DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 15 de novembro de 2004 Páx. 15.610

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2004 pola que se fai público o contido do convenio polo que establece unha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica para financiar a adquisición de dereitos de pesca por parte de agrupacións de produtores para o acceso da frota galega a caladoiros, subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras.

Con data do 5 de novembro o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e 15 entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de establecer unha liña de apoio ao acceso ao crédito específico para o sector pesqueiro de Galicia que opera dentro dos límites xeográficos da Comisión de Pesca do Atlántico Nordeste (NEAFC), ao abeiro do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Instituto Galego de Promoción Económica, e do Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Igape

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio coas entidades financeiras que figura como anexo I e a relación de entidades que subscribiron este que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2004.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de

Promoción Económica

ANEXO I

Convenio polo que se establece unha liña de avais do Igape para financiar a adquisición de dereitos de pesca por parte de agrupacións de produtores, para o acceso da frota galega a caladoiros.

Antecedentes.

Este convenio, asinado dunha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Antonio Orza Fernández, e doutra parte por... (en diante, a entidade de crédito), representada por D/Dª..., con poder suficiente, formalízase, co obxecto de establecer unha liña de apoio ao acceso ao crédito específico para o sector pesqueiro de Galicia que opera dentro dos límites xeográficos da Comi

sión de Pesca do Atlántico Nordeste (NEAFC), ao abeiro do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Instituto Galego de Promoción Económica, e do Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior.

A frota do NEAFC, incluída no anexo IX do Tratado de Adhesión de España á Comunidade Europea, e da que destaca a importancia en diversos aspectos, como a súa capacidade de abastecemento de produtos pesqueiros de gran consumo, e a gran relevancia dentro do tecido socioeconómico, ten establecido en Galicia o porto base de moitas das súas unidades.

Por iso, a Comunidade Autónoma de Galicia debe contribuír á consolidación desta frota, potenciando a súa rendibilidade e propiciando unha explotación máis racional do caladoiro, dentro dun marco vixente de axuste permanente do esforzo pesqueiro nel.

Así as cousas, o Igape pretende instrumentar unha liña de garantías que favoreza o acceso a créditos para a adquisición de dereitos de pesca, contando coa colaboración activa das entidades financeiras e das organizacións que actúan en nome dos produtores, e que contribúen á mellora das condicións de acceso ao caladoiro.

As ditas garantías poderán ser instrumentadas polo Igape, con suxeición ás seguintes

Cláusulas

Primeira.-Obxecto do convenio e volume global de garantías que se van conceder.

Este convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre... e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de establecer liñas de financiamento garantidas polo Igape, someténdose ás directrices horizontais e sectoriais ditadas pola Comisión Europea, ás normas específicas contidas neste convenio e ás que posteriormente se poidan ditar para o seu funcionamento operativo.

A contía global dos préstamos acollidos a este convenio ascenderá como máximo a 30.000.000 A. A contía dos avais que se concedan durante o exercicio 2004 estará limitada conforme ao establecido no artigo 31 da Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, e do Acordo do 10 de maio de 1995, da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos, sobre criterios para a concesión de avais por parte do Igape. Nos exercicios posteriores igualmente se limitará conforme o que legalmente se estableza.

Segunda.-Beneficiarias da liña de avais.

Poderán ser beneficiarias das garantías previstas neste convenio as persoas xurídicas cuxos socios sexan maioritariamente armadores de buques de pesca con bandeira española e porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Vixencia e prazo de presentación de solicitudes.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e o prazo de presentación de solicitudes de aval rematará o 31 de decembro de 2005.

Cuarta.-Investimentos financiables.

4.1. Serán financiables as operacións de adquisición de dereitos de acceso aos caladoiros, nas seguintes modalidades:

a) Adquisición directa de dereitos de acceso ás pesqueiras.

b) Adquisición de buques que teñan acumulados dereitos de acceso ás pesqueiras. Nesta modalidade, o buque ao que estean asociados os dereitos de pesca será revendido ou destinado á paralización definitiva conforme a lexislación vixente. Os importes obtidos pola venda do buque sen dereitos de pesca ou a prima que se perciba pola paralización definitiva destinaranse á amortización anticipada do préstamo.

c) Adquisición da totalidade do capital social de sociedades mercantís que teñan como único inmobilizado buques que gocen de dereito de acceso ás pesqueiras. Neste caso, respecto ao buque sen dereitos, procederase de igual forma que no suposto anterior.

Os dereitos de acceso aos caladoiros adquiridos pola beneficiaria serán distribuídos entre os seus partícipes interesados. A cesión dos dereitos farase mediante venda ou arrendamento con opción a compra polo mesmo período do préstamo.

4.2. A contía do investimento financiable será o prezo de adquisición, e determinarase excluíndo o IVE e outros tributos do custo de adquisición.

4.3. Serán investimentos financiables os que se realicen con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2004, pendentes de pagamento na data de solicitude ou pagados mediante préstamos ou créditos ponte formalizados con entidades financeiras con posterioridade á primeira data citada.

Quinta.-Características das operacións de préstamo.

5.1. Porcentaxe de financiamento.

O importe dos préstamos que vai garantir o Igape poderá ser de ata o 100% do investimento financiable determinado de conformidade coa cláusula cuarta anterior.

5.2. Prazos de amortización.

O prazo máximo de amortización do préstamo será de 15 anos, incluído un ano, como máximo, de carencia.

As amortizacións serán realizadas pola prestameira en cotas semestrais iguais, con vencemento o último día do semestre natural, debendo recoller a póliza ou escritura o número de cotas e as datas en que se producirán a primeira e a última. As cotas de

amortización poderán redondearse, acumulando na última a diferenza ata completar o total que se ten que amortizar.

5.3. Tipo de xuro.

Polo menos durante a vixencia do aval do Igape, o tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo concertadas e acollidas a este convenio será variable por semestres naturais de acordo coa seguinte norma:

a) Tipo de referencia: para o primeiro semestre de cada ano calcularase como a media aritmética simple dos tipos diarios do euribor a prazo de 6 meses correspondentes ao mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre será a media aritmética simple dos tipos diarios do euribor a prazo de 6 meses correspondentes ao mes de maio do mesmo ano.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que en ningún caso poida exceder de 0,75 puntos.

c) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de lle engadir ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

Para os efectos deste convenio, enténdese por Euribor (Euro Interbank Offered Rate = tipo interbancario ofrecido en euros) a prazo de 6 meses, como o tipo de xuro de oferta, para depósitos interbancarios en euros a prazo de 6 meses, publicado pola Federación Bancaria Europea ou pola entidade pública ou privada, española ou da Unión Europea, designada para isto.

No caso de que desaparecese o Euribor, o tipo de xuro variará por semestres naturais de acordo coa seguinte norma:

a) Tipo de referencia: para o primeiro semestre de cada ano, será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda pública de prazo entre dous e seis anos, publicado polo Banco de España, correspondente ao mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre de cada ano, será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda pública de prazo entre dous e seis anos, publicado polo Banco de España, correspondente ao mes de maio do mesmo ano.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que en ningún caso poida exceder de 0,25 puntos.

c) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de lle engadir ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, redondearase ata a más próxima vixésima parte do punto.

O tipo de xuro de referencia para cada semestre será comunicado polo Igape ás entidades financeiras e publicado no Diario Oficial de Galicia.

5.4. Restantes condicións dos préstamos.

As condicións dos préstamos non estipuladas nos puntos anteriores serán as que libremente pacten prestamista e prestameiro.

Sexta.-Obxecto e condicións da garantía.

6.1. As garantías outorgadas polo Igape consistirán na prestación de aval subsidiario ante as entidades financeiras asinantes do convenio, nas condicións e termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e do Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior.

6.2. O importe de cobertura do aval do Igape será do 50% do principal de cada préstamo.

6.3. O prazo de vixencia da garantía será como máximo de 7 anos.

6.4. As condicións de execución dos avais prestados polo Igape ao abeiro deste convenio serán:

1. Unha vez notificada notarialmente á avalada a rescisión do préstamo ou vencido o seu prazo de vixencia sen que se procedese ao seu aboamento, e requirida esta para pagamento, a entidade financeira deberá notificar notarialmente ao Igape tal rescisión, achegando certificación intervida por fedatario público do saldo vivo pendente de amortizar na data de peche da conta e os xustificantes das disposicións do préstamo.

2. O aval será executivo a demanda da entidade financeira desde o momento en que esta lle acredite ao Igape que, ademais, se cumpriu algunha das seguintes condicións:

a) Que fose declarado o concurso ou admitida a trámite xudicial a solicitude de declaración de concurso da empresa avalada, ou

b) Que transcorresen cento oitenta días desde a data do requirimento notarial á avalada reclamándolle o reembolso das cantidades pendentes, e ademais se interpuxese demanda xudicial reclamando o cobramento do debido.

3. O importe que lle aboará o Igape á entidade financeira por ser ter producido a condición do punto 1) e algunha das condicións do punto 2), será satisfeito nos trinta días seguintes ao da xustificación documental delas.

O aval cancelaríase automaticamente unha vez transcorridos trinta días naturais desde o momento do seu vencemento, sen que conste notificación da entidade financeira ao Igape realizada segundo os termos do punto 1) anterior.

Sétima.-Tramitación dos avais.

7.1. Solicitudes e documentación.

Os interesados deberanlle presentar ao Igape a súa instancia de solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I, nas súas oficinas ou en calquera

das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Á solicitude xuntaráselle a documentación establecida no anexo II. A documentación deberá achegarse en orixinal ou en copia cotexada ou compulsada, podendo solicitar o Igape, en calquera momento durante a tramitación do expediente, calquera documentación que resulte relevante para efectos de analizar a solicitude.

7.2. O último día hábil para a súa presentación será o 31 de decembro de 2005. As solicitudes presentadas fóra deste prazo serán obxecto de resolución de arquivo.

7.3. Dentro dos dez días seguintes ao da recepción das solicitudes, o Igape comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron recibidas, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento e para os efectos do silencio administrativo.

7.4. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos neste convenio ou non está acompañada da documentación exixida, requirirase ao solicitante que, no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao do requirimento, se emende a falta ou se presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, en caso contrario, se considerará desistido da solicitude, logo de resolución declarativa de tal circunstancia.

7.5. Instruído o procedemento pola Área de Financiamento do Igape e inmediatamente antes de redactar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

7.6. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma exercerá control interno con carácter previo á concesión, conforme determinan os artigos 95 e seguintes do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7.7. A Dirección da Área de Financiamento do Igape elevará proposta de resolución á Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a solicitude especificando beneficiaria, importe do aval, prazo e condicións financeiras do préstamo avalado e investimento financiable. As propostas de denegación de solicitudes deberán detallar a causa.

As solicitudes de aval resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas.

7.8. Concesión.

O Igape notificaralle ao solicitante e comunicaralle á entidade financeira a concesión ou denegación do aval. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde a súa notificación. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición perante o Consello de Dirección do Igape no prazo dun mes desde a súa notificación.

O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data de presentación da solicitude da axuda. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

7.9. Os avais concedidos ao abeiro deste convenio serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos establecidos no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e no Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior. Trimestralmente daráselle conta ao Parlamento dos avais existentes, dos avais concedidos e, se é o caso, dos riscos efectivos aos que a Tesouraría da comunidade autónoma tivese que facer fronte.

7.10. Formalización.

O Igape subscribirá coa beneficiaria un contrato de garantía no cal se recollerán as obrigas das partes respecto ao aval prestado.

O prazo máximo para a instrumentación do aval e do préstamo será de cinco meses a partir da data de notificación da súa concesión. Finalizado o prazo sen que se instrumente o aval e/ou sen que se formalice o préstamo, ditarase resolución considerando que o solicitante renuncia ao aval concedido, e ordenando o arquivo do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

O préstamo deberá recoller a característica de estar acollido a este convenio, a finalidade do préstamo, o tipo de xuro nominal anual da operación aplicable durante a vixencia do aval e o sistema de variación.

A entidade financeira remitiralle ao Igape copia cotexada da póliza ou escritura de préstamo, coa maior brevidade.

7.11. Disposición do préstamo.

O período de disposición do préstamo e de realización dos investimentos non poderá superar a data pactada no contrato de préstamo para o aboamento da primeira amortización de principal.

As disposicións realizaranse a través dunha conta específica en que se reflitirán única e exclusivamente os movementos habidos na operación de préstamo.

Á formalización do préstamo ou, en todo caso, previamente á utilización dos fondos, a entidade financeira requirirá das beneficiarias a documentación (facturas, contratos, etc.) que acredite a execución do investimento financiable, pagado e pendente de pagamento. A disposición dos fondos irá destinada aos pagamentos pendentes do investimento. Non obstante, tamén se poderá admitir a disposición do préstamo con destino á cancelación, en todo ou en parte, dos préstamos ou créditos que se destinasen ao pagamento do investimento financiable conforme o disposto na cláusula 4.3.

O Igape responderá ata a contía máxima establecida, única e exclusivamente, daqueles importes da dita operación de préstamo destinada ás finalidades sinaladas, non permitindo a entidade financeira prestamista disposicións para finalidades distintas. No caso de reclamación de reembolso ao Igape, a entidade financeira deberá achegar os xustificantes das disposicións da operación de préstamo e da súa efectiva aplicación ás ditas finalidades (xustificante da transferencia ao acredor).

7.12. Amortización anticipada.

No suposto de que o préstamo se utilizase para a adquisición de dereitos de acceso aos caladoiros recollidos nas cláusulas 4.1.b e 4.1.c, os importes obtidos pola venda do buque sen dereitos de pesca ou a prima que se perciba pola paralización definitiva destinaranse na súa totalidade á amortización anticipada parcial do préstamo nun prazo máximo de 30 días desde o seu cobramento.

7.13. Seguimento das operacións avaladas.

A entidade financeira deberalle remitir ao Igape para os efectos de realizar o seguimento do risco das operacións de avais que se atopen en vigor, nun prazo de 15 días desde a finalización de cada trimestre natural, certificación onde conste o grao de cumprimento do préstamo avalado e detalle das amortizacións do período.

A partir da formalización de cada operación de aval, as beneficiarias deberán remitir de forma periódica ao Igape, mentres a operación de aval se atope en vigor, a documentación que se relaciona a seguir:

* Con periodicidade semestral e nun prazo de 30 días desde a finalización de cada semestre:

-Certificación emitida por representante da beneficiaria con indicación dos cambios na súa estrutura accionarial e os cambios producidos na xerencia, órganos de goberno ou administración, desde a última comunicación.

-Certificación emitida por representante da beneficiaria indicando a situación das débedas dos par

tícipes contraídas con motivo da cesión de dereitos de acceso aos caladoiros e o seu grao de cumprimento.

-Relación de buques asociados á beneficiaria.

* Con periodicidade anual e nun prazo de 30 días contados a partir da data de aprobación das contas anuais:

-Contas anuais asinadas polos representantes da empresa, incluíndo balance e conta de perdas e ganancias ao nivel de tres díxitos segundo PXC, e no caso de que a empresa estea obrigada a realizar auditoría, copia do informe de auditoría correspondente.

7.14. Comisión de aval.

Cada operación de aval que, de ser o caso, sexa concedida, devengará unha comisión anual do 0,20%, de acordo co establecido no Consello de Dirección do Igape do 26 de decembro de 1996, no caso de operacións de aval concedidas nos supostos previstos no punto primeiro, letra b), do Acordo da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos, do 10 de maio de 1995, sobre criterios de distribución e prioridades dos avais do Igape, de apoio a accións que sexan consecuencia de plans e programas sectoriais de competitividade así como aquelas que con igual finalidade poñan en marcha empresas ou grupos empresariais de especial interese socioeconómico para Galicia.

Os pagamentos efectuaranse anualmente mediante cheque ou transferencia á conta do Igape que se designe, ingresándose os pagamentos correspondentes á primeira anualidade na data de entrega dos correspondentes documentos de aval, e as seguintes anualidades no mesmo día e mes dos anos sucesivos en que estea vixente o dito aval.

Oitava.-Control e comprobación dos avais.

8.1. As empresas beneficiarias someteranse ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. Neste sentido as beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

8.2. Con independencia do indicado no punto anterior, a entidade avalada comprométese expresamente a facilitarlle ao Igape a inspección e o control dos investimentos, dos destinos dos fondos do préstamo avalado, así como da situación da solvencia da empresa, podendo, para tales efectos, verificar os balances, contas de resultados e demais estados de libros contables.

Novena.-Prórroga de prazos.

En atención ao disposto polo artigo 49 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común, as prórrogas dos prazos administrativos establecidos neste convenio solicitaranse ao Igape cunha antelación mínima de 10 días hábiles ao do vencemento do prazo que se vai ampliar, co obxecto de que o Instituto poida resolvelas con anterioridade á súa expiración.

Décima.-Modificacións.

10.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do aval poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

10.2. O presidente do Igape poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da beneficiaria, sempre que a modificación do proxecto non orixine prexuízo a terceiros, e que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación do aval.

Décimo primeira.-Obrigas das entidades financeiras.

1. A entidade financeira asinante comprométese a:

a) Conceder os préstamos nos termos e condicións establecidos neste convenio.

b) Colaborar na tramitación dos expedientes de axuda, cumprindo os prazos e demais formalidades establecidas neste convenio.

c) Acatar e cumprir cantas normas de carácter operativo dite o Igape para a mellor administración e control das operacións incluídas neste convenio.

d) Remitirlle ao Igape as aclaracións que solicite así como someterse ás actuacións de comprobación que, respecto da xestión dos fondos, poida efectuar o Igape ou calquera dos organismos referidos na cláusula 8.

Décimo segunda.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a resolución deste convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da contraria cun mínimo de 30 días de aviso previo.

A resolución suporá en todo caso deixar atendidas fronte ás beneficiarias as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décimo terceira.-Natureza.

Este convenio ten natureza administrativa e correspóndelle ao Igape a interpretación de seu contido.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2004.

Pola entidade financeiraPolo Igape

...José Antonio Orza Fernández

...Presidente do Igape

DNI...

ANEXO II

Relación de entidades financeiras colaboradoras

CaixasBancos

Caixa GaliciaBanco Bilbao Vizcaya Argentaria

CaixanovaBanco de Galicia

Caja EspañaBanco Español de Crédito

La CaixaBanco Espirito Santo

Banco Etchevarría

Banco Gallego

Banco Pastor

Banco Popular

Banco Sabadell

Banco Santander Central Hispano

Bankinter

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA