da actividade que non requiran autorización expresa, así como facelo fóra dos prazos establecidos.

4) Expedir sen os requisitos exixidos pola normativa turística as facturas ou os xustificantes de cobro polos servizos prestados ou non conservar os correspondentes duplicados durante o tempo establecido regulamentariamente.

5) Non dispoñer de follas de reclamación.

6) As accións ou omisións que, no tocante ao labor inspector, impliquen un mero atraso no cumprimento das obrigas de comunicación e información.

7) As deficiencias na prestación dos servizos debidos á clientela ou nos termos contratados, cando non lle causen un grave prexuízo ao cliente.

8) Non posuír persoal habilitado legalmente para o exercicio dun posto de traballo, cando así o exixa a normativa.

9) As deficiencias na atención e no trato á clientela por parte do persoal da empresa ou do establecemento.

10) As deficiencias nas condicións de funcionamento e limpeza dos locais, instalacións, mobiliario e equipamento e a falta de decoro dos establecementos, fachadas e inmediacións do inmoble que formen parte da explotación.

11) As deficiencias nas dependencias ou instalacións destinadas aos traballadores do establecemento.

12) Permitir a venda ambulante ilegal de obxectos no establecemento.

13) A percepción de prezos inferiores aos exhibidos ou notificados ao cliente.

14) Calquera outra que, supoñendo infracción desta lei, non apareza tipificada como grave ou moi grave».

4. «Artigo 87. Infraccións graves.

Considéranse infraccións administrativas de carácter grave:

1) A prestación de servizos e a realización de actividades carecendo da autorización, habilitación ou título-licenza exixidos pola normativa turística.

2) O incumprimento ou a alteración das circunstancias que motivaron o outorgamento da autorización, título-licenza ou habilitación para o exercicio da actividade ou profesión.

3) A utilización de denominacións, rótulos ou distintivos diferentes aos que correspondan segundo a normativa turística.

4) Efectuar modificacións da estrutura, capacidade ou características dos establecementos sen a previa autorización da Administración turística cando esta sexa preceptiva.

5) A carencia de dependencias ou instalacións para os traballadores, exixida pola normativa vixente.

6) A obstrución á inspección ou a negativa a facilitar a información requirida polos inspectores.

7) A publicidade, o anuncio ou a utilización de calquera manifestación cultural como galega sen selo, así como o uso de denominacións xeoturísticas non correspondentes.

8) Os cambios substanciais ou o incumprimento na prestación dos servizos, nos termos fixados nos contratos, respecto do lugar, tempo, prezo e demais condicións acordadas.

9) A non prestación ou prestación deficiente dos servizos debidos á clientela, que lle causen un grave prexuízo ao cliente.

10) Non expedir factura ou xustificante de pagamento polos servizos prestados naqueles establecementos nos que regulamentariamente se exixa e cando, en todo caso, o cliente o solicite, así como a facturación de conceptos non incluídos nos servizos prestados.

11) A percepción de prezos superiores aos exhibidos ou notificados ao cliente e a percepción de prezos por servizos que, en virtude da normativa turística, non sexan susceptibles de cobramento.

12) O trato incorrecto ao cliente nos supostos manifestamente ofensivos.

13) A reserva de prazas en número superior ás dispoñibles.

14) O incumprimento da normativa turística vixente en materia de insonorización.

15) O incumprimento do establecido nesta lei sobre o principio de unidade de explotación.

16) A información ou publicidade dos bens ou servizos que induzan a erro ou confusión no consumidor ou usuario turístico.

17) A negativa ou resistencia a facilitar as follas de reclamacións no momento de ser solicitadas, mesmo se a reclamación se fundamenta na denegación de acceso ao local ou na non prestación do servizo solicitado.

18) Non manter vixente o capital social, as fianzas e os seguros aos que obriga a normativa turística.

19) A prohibición de libre acceso e a expulsión dos clientes do establecemento, cando estas sexan inxustificadas.

20) A contratación con empresas e establecementos que non posúan a pertinente autorización da Administración turística para o exercicio da súa actividade.

21) O incumprimento da normativa de incendios e seguridade cando non supoña un grave risco para as usuarias ou os usuarios.

22) A venda ou o alugueiro das parcelas nos campamentos de turismo.

23) A reincidencia na comisión de faltas leves».

5. «Artigo 88. Infraccións moi graves.

Considéranse infraccións turísticas de carácter moi grave:

1) A utilización das axudas económicas outorgadas pola Administración turística para fins distintos daqueles para os que foron concedidas.

2) O incumprimento da normativa en materia de incendios e seguridade, cando supoña un grave risco para as usuarias ou os usuarios.

3) A oferta ou prestación de servizos turísticos que conteñan como elemento de reclamo aspectos que vulneren os dereitos fundamentais ou as liberdades públicas.

4) A reincidencia na comisión de faltas graves».

6. «Artigo 90.2.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución do procedemento sancionador será de seis meses desde a data do acordo da súa incoación. Logo de transcorrer o devandito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, producirase a caducidade do procedemento, nos termos e cos efectos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Malia o disposto no parágrafo anterior, o órgano administrativo competente poderá, de xeito excepcional, acordar a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación cando o número de expedientes en tramitación ou de persoas afectadas puidese supoñer un incumprimento do prazo máximo de resolución e notificación.

O órgano administrativo competente deberá motivar as circunstancias concorrentes e acordar a ampliación do prazo establecido só cando se esgotasen todos os medios á disposición posibles.

A ampliación do prazo non poderá ser superior ao prazo establecido nesta lei para a caducidade do procedemento.

O acordo que resolva sobre a ampliación de prazos teralle que ser notificado ao interesado e contra el non caberá ningún recurso».

7. «Artigo 92. Gradación das sancións.

1. Para a gradación do importe das sancións consideraranse, entre outros, os seguintes criterios:

a) A existencia e o grao de intencionalidade do suxeito infractor.

b) A categoría da empresa turística.

c) A reiteración nas condutas infractoras.

d) O incumprimento dos prazos e requisitos concedidos e comunicados para a reparación das deficiencias detectadas polos inspectores turísticos.

e) A reparación voluntaria, durante a tramitación do procedemento, dos danos, das anomalías e dos prexuízos causados.

f) Os prexuízos causados aos particulares.

g) O beneficio ilícito obtido.

h) A transcendencia social da infracción.

i) As repercusións negativas para o sector turístico e a imaxe turística de Galicia.

2. De conformidade cos criterios establecidos anteriormente, as sancións poderanse impoñer nos seus graos mínimo, medio e máximo».

8. «Artigo 93.2 e 3.

2. Nos casos de infraccións graves ou moi graves, poderanse impoñer como sancións accesorias as seguintes:

a) Suspensión da actividade turística ou do exercicio profesional.

No caso de que se produza reiteración de infraccións graves e cando a comisión dunha infracción cualificada como grave supoña un notorio prexuízo para a imaxe turística de Galicia, un desprestixio da profesión turística ou un dano irreparable para a usuaria ou o usuario, poderase impoñer, ademais, unha sanción de ata seis meses de suspensión da actividade ou do exercicio profesional.

No caso de que se produzan infraccións moi graves, a sanción de suspensión para estes supostos poderá ser de seis meses e un día a un ano.

b) Clausura definitiva do establecemento ou revogación do correspondente título-licenza ou autorización para o exercicio da actividade.

Poderase acordar a imposición desta sanción, como accesoria á multa, nas infraccións moi graves que supoñan un notorio prexuízo para a imaxe turística de Galicia, un desprestixio evidente para a profesión ou danos irreparables ás usuarias ou os usuarios.

3. Non se considerará sanción o pechamento dos establecementos que estean desenvolvendo actividades turísticas sen contar coas autorizacións preceptivas.

A procedencia da antedita medida requirirá, para a súa válida adopción, a previa audiencia do interesado e prorrogarase ata a obtención da correspondente autorización sempre que esta se atopase en fase de tramitación».

9. «Artigo 98 (último parágrafo).

Interromperá o prazo de prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo de quedar este paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente