DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 15 de novembro de 2004 Páx. 15.608

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2004 pola que se convoca unha xornada sobre arbitraxe.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2004 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase unha Xornada sobre arbitraxe, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A presente xornada ten por finalidade afondar nalgunhas das cuestións esenciais da arbitraxe comercial. A última reforma levada a cabo pola Lei 60/2003, do 23 de decembro, da arbitraxe, aconsella a análise das principais novidades introducidas por esta lei na dita institución. Pero o obxectivo desta acción formativa non é só pórse ao día nas normas reguladoras da arbitraxe, senón tamén enmarcar a arbitraxe no contexto económico no que ten que desenvolverse. Por esta razón, ademais do exame das cuestión procesuais máis importantes da arbitraxe, como son as actuacións procesuais ou a exe

cución do laudo, prevíronse nesta xornada relatorios de carácter xeral sobre a propia significación da arbitraxe, tales como as relacións entre o xuíz e o árbitro, como presuposto dunha cultura arbitral e a arbitraxe e a protección dos investimentos. Tamén, pola súa novidade, se incluíron os temas da arbitraxe societaria, e o da arbitraxe e a propiedade industrial, cuestión esta última sobre a que previron unha regulamentación especial as recentes leis de marcas de 2001 e de deseño industrial de 2003.

Os relatores participantes na actividade que se convoca son especialistas de recoñecido prestixio no sector da arbitraxe, tanto polos cargos que ocupan como polas súas publicacións sobre as citadas materias.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-As relacións entre o xuíz e o árbitro, como presuposto dunha cultura arbitral.

-As actuacións arbitrais.

-Arbitraxe societaria.

-Arbitraxe e propiedade industrial.

-A execución do laudo.

-Perspectivas de futuro na arbitraxe internacional de investimento.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia na Coruña, sito na praza de Pontevedra, s/n da citada cidade, o día 16 decembro de 2004.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 14 de decembro de 2004.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 15 de decembro, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate desta xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a esta, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública